Pestanas principais

Patricia Guerrero presenta a súa última obra “El libro que tu perro quiere que leas” dentro do programa Encontros Literarios

Mércores, 20 de marzo de 2024

A edición deste ano do programa Encontros Literarios continúa este xoves, 21 de marzo, coa presentación da obra “El libro que tu perro quiere que leas”, de Patricia Guerrero. O acto, que estará presentado polo alcalde de Ames, Blas García, será ás 20:00 horas no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns. A entrada será libre ata completar aforo. É un acto organizado para humanos no que os cans tamén serán benvidos.

O departamento de Bibliotecas municipais de Ames, dependente da Concellería de Cultura, continúa coas presentacións de libros enmarcadas no programa Encontros Literarios. A finalidade destas presentacións é dar a coñecer novas autoras/autores, así como as obras de autoras/autores consagrados, entre a veciñanza amesá. Este programa  contou cunha ampla participación nas anteriores edicións de 2021 e 2022.

Este sexto encontro da nova tempada 2023-2024 terá como protagonista á divulgadora canina Patricia Guerrero, que presentará a súa última obra “El libro que tu perro quiere que leas”, editado por Grijalbo.   

Patricia Guerrero
Fundadora de Pat Educadora canina, Patricia Guerrero é divulgadora e formadora canina.

Leva máis de quince anos adicándose ao adestramento e comprensión dos cans e das súas necesidades. O seu traballo busca que as persoas con mascotas caninas se divirtan en calquera situación co seu can e que aprendan a comunicarse con eles para que se sintan libres.

Sinopse de “El libro que tu perro quiere que leas”
Trátase dunha guía para coñecer e entender aos nosos compañeiros caninos. Para iso, a autora propón unha viaxe polo arquipélago Piracán, no que aprenderemos a vivir e a desfrutar cos nosos cans.

Nesta viaxe visitaremos a illa da esencia, para saber que precisa un can para sentirse libre e feliz; a illa da comunicación, onde poderemos comprender como se comunican; a illa de convivir, na que se sentaran as bases para unha convivencia harmoniosa; e a illa do xogo, onde desfrutaremos xogando e aprendendo xunto aos nosos compañeiros caninos de aventuras.

Patricia Guerrero presenta a súa última obra “El libro que tu perro quiere que leas” dentro do programa Encontros Literarios

Multimedia

  • Patricia Guerrero presenta a súa última obra “El libro que tu perro quiere que leas” dentro do programa Encontros Literarios