Pestanas principais

A Aula da Natureza organiza unha saída para recoller as herbas de San Xoan

Martes, 18 de xuño de 2024

A Aula da Natureza organiza o vindeiro domingo 23 de xuño unha saída para recoller as herbas de San Xoán e elaborar o cacho, unha tradición pagá con séculos de antigüidade, de celebración do solsticio de verán e protección contra as criaturas da noite. Esa actividade terá lugar nas instalacións da Aula da Natureza, no lugar de Quintáns (Ameixenda), en horario de 11:00 a 13:00 horas. É recomendable levar unha cestiña para a recollida das herbas. Non hai límite de prazas, pero é necesario inscribirse antes do 21 de xuño, enviando a ficha de inscrición ao enderezo auladanatureza@concellodeames.gal.

Como explica Silvia Dominguez no seu libro Herbas de San Xoan o cacho é “unha tradición pagá con séculos de antigüidade, de celebración do solsticio de verán e protección contra as criaturas da noite. Aínda que, co tempo, e a chegada da relixión, comezou a ter influencias cristiás e a relacionarse coa noite de San Xoan. Como moitas tradicións populares, esta foise transmitindo de forma oral xeración tras xeración”.

A malva, o romeu, o fento macho, o fiuncho, a herba Luisa, a xesta e a herba de San Xoan son as herbas mais empregadas para o cacho, pero a composición pode variar en función da zona, podendo incluír rosa canira, follas de figueira ou loureiro. Estas herbas son medicinais, con propiedades antihelmínticas, bactericidas ou cicatrizantes, entre outras.

Nesta actividade, as persoas participantes percorrerán a contorna da Aula da Natureza recollendo as sete herbas de San Xoan e buscando sete fontes para coller auga en cada unha delas. Posteriormente, nun cacho ou cunca grade verterase a agua xunto coas herbas, que quedarán ao recío da noite do 23 ao 24. O dia seguinte haberá que lavar a cara coa auga da maceración das plantas.

Segundo a tradición, unha vez feito, as herbas non se tiran, senón que se atan e se penduran nalgún lugar escuro e fresco. Este ramo queimarase ao ano seguinte para purificar a casa.

Servizo de autobús
Esta actividade contará cun servizo de autobús, que terá o seguinte horario e paradas:
Saída:
• 10:30 horas – Casa da Cultura do Milladoiro
• 10:45 horas – Pazo da Peregrina, Bertamiráns
Regreso:
• 13:15 horas – Pazo da Peregrina, Bertamiráns
• 13:30 horas – Casa da Cultura do Milladoiro

Para obter máis información, pódese enviar un correo electrónico ao enderezo auladanatureza@concellodeames.gal.

A Aula da Natureza organiza unha saída para recoller as herbas de San Xoan

Multimedia

  • A Aula da Natureza organiza unha saída para recoller as herbas de San Xoan