Pestanas principais

A música volve ás rúas do concello da man do Canta con Ames

Martes, 14 de maio de 2024

O salón de plenos da Casa do Concello acolleu esta mañá a presentación dunha nova edición do concurso Canta con Ames, para o que xa están abertas as inscricións nas categorías xuvenil, adultos, dúos e tríos, e profesional. As inscricións poden realizarse a través do correo amesnarua@gmail.com ata o 1 de xullo.  Haberá unha fase de preselección no Milladoiro e en Bertamiráns os días 12 e 13 de xullo. A semifinal será no Milladoiro o 3 de agosto e a final celebrase en Bertamiráns o 11 de agosto. O concurso será presentado por Loly Gómez, e o xurado estará composto por Inés Suárez, Noelia Bellas e Lara López. As bases do concurso poden consultarse premendo nesta ligazón.

Esta mañá, o salón de Plenos da Casa do Concello acolleu a presentación da cuarta edición do concurso Canta con Ames. No acto de presentación participaron a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz; a representante de Mirabelle Comunicación, Rocío González; a representante da Xuntanza de Empresarios de Ames, Bea López; e, en representación do xurado, Noelia Bellas.

A concelleira de Promoción Económica explicou que este ano hai dúas novidades: “Este ano fixemos algo novo. Cambiamos as categorías, respondendo ás demandas da veciñanza, e incluímos premios económicos”. Ademais, destacou que “este é un concurso que abrimos desde Ames a toda Galicia, polo que animamos a xentes de todo territorio a que participen”.

Pola súa banda, a representante de Mirabelle Comunicación, Rocío González, explicou que “coas novas categorías agardamos que se manteña a gran participación e acollida que ano tras ano ten esta iniciativa”.

A representante do xurado, Noelia Bellas, destacou que “este é un concurso maravilloso no que a finalidade é pasalo ben”. A representante da Xuntanza de Empresarios de Ames, Bea López, engadiu que “XEA como sempre participará agasallando con vales para dinamizar o comercio e fomentar o comercio de Ames”.

IV concurso Canta con Ames
O concurso Canta con Ames está organizado pola Concellaría de Promoción Económica e colaboran as asociacións de empresarios Novo Milladoiro e maila Xuntanza de Empresarios de Ames. Ao certame poderán presentarse cantantes afeccionados/as. Como novidade, este ano poderán presentarse profesionais da música, aínda que non estean na actualidade en activo. Existen catro categorías: persoas ata 17 anos; persoas a partir dos 18 anos; dúos e tríos, de calquera idade; e profesional.

As persoas que desexen participar deben enviar un vídeo con audio, en formato mp4 coa interpretación sen base vocal orixinal, de non máis de 1 minuto ao enderezo electrónico amesnarua@gmail.com. Ademias, haberá que enviar o impreso de inscrición cuberto e asinado (no caso de menores de idade asinarán os/as representantes legais), e acompañado dos documentos requiridos no propio impreso, a través da Sede electrónica do Concello de Ames. Tamén poderán facelo de maneira presencial nas oficinas de rexistro do Concello de Ames e demais entidades previstas no artigo 16.4 da LPACAP. As inscricións poderanse realizar ata o 1 de xullo. O 8 de xullo comunicaráselle por correo electrónico, a todas as persoas que se teñen presentado, a condición de candidatos ou non candidatos para as seguintes fases.

O concurso tamén contará, un ano máis, coa participación da Xuntanza de Empresarios de Ames e a Asociación de Empresarios Novo Milladoiro, que colaborará con vales para gastar no comercio local.

Fases do concurso
O concurso está composto de varias fases. Haberá dous días de preselección: o 12 de xullo, ás 19.00 horas, na praza de Manuel Murguía, no Milladoiro; e mailo 13 de xullo, tamén ás 19.00 horas, no parque do Ameneiral, en Bertamiráns. Na fase de preselección só se interpretará unha canción (ou segmento) en idioma galego/castelán ou inglés. O xurado escollerá un máximo de 20 persoas seleccionadas en total por ambas xornadas, cinco por categoría (no caso de que algunha das categorías quede deserta, o número de semifinalistas noutras categorías poderá incrementarse ata cubrir o total de 20 persoas).

O 16 de xullo publicaranse as persoas seleccionadas na páxina web municipal. Antes do 24 de xullo, as persoas seleccionadas deberan poñerse en contacto coa organización para acordar o tema a interpretar na seguinte fase a través da dirección de correo electrónico amesnarua@gmail.com.

Posteriormente, a semifinal será o 3 de agosto, ás 19.00 horas, na praza de Manuel Murguía, no Milladoiro, á que terán acceso as persoas clasificadas na fase de preselección, un máximo de 20 persoas en total, cada unha na categoría que lle corresponda. Só se interpretará unha canción (ou segmento) en idioma galego/castelán ou inglés. A duración do tema determinarase co xurado en cada caso. O xurado escollerá, ese mesmo día, un máximo de 12 seleccionados, tres por categoría, para pasar á final.

A gran final realizarase o 11 de agosto, ás 19.00 horas, no parque do Ameneiral, en Bertamiráns. Na fase final as 12 persoas aspirantes interpretarán dous temas completos por participante e de diferente estilo musical. Non poderán coincidir en temas musicais entre as persoas candidatas; de ser así, deberán chegar a acordo para non interpretar o mesmo.

Este ano o xurado do concurso estará composto por Inés Suárez Rey, Noelia Bellas Ferreira e Lara López Súarez. A presentadora será Loly Gómez Oviedo.

Premios
Nesta cuarta edición, os premios son:

  • 1ª categoría: 500 euros para o gañador/a.
  • 2ª categoría: 500 euros para o gañador/a.
  • 3ª categoría: 1.000 euros para o dúo-trio gañador.
  •  4ª categoría: 500 euros para o ganador/a.

O xurado anunciará o día da final un gañador ou gañadora por categoría. Por cada categoría, aos 4 gañadores ou gañadoras premiaráselle cun trofeo en recoñecemento da participación, unha cesta saudable, un vídeo profesional sobre o seu paso polo concurso, cantar nas prebadaladas de fin de ano.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Canta con Ames regresará con nuevas categorías"

El Correo Gallego: "Presentan una nueva edición del certamen Canta con Ames que celebrará en verano su final"

El Correo Gallego: "El certamen Canta con Ames convoca a todos los ruiseñores de Galicia a demostrar sus dotes con galardones en metálico"

A música volve ás rúas do concello da man do  Canta con Ames

Multimedia

  • A música volve ás rúas do concello da man do  Canta con Ames
  • A música volve ás rúas do concello da man do  Canta con Ames
  • A música volve ás rúas do concello da man do  Canta con Ames