Pestanas principais

Xa está aberto o prazo de matrícula nos campamentos de verán municipais

Mércores, 22 de maio de 2024

O Concello de Ames, a través das Concellarías de Medio Ambiente e de Xuventude, abre o prazo de matrícula para o programa de campamentos municipais de verán 2024. As familias dos nenos/as e mozos/as que dispoñen de praza poden facer a matrícula dende hoxe, día 22, ata o 31 de maio. A documentación presentarase preferiblemente a través do rexistro telemático na Sede electrónica do Concello ou no rexistro de calquera administración pública adherida á plataforma de intercambio rexistral (SIR). Preme nesta ligazón para descargar o impreso de matrícula.

O servizo de campamentos de verán 2024 está dirixido á rapazada que estea cursando os niveis de infantil, primaria, secundaria ou bacharelato. Trátase dunha oferta lúdica e formativa de desenvolvemento persoal concibida para, de xeito progresivo, dotar aos nenos/as e mozos/as das ferramentas precisas para lograr a súa autonomía e independencia, e fomentar a convivencia, a cooperación, o respecto e un xeito saudable ao tempo que os achega ao medio natural, ao deporte e á cultura.

A rapazada do primeiro ciclo Primaria gozará de campamentos na granxa escola de Bergando (Negreira); na de Corazón de Carballo (Tomiño); na de El Kiriko (Fornelos de Montes). Así mesmo, os de segundo ciclo da etapa desfrutarán do campamento Alvarella (Fragas do Eume); do camping O Terrón (Vilanova de Arousa) e do da praia de Patos (Nigrán).

Por outra banda, o alumnado de 1º da ESO trasladarase ata o campamento Abrente (Portonovo), o de 2º da ESO ao do camping Praia América (Nigrán), e o de 3º e 4º da ESO e Bacharelato ao do camping Paisaxe II (O Grove).

Cómpre engadir que do 28 de agosto ao 2 de setembro se celebrará unha segunda quenda do campamento na granxa escola El Kiriko, que irá dirixido a nenos e nenas de entre 6 e 14 anos. Ademais, a Aula da Natureza do Concello de Ames organiza dúas quendas para o seu campamento urbano, que está dirixido a rapaces e rapazas de 6 a 16 anos. A primeira quenda realizarase do 1 ao 12 de xullo, mentres que a segunda quenda será do 15 ao 26 de xullo.

Matrícula
O prazo de matrícula estará aberto dende o 22 ata o 31 de maio. Para facer a inscrición débese presentar:

  • Impreso de matrícula debidamente cumprimentado.
  • Copia da tarxeta sanitaria.
  • Certificado médico (só no caso de padecer enfermidade que deba ser reflectida).
  • Ficha de coñecemento persoal para o campamento Alvarella Fragas do Eume 2ª quenda (se é preciso).

A documentación presentarase preferiblemente a través do Rexistro telemático na Sede electrónica do Concello ou no rexistro de calquera administración pública adherida á plataforma de intercambio rexistral (SIR).

Os impresos para facer efectivo o pagamento de cada campamento (impreso de autoliquidación), enviaránselle ao correo electrónico facilitado por cada usuario/a na fase de preinscrición. Estes documentos indicarán os prazos nos que debe realizarse o abono.

Pagamento
O pagamento das taxas poderá fraccionarse en dous pagos (50% do custe de cada un). O primeiro pagamento deberá ser realizado entre o 22 e o 31 de maio, e o segundo entre o 10 e o 19 de xuño.

Os impresos para facer efectivo o pagamento enviaránselle ao correo electrónico facilitado polos/as usuarios/as na súa solicitude de praza. Excepcionalmente poderá solicitarse o impreso de pagamento de xeito presencial nas Oficinas de Recadación do Milladoiro e de Bertamiráns ou a través do correo electrónico ames@canaltributos.com.

No caso de dispor de Certificado Dixital ou DNI electrónico poderase descargar ou pagar a autoliquidación premendo nesta ligazón, ou ben a través da banca electrónica de ABANCA.

Máis información
Para máis información pódese contactar coa Aula da Natureza, chamando ao número de teléfono 660 004 665 ou enviando un correo electrónico a auladanatureza@concellodeames.gal, ou ben coa Concellaría de Xuventude, chamando ao teléfono 616 083 229 ou escribindo a xuventude@concellodeames.gal. O horario de atención de ambos departamentos será de 9:00 a 14:00 horas.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Apertura del plazo hasta el 31 de mayo para sumarse a los campamentos estivales de Ames"

La Voz de Galicia: "Los campamentos de Ames tienen una lista de espera de 212 plazas"

Mañá abre o prazo de matrícula nos campamentos de verán municipais