Pestanas principais

Preséntase a primeira edición do concurso Baila con Ames

Mércores, 08 de maio de 2024

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Promoción Económica, vén de presentar esta mañá a primeira edición do concurso Baila con Ames. Trátase dunha nova iniciativa que se suma ao concurso Canta con Ames que este verán celebrará xa a súa cuarta edición. Para inscribirse no Baila con Ames hai que presentar no rexistro municipal o impreso de inscrición. Tamén hai que enviar un vídeo casting ao enderezo de correo electrónico amesnarua@gmail.com. O prazo de inscrición estará aberto dende o día seguinte da publicación das bases do concurso no BOP e ata o 10 de xuño. Establécense dúas categorías: individual ou parellas; e grupos de 3 a 12 persoas. Non hai límite de idade para participar. Repartiranse 2.500 euros en premios. Haberá unha fase de preselección no Milladoiro o 21 de xuño e a final farase en Bertamiráns o 31 de agosto na pista de deportes da praza de Chavián. O cartel foi elaborado pola veciña de Ames, Mireya Vilas Vilacoba, de 9 anos de idade.

O salón de plenos da Casa do Concello acolleu esta mañá a presentación da primeira edición do concurso Baila con Ames. A presentación desta nova iniciativa correu a cargo de Ana Belén Paz, concelleira de Promoción Económica; Rocío González, representante de Mirabelle Comunicación, que se encarga da realización do evento; Daniela Filloy Posada, profesora e instrutora de baile moderno, danzas urbanas, pilates e ioga, e integrante do xurado Baila con Ames; e Magaly Balsa Vilas, profesora e instrutora de bailes latinos e integrante do xurado Baila con Ames. O concurso está organizado polo Concello de Ames e conta coa colaboración da Asociación de Empresarios Novo Milladoiro e da Xuntanza de Empresarios de Ames. (XEA).

A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, destacou que “faime moita ilusión a creación deste concurso porque é algo que xa tíñamos pensado dende hai dous anos, para darlle continuidade ao concurso de Cana con Ames que xa levamos celebrando dende 2021. Sei que hai moita xente en Ames e na súa contorna que lles gusta bailar polo que penso que vai ser un certame que vai a traer a moitas persoas ao noso concello para participar neste concurso”. Ademais agradeceulle a Mireya Vilas Vilacoba a elaboración do cartel do concurso. “Mireya en 9 anos e ao igual que no concurso de Cana con Ames, neste caso tratamos de involucrar aos nenos e nenas do noso concello para que nos deseñen o cartel do concurso. Este cartel é moi significativo porque Mireya quixo destacar que todas as persoas poden participar neste certame. É un concurso inclusivo no que todo o mundo ten cabida”.

A concelleira de Promoción Económica tamén explicou que “este certame pretende dinamizar o sector comercial focalizando a atracción de posibles consumidores nas principais rúas comerciais, en colaboración coas asociacións empresariais máis representativas do concello. A finalidade e incrementar o consumo no comercio local atraendo a un maior número de persoas ao concello de Ames”.

Por outra banda, Rocío González, representante de Mirabelle Comunicación, que se encarga da realización do evento, dixo “fainos moita ilusión involucrarnos nesta outra andaina, temos o Canta con Ames, pero fomos detectando que entre a xente que nos visitaba para participar no Canta con Ames, tamén hai moitas persoas ás que lles gusta bailar e que tiñan esta demanda, polo que cantas máis iniciativas se poida celebrar moito mellor. Para poder participa hai que cumprir unha serie de requisitos. As inscricións poderán tramitarse dende o día seguinte ao de publicación das bases no BOP e ata o 10 de xuño. Unha vez feito o trámite de inscrición haberá que enviar copia do impreso de inscrición rexistrado xunto cun vídeo no que se acheguen unhas nocións do que se pretende facer ao longo do concurso”.

Por último, interviron dúas das tres persoas que integran o xurado. Daniela Filloy Posada, profesora e instrutora de baile moderno, danzas urbanas, pilates e ioga, e integrante do xurado Baila con Ames, destacou que “é un proxecto no que nos fai moita ilusión participar, no cal a través da danza adultos e nenos/as poden mostrar a súa esencia, porque a danza é un xeito de comunicarse e de expresarse. É unha lingua que se entende en calquera lugar do mundo. Poden participar persoas de todas as localidades de Galicia e de fóra. É un concurso totalmente inclusivo, tal e como se pode apreciar no cartel. Por parte do xurado imos a valorar moito a orixinalidade e maila formación dos grupos, a creatividade da coreografía, a técnica de cada bailarín/a, a expresión corporal e facial, o ritmo, a soltura e mailo dinamismo na creación coreográfica”.     

Magaly Balsa Vilas, profesora e instrutora de bailes latinos e integrante do xurado Baila con Ames, expresou a sua satisfacción pola posta en marcha deste concurso “porque tiven que traballar moito aquí en Ames coa tema do baile. Comecei a dar clases en 1992 con catro ou cinco parellas e chegaron a xuntarse 150 parellas ao longo destes anos. Animo a todas as persoas que lles gusta o baile a que se inscriban nesta iniciativa, que serve para darlle visibilidade e poñer en valor a disciplina do baile”.

Categorías e premios
O certame divídese en dúas categorías. A primeira categoría está dirixida a participantes individuais ou en parella, mentres que a segunda categoría é para grupos compostos entre 3 e 12 persoas. Só se poderá participar nunha categoría por persoa. Considerarase deserta unha categoría cando se inscriban menos de tres participantes. No caso de quedar deserta os que se inscribisen na dita categoría poderán participar a modo de exhibición.

Establécense os seguintes premios: 1.000 euros para a primeira categoría (individual ou dúo) e 1.500 euros para a categoría de grupos. Por cada categoría, as persoas gañadoras outorgaráselle un único trofeo en recoñecemento da súa participación, unha única cesta saudable, un único vídeo profesional sobre o seu paso polo concurso e a posibilidade de bailar nas Prebadaladas de Ames 2024.

Trámite de inscrición no concurso
As persoas interesadas en participar no certame deberán cumprimentar asinar e presentar o impreso de participación (no caso de menores de idade asinarán os/as representantes legais)  acompañada dos documentos requiridos nela. Descargarase da páxina web municipal (www.concellodeames.gal) e presentarase por calquera dos medios establecidos no apartado 9 das bases.

Para participar tamén deberán presentar e enviar un vídeo con audio, en formato Mp4 cunha interpretación de baile da persoa ou persoas que vaian participar, de non máis de 1 minuto. Unha vez rexistrada a solicitude de participación deberán remitir copia da mesma xunto co vídeo co que se vai participar ao correo electrónico amesnarua@gmail.com.

O día 17 de xuño comunicaráselle, por correo electrónico a todas as persoas participantes a condición de candidatos ou non para as seguintes fases. O xurado escollerá ás persoas para a primeira xornada, un mínimo de 5 por categoría e un máximo de 15 por categoría. De non existir 3 persoas por categoría, a categoría quedaría deserta. As persoas que se teñan presentado poderán participar a modo e exhibición, pero fóra de concurso.

Fase de preselección e final
A fase de preselección realizarase nunha xornada presencial na pista deportiva que está ao carón da Casa da Cultura do Milladoiro o día 21 xuño, ás 19.00 horas. Só́ se interpretará un baile de máximo 3 minutos. O xurado escollerá un máximo de 20 participantes en total, 10 por categoría. No caso de que algunha das categorías quede deserta, os participantes apuntados en dita categoría poderán participar a modo de exhibición  fóra de concurso. Ese mesmo día daranse a coñecer os/as participantes que pasan a última fase. Os participantes que pasan a última fase anunciaranse na semana do 24 de xuño na páxina web do Concello de Ames.

Fase final
Celebrarase de xeito presencial en Bertamiráns o día 31 de agosto, ás 19.00 horas, nunha única xornada na que participarán as persoas clasificadas na fase de selección. Na fase final os 20 aspirantes (grupos, dúos ou individual) interpretarán un baile por participante. Os participantes previa comunicación poderán interpretar os temas de maior duración. Non poderán coincidir en temas musicais entre as persoas candidatas, de ser así, deberán chegar a acordo para non interpretar o mesmo. Como segunda opción, será a organización a que decida o tema coincidente entre os concursantes afectados. Nesta fase o ditarase o fallo do xurado cos premiados, este fallo do xurado será inapelable. Os ganadores/as daranse a coñecer ese mesmo día.

Xurado do Baila con Ames
O xurado está composto de tres profesionais do mundo do baile. Daniela Filloy Posada é profesora e instrutora de baile moderno, danzas urbanas, pilates e ioga. Dende pequena formouse en estilos moi diversos: baile tradicional, baile moderno, funky, comercial, hiphop, etc. Leva 17 anos exercendo de profesora de baile, dos cales 11 lévao facendo no seu proxecto persoal, que é a escola de baile Danzaya, situada en Bertamiráns.

Magaly Balsa Vilas comezou a súa formación en 1986. En 1995 formou parte do colectivo de baile Danzón, onde impartían clases de baile por Galicia. En 1996 comezou a súa formación de bailes latinos en La Habana, traendo a Galicia a roda de casino. En 1999 na súa academia chamada Kimbac baile, xunto cos seus primeiros bailaríns da roda de casino de La Habana, Ernesto Miari e Luís Novo, participou no primeiro congreso mundial de salsa celebrado en Valencia, onde tamén impartían clases de baile, e incluso levou a un grupo de alumnos de Galicia, para que participaran coa roda de casino en dito evento na modalidade de exhibición.

María Iglesias Bermúdez dispón do grao 8 de danza clásica pola Royal Academy of Dance. Ademais dispón do grao 6 de danza moderna (jazz contemporáneo) outorgado pola Imperial Society of Teachers of Dancing. Tamén dispón da titulación Vocational graded examination in dance: intermediate foundation (ballet) da Royal Academy of Dance. En canto á formación dispón de 12 anos de formación de danza clásica e moderna (academia LoDanzas); masterclass de contemporáneo de técnica Graham I e II; masterclass de danza urbana por María Casal (MDC Dance); e cursos de verán e danza urbana, latín dance, e contemporáneo, da escola e danza urbana BOOMBPX. Ademais, durante 10 anos participou como bailarina da escola LoDanzas nas galas benéficas anuais de Tierra de Hombres e realizou colaboracións coa banda municipal de Santiago de Compostela.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Ames premiará a los mejores bailarines en un concurso"

Preséntase a primeira edición do concurso Baila con Ames

Multimedia

  • Preséntase a primeira edición do concurso Baila con Ames
  • Preséntase a primeira edición do concurso Baila con Ames
  • Preséntase a primeira edición do concurso Baila con Ames
  • Preséntase a primeira edición do concurso Baila con Ames