Pestanas principais

Seis curtametraxes e catro series, entre os proxectos seleccionados do Ames AV LAB

Martes, 21 de maio de 2024

O espazo colaborativo A Proa, no Milladoiro, acolleu este luns a presentación dos quince proxectos seleccionados para formar parte do Ames AV LAB, o laboratorio amesán para impulsar a nova produción audiovisual. No acto, ao que acudiron representantes do Concello de Ames e de dúas empresas integrantes das comisións de Gobernanza e Avaliación, presentáronse os proxectos seleccionados e o cronograma que se seguirá durante os oito meses de traballo.

Despois da rolda de entrevistas iniciada o pasado 25 de abril, para avaliar as máis de corenta candidaturas que aspiraban a formar parte do Ames AV Lab, este luns foron presentados os 15 proxectos seleccionados. Estiveron presentes a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, e a técnica María Lloves, como representantes do Concello de Ames; Rocío González e Miguel Martínez, de Mirabelle Comunicación e Antonio Veiga, de Ficción Producciones, en representación das comisións de Gobernanza e Avaliación. Ademais, tamén asistiron Jorge Coira, Araceli Gonda e Ramón Rey, tres dos docentes que impartiran a parte formativa do laboratorio.

Durante a súa intervención, a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, destacou que “foi moi difícil escoller só quince proxectos de entre todos os presentados, por mor da variedade e da calidade das propostas”. Así mesmo, sinalou que “a través deste laboratorio de aceleración de proxectos búscase dotar de ferramentas ao talento local, e de crear sinerxias co tecido empresarial do sector”.

Pola súa banda, Rocío González, de Mirabelle Comunicación, e Antonio Veiga, de Ficción Producciones, felicitaron aos seleccionados e animáronos a aproveitar ao máximo esta experiencia. Ademais, destacaron a complexidade á hora de valorar os proxectos presentados, pois todos eles estaban en distintas fases da producción.

15 proxectos seleccionados
Na primeira edición do Ames AV LAB, foron seleccionadas catro series, seis curtametraxes, tres longametraxes e dous documentais.

“As labregas”, dirixa por Rosa Taboada, é unha serie de ficción baseada en feitos reais que conta a historia dunha muller urbanita que chega ao concello de Ames, onde atopa unha serie de cartas que a levan a descubrir a historia das mulleres da súa familia.

Baixo a dirección de Julia Herrmann cobra vida “Amil”, unha serie protagonizada por un rapaz trans que intenta suicidarse cun bote de pílulas. Porén, despois de inxerilas transfigúrano no corpo dun neno de doce anos.  

“Orquestra Raíña” é unha serie de comedia creada e guionizada por Sergio Rodríguez protagonizada por dúas mulleres que unirán forzas para formar a mellor orquestra de Galicia.

O último proxecto en formato serie é “Deseo más”, que baixo a dirección de Raúl Alonso segue a historia de recuperación de Esteban, un avogado de 27 anos que desexa deixar atrás a súa adición ao sexo.

Dentro do xénero das curtametraxe, foron seleccionados seis proxectos. “Fóra de campo”, dirixida por Neves Rodríguez, reflexiona sobre a vellez desde  distintas perspectivas a través da figura de Benxamín, un home viuvo de 90 anos.

Outra reflexión, pero sobre a infancia, ofrece “Raíces analóxicas” dirixida por Manu Seoane, na que Lúa, unha empresaria de éxito, recibe unha mala noticia que a levará a reencontrarse con dous amigos da infancia cos que rememorará a súa nenez.

Tamén no xénero da curtametraxe se enmarca “Tres cartas de esperanza” de Silvia Varela, que ofrece un retrato da emigración galega na década dos anos 50 desde a perspectiva das mulleres.

“Nemeto” é unha curtametraxe ambientada na Galiza de 1946, no que a súa directora, Marta Rodríguez, emprega o realismo máxico para contar a historia dunha muller que recorre a un ritual ancestral para tratar de concebir o seu primeiro fillo

As últimas dúas curtametraxes seleccionadas foron “Cuando los árboles lloran”, de Miguel Bouzas; e “O Laúro”, producida por Andrés Sanjurjo. A primeira constrúe o seu relato arredor da depuradora amesá de Souto, cuxa construción tratará de imnpedir unha parella de biológos que buscar protexer a contorna e o seu patrimonio histórico-natural. No caso proxecto de Sanjurjo ten como protagonista a Aldara, unha nena que pasa o verán na casa das súas tías, onde coñece ao Laúro, unha figura coa que descubrirá o amor, o desexo e todas as súas arestas.

Pola súa banda, “42.195 metros” é unha longametraxe dirixida por Noelia Papín na que se aborda a superación dos obstáculos e das dificultade a través da experiencia real de catro mulleres que se xuntan para preparar a maratón da Coruña no 2020.

Tamén no xénero da longametraxe se enmarcan “Hacia el espacio interior”, de Roi Grandío, que reflexiona sobre a saúde mental a través da música para canalizar a ansiedade e a depresión; e “Serenade”, dirixida por Pedro Díaz, un drama familiar no que Chelo, unha muller maior que vive nunha aldea galega dos 90, desexa ver antes de morrer á súa neta Lola facer a primeira comuñón.

Dentro do xénero documental, seleccionáronse dúas propostas. Producido e dirixido por Santiago Araújo, “Dous nichos para Maruja” é un documental no que se analiza como, á morte dos artistas, este son convertidos en iconas pola cultura popular, pervertindo así en moitos casos tanto a súa vida como a súa obra, distanciándoas da realidade. Pola súa banda, “Tramoloxía” é un “falso” documental de Álvaro Alvite que segue o proceso de creación do traballo homónimo do músico de orixe moldavo residente en Galicia Bogdan Anestiadi, que sofre da síndrome do impostor.

Máis de 40 proxectos presentados
O peche da convocatoria, o pasado 12 de abril, tivo unha gran acollida por parte de todos os actores da industria audiovisual galega, xerando un total de 42 proxectos presentados nesta primeira edición. De entre eles, os que superaron a fase de preselección foron entrevistados por unha Comisión de Avaliación.

Os proxectos presentados abrangueron unha ampla variedade de tipoloxías, desde longametraxes (de ficción e documental) e series, ata curtametraxes ou proxectos de animación en diferentes fases de desenvolvemento.

Estas entrevistas permitiron profundar na viabilidade de cada proposta, a experiencia do equipo e outros aspectos relevantes para a avaliación. Do total de proxectos entrevistados, seleccionáronse un máximo de 15 que pasarán a formar parte do programa Ames AV LAB durante oito meses.

Laboratorio para o impulso da nova produción audiovisual
O Ames AV LAB é un laboratorio para o impulso da nova produción audiovisual dende o Concello de Ames. Enmárcase dentro do Plan de Emprego Local, cofinanciado pola Deputación Provincial da Coruña. Ames AV LAB concíbese como un laboratorio de aceleración de proxectos audiovisuais para impulsar a produción, fomentar o talento emerxente e dinamizar o impulso do importante tecido produtivo audiovisual do concello de Ames.

Ames ten unha alta especialización no sector audiovisual. Empresas produtoras e de servizos, líderes no mercado, teñen a súa sede no concello, contribuíndo a posicionar Galicia como unha das rexións máis competitivas, grazas a producións e coproducións de éxito. Entre outros, os motivos deste éxito local é o fácil acceso a estudios punteiros e polivalentes, empresas líderes en pos produción e dobraxe, provedores de tecnoloxía dixitais e boas comunicacións á beira da capital de Galicia.

Ames AV LAB deséñase como un programa de aceleración para profesionais do sector que busca transformar e avanzar cara una nova produción audiovisual competitiva globalmente e adaptada ás tendencias e demandas do consumidor. Trátase dun programa de 8 meses de duración que mediante prácticas innovadoras e estratexias transformadoras, facilitará a creación e desenvolvemento de 15 proxectos entre os meses de maio e novembro. Baixo a supervisión de expertos, acompañarase no percorrido profesional e creativo mediante: formación, titorización, mentorización, asesoramento especializado e financiamento coa fin de poder validar as propostas e arrancar e acelerar as iniciativas empresariais que participan nel.

Trátase dun laboratorio que apuntala o polo de talento que o audiovisual conformou no concello de Ames, contribuíndo a definir a seguinte xeración de líderes do sector español con vocación internacional e innovadora.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Seleccionados os 15 proxectos do laboratorio audiovisual de Ames"

Seis curtametraxes e catro series, entre os proxectos seleccionados do Ames AV LAB

Multimedia

  • Seis curtametraxes e catro series, entre os proxectos seleccionados do Ames AV LAB
  • Seis curtametraxes e catro series, entre os proxectos seleccionados do Ames AV LAB
  • Seis curtametraxes e catro series, entre os proxectos seleccionados do Ames AV LAB
  • Seis curtametraxes e catro series, entre os proxectos seleccionados do Ames AV LAB
  • Seis curtametraxes e catro series, entre os proxectos seleccionados do Ames AV LAB
  • Seis curtametraxes e catro series, entre os proxectos seleccionados do Ames AV LAB