- Tematica
A edición deste ano do programa Encontros Literarios continúa este xoves, 18 de abril, coa presentación do libro “Protocolo e Imagen: Relevancia protocolaria de la imagen”, de Margarita Murillo. O acto, que estará presentado polo alcalde de Ames, Blas García, será ás 20:30 horas no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns. Tamén asistirá a concelleira e deputada provincial Natividade González. A entrada será libre ata completar aforo. A autora é responsable do espazo “O protocolo é para todos”, que se emite en Ames Radio os xoves ás 19:00 horas.
O departamento de Bibliotecas municipais de Ames, dependente da Concellaría de Cultura, continúa coas presentacións de libros enmarcadas no programa Encontros Literarios. Estas presentacións tratan de dar a coñecer novas autoras/autores, así como as obras de autoras/autores consagrados, entre a veciñanza de Ames. Este programa contou cunha ampla participación nas anteriores edicións de 2021 e 2022.
Este novo encontro literario da nova tempada 2023-2024 terá como protagonista á veciña e empresaria do Milladoiro Margarita Murillo, que presentará a súa obra “Protocolo e Imagen: Relevancia protocolaria de la imagen”. O acto, que terá lugar este xoves 18 de abril no pazo da Peregrina de Bertamiráns ás 20:30 horas, estará presentado polo alcalde de Ames, Blas García. Tamén asistirá a concelleira e deputada provincial Natividade González. A entrada será libre ata completar aforo.
Margarita Murillo
Margarita Murillo é consultora, asesora, directora de protocolo e organizadora de eventos, ademais de docente en empresas e institucións.
É licenciada en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela, e ao longo da súa traxectoria profesional especializouse no ámbito protocolario cursando un mestrado en Dirección de produción, organización e deseño de eventos na Universidade Camilo José Cela. Actualmente é socia e vogal da Delegación Territorial de Galicia da Asociación Española de Protocolo
Sinopse de “Protocolo e Imagen: Relevancia protocolaria de la imagen”
Segundo a súa autora, o propósito deste ibro é convidar aos lectores a explorar a súa propia relación coa vestimenta, e comprender e descubrir a importancia e o potencial da imaxe persoal para crear unha representación propia positiva e auténtica.
O libro está dividido en dez bloques temáticos, nos que se exploran os códigos de vestimenta en diversos contextos específicos.