Pestanas principais

Aberto o prazo de inscrición para o “Obradoiro de cianotipia” do programa Apego

Venres, 14 de xuño de 2024

O proxecto Apego continúa o seu programa de actividades neste mes de xuño coa actividade “Obradoiro de cianotipia”, de Alouette Machine, que se vai desenvolver no parque do Ameneiral o venres 21 de xuño, ás 18:00 horas. As persoas interesadas en anotarse poden facelo enviando un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal desde hoxe e ata o 20 de xuño, no que se indiquen nome e apelidos das persoas asistentes, idade dos nenos/as e un número de teléfono de contacto. A programación do Apego para o primeiro semestre do 2024 pode consultarse premendo nesta ligazón.

Hoxe, 14 de xuño, abre o prazo de inscrición para a actividade “Obradoiro de cianotipia”, de Alouette Machine, a imprenta ambulante. Nel os asistentes realizarán fotocomposicións empregando a luz solar e a auga. A cianotipia é unha técnica moi interesante que se pode empregar en múltiples ámbitos e que ás crianzas lles vai encantar case tanto coma ás persoas adultas. Ademais, esta actividade servirá para aprender a recoñecer as herbas de san Xoán ao tempo que se pon en valor a lingua e o patrimonio cultural e ambiental.

Esta actividade terá lugar no parque do Ameneiral, en Bertamiráns, o venres 21 de xuño, ás 18:00 horas. Está dirixido a familias con crianzas a partir de 3 anos. É unha actividade de balde pero é preciso inscribirse canto antes.

As persoas interesadas en inscribirse só teñen que enviar un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal no que se indiquen nome e apelidos das persoas asistentes, teléfono de contacto e idade das crianzas que vaian participar. O prazo para anotarse está aberto dende hoxe ata o vindeiro 20 de xuño. As prazas asignaranse respectando a orde de recepción das solicitudes, e non se admitirán inscricións fóra do período de inscricións.

O programa Apego, un vehículo de transmisión da lingua
O programa Apego é un proxecto colaborativo no que participan varios concellos, entre os que se inclúe Ames, e que vai dirixido ás familias que estean a esperar un bebé ou que teñan crianzas entre 0 e 6 anos. O seu obxectivo é promover, apoiar e normalizar o uso do galego na socialización da primeira infancia, empregando distintas actividades e recursos.

As familias interesadas en sumarse á iniciativa poden facelo poñéndose en contacto co Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames, escribindo un correo a normalizacion@concellodeames.gal ou chamando ao número de teléfono 662 377 215. Así mesmo, tamén poden facelo cubrindo o formulario “Súmate ao apego”, que está dispoñible na páxina web do programa, apego.gal.

Aberto o prazo de inscrición para o “Obradoiro de cianotipia” do programa Apego

Multimedia

  • Aberto o prazo de inscrición para o “Obradoiro de cianotipia” do programa Apego