Pestanas principais

A terceira edición dos Encontros Literarios péchase con dez presentacións

Xoves, 23 de maio de 2024

A tempada 2023-2024 do programa Encontros Literarios pechouse onte, 22 de maio, coa presentación do libro “O clamor das Virxes”, de Marga Cancela. Ao longo dos últimos seis meses, o Pazo da Peregrina acolleu un total de dez presentacións, cinco delas de autores e autoras de Ames.

O departamento de Bibliotecas municipais de Ames impulsou por terceiro ano consecutivo as presentacións de libros enmarcadas no programa Encontros Literarios. O obxectivo destas presentacións é dar a coñecer novas autoras/autores, así como as obras de autoras/autores consagrados, entre a veciñanza de Ames. Un ano máis, este programa contou cunha ampla participación.

O alcalde de Ames e tamén responsable do departamento de Bibliotecas municipais, Blas Garcia, non oculta a súa satisfacción cos datos obtidos e opina que a “gran afluencia durante toda a edición e a cantidade de autores de Ames que pasaron por este Pazo a presentar o seu libro é un gran indicador do talento e do nivel cultural existente no concello”. O rexedor non deixou pasar a ocasión de poñer a Ames de exemplo como “referente e refuxio cultural”.

Dez presentacións e cinco autores de Ames
No primeiro encontro literario da tempada 2023-2024, o protagonismo foi para a escritora e xornalista amesá, Nazaret López, que presentou a súa segunda obra “Pecados veniais”, editada por Xerais e publicada en outubro de 2022.  

A segunda presentación foi a de “Patria de Maeloc”, editada por Toxos e Soutos. Foi a primeira obra de Luciano de Monfadal (Luciano Ares Díaz), escritor da Mariña e residente en Ames desde fai oito anos.

En decembro foi a quenda de Carlos Negro,  veciño de Ames e profesor no IES de Ames, que presentou a súa obra “O tempo dos lagartos”, editada por Galaxia. Nesta ocasión, estivo acompañado pola ilustradora do libro, Raquel Senra, e a profesora e música Xiana Lastra.

Xa no mes de febreiro, a protagonista do cuarto encontro foi a escritora lucense Ana Valín, que presentou a súa última obra “La muerte de Alicia”, editada por Talón de Aquiles.

En marzo tiveron lugar dúas presentacións: a obra “A conto político”, do escritor e político Alfredo Conde; e o manual  “El libro que tu perro quiere que leas”, de Patricia Guerrero.

O sexto encontro literario tivo como protagonista ao médico, político e escritor Tuco Cerviño, que presentou a súa primeira obra “Un taxi verde e un concerto”, editada por Galaxia. Unha semana despois foi a quenda da veciña e empresaria do Milladoiro Margarita Murillo, que presentou a súa obra “Protocolo e Imagen: Relevancia protocolaria de la imagen”.

Neste mes de maio tiveron lugar os dous últimos encontros da tempada. A primeira foi a narradora e poeta amesá Mariña Pérez Rei, que presentou a súa última obra “Finximentos”, editada por Xerais. A encargada de pechar este terceira edición foi a profesora Marga Cancela, co seu libro “O clamor das Virxes”, editado por Medulia Editorial.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Elevada afluencia de público ás dez presentacións literarias amesás dos últimos sete meses"

A terceira edición dos Encontros Literarios péchase con dez presentacións

Multimedia

  • Marga Cancela presentou o seu libro “O clamor das Virxes”, editado por Medulia Editorial
  • Marga Cancela presentou o seu libro “O clamor das Virxes”, editado por Medulia Editorial
  • Marga Cancela presentou o seu libro “O clamor das Virxes”, editado por Medulia Editorial