Pestanas principais

O Punto Limpo recolleu en maio máis de cinco toneladas de residuos procedentes da construción

Sábado, 29 de xuño de 2024

O centro de depósito de residuos do Punto Limpo rexistrou 666 entradas en maio de 2024. Durante o pasado mes destaca a achega de 5.102 quilogramos de lixo procedente da construción (formigón, ladrillos e outros), 2.803 quilogramos de madeira, 147 quilogramos de roupa e 169 litros de aceite de motor. O Punto Limpo, inaugurado en xaneiro de 2007, está situado na rúa das Hedras, no parque empresarial do Milladoiro, e abre de luns a sábado de 9:00 a 15:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas.

O número de veciñas e veciños que fan uso do Punto Limpo para depositar os seus residuos segue a aumentar, xa que cada vez somos máis conscientes do importante que é reciclar correctamente aqueles refugalos que non se poden depositar nos colectores convencionais.

Deste xeito, o pasado mes de maio rexistráronse un total de 666 entradas no servizo municipal. Máis concretamente, a veciñanza amesá depositou 855 unidades de equipos eléctricos e electrónicos, 394 quilogramos de plásticos, 72 unidades de tubos fluorescentes e outras lámpadas, 147 quilogramos de roupa, 129 unidades de voluminosos e 52 unidades de pneumáticos usados.

Ademais, rexistrouse a entrada de 1.045 quilogramos de metais, 79 quilogramos de pintura, 2.803 quilogramos de madeira, 173 quilogramos de papel e 7 unidades de aerosois. Cómpre destacar tamén os aceites: 169 litros de aceite de motor e 12 litros de aceite vexetal.

Horario e teléfono de contacto do Punto Limpo
O Punto Limpo está situado na rúa das Hedras do polígono Novo Milladoiro e ata alí pode achegarse toda a veciñanza de Ames para desfacerse de aqueles obxectos e materiais que non van aos colectores convencionais de materiais orgánicos, inorgánicos, vidro ou papel. Recentemente, ampliou o seu horario, e ofrece os seus servizos de luns a sábado en horario de mañá e de tarde. Así, o Punto Limpo abre de 9:00 a 15:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas, seis días á semana. As persoas que teñan calquera dúbida poden chamar ao teléfono 981 53 66 88.

Os voluminosos deben entregarse no Punto Limpo. Outra opción é chamar aos números de teléfono 981 19 12 40 ou 639 10 76 38, e acordar unha data e un lugar para depositalos xunto ao contedor máis próximo e que,posteriormente, sexan recollidos.

Punto limpo móbil
Por outra banda, o ano pasado comezou a funcionar o Punto Limpo móbil. Trátase dun vehículo adaptado que percorre os diferentes lugares e parroquias de Ames, cuns horarios e puntos prefixados, normalmente ao carón das Casas da Cultura ou locais sociais de cada parroquia, co obxectivo de que a veciñanza poida depositar os pequenos residuos domésticos para os que non existen colectores na vía pública.

O vehículo consta dunha plataforma móbil que se abre en dúas metades deixando un corredor central desde o que se accede aos colectores específicos para cada tipo de residuo. Nel hai un operario para axudar a que todos os residuos se depositen no colector que lles corresponde.

Durante o pasado mes de abril rexistrou un total de 17 entradas, entre as que destacan 4 litros de aceite vexetal, 5 litros de pintura e 6 quilogramos de metais.

Os residuos que se poden depositar no punto limpo son aerosois, aceite doméstico, baterías e acumuladores, CD, DVD, disquetes e casetes, cristal, xoguetes, lámpadas e fluorescentes, pequenos electrodomésticos electrónicos (televisores, microondas, ordenadores, etc.), pilas, pinturas e vernices, radiografías, roupa e calzado e teléfonos móbiles

O Punto Limpo recolleu en maio máis de cinco toneladas de residuos procedentes da construción