Pestanas principais

O Concello de Ames avanza na creación de comunidades enerxéticas

Sábado, 13 de xullo de 2024

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Xestión do Medio Natural e Atención ao Rural, está traballando na creación de comunidades enerxéticas. Para elo este martes, 16 de xullo, ás 20.00 horas, haberá unha charla informativa no local social de Trasmonte, para informar á veciñanza da posibilidade de crear comunidades enerxéticas. No pasado mes de maio xa se fixo unha primeira xuntanza informativa neste mesmo centro social. Esta segunda xuntanza foi solicitada por varias persoas interesadas para coñecer como formar a primeira comunidade enerxética do concello de Ames.

No pasado mes de maio, a través da Oficina de Transformación Comunitaria de Ames, realizouse a primeira xuntanza en Trasmonte para informar aos veciños da posibilidade de crear comunidades enerxéticas. Agora, este martes, 16 de xullo, ás 20.00 horas, haberá unha segunda charla informativa no local social de Trasmonte. Esta segunda xuntanza foi solicitada por varias persoas interesadas para coñecer como formar a primeira Comunidade Enerxética do concello de Ames.

Cómpre destacar que o Concello pon a disposición da veciñanza terreos e cubertas de propiedade municipal para que a través de entidades asociativas da veciñanza de Ames, constituídas como Comunidades Enerxéticas, que estean dentro do perímetro de dousquilómetros esixentes, instalen os paneis fotovoltaicos.

A parroquia de Trasmonte está dentro do perímetro das instalacións da ETAP de Lens, onde xa hai instalados paneis fotovoltaicos nas súas cubertas que produce parte da enerxía da planta potabilizadora. O espazo sobrante ten capacidade para instalar máis paneis e neste caso en concreto xa existe un transformador eléctrico do cal se pode aproveitar para unha nova instalación aforrando o custo á futura comunidade enerxética.

O Concello de Ames puxo en marcha unha Oficina de Transformación Comunitaria, que ofrece información, asesoría e acompañamento a todos aqueles axentes que desexen implementar unha comunidade enerxética local. Este proxecto conta cun orzamento de 145.200 euros. Para elo cóntase cunha axuda do IDAE de 80.000 euros e cunha subvención, mediante convenio de colaboración, da Deputación provincial da Coruña, por importe de 25.200 euros. O Concello de Ames achega os 40.000 euros restantes.

As OTC son formas de autoconsumo colectivo
As comunidades enerxéticas locais son formas de autoconsumo colectivo no que os participantes se benefician da enerxía que producen. É dicir, é coma se a nosa vila; incluíndo vivendas, comercios ou industrias, compartisen a enerxía que producen para facer un uso máis sostible e xusto. Por norma xeral, as comunidades enerxéticas locais utilizan a enerxía solar fotovoltaica para xerar a enerxía que logo se vai a repartir entre os membros da agrupación. Ademais, non é necesaria a instalación de paneis solares entre todos os participantes, o que fai que este sistema sexa moi accesible para quen non ten os recursos necesarios.

A función da Oficina de Transformación Comunitaria do Concello de Ames fundaméntase como punto de referencia e asesoramento para o fomento de comunidades enerxéticas a nivel local. Trátase dunha iniciativa para aumentar a produción de enerxía desde a proximidade cunha visión comunitaria e participativa desde as parroquias que conforman Ames, así como no territorio dos municipios da área occidental da provincia da Coruña, ademais de servir para avanzar na transición cara a un modelo enerxético descarbonizado.

Isto tradúcese na posta en marcha e funcionamento da Oficina de Transformación Comunitaria e Acompañamento, nun lugar físico e tamén virtual mediante a súa propia páxina web e redes sociais, con accesibilidade e visibilidade pública. Premendo nesta ligazón pódese acceder á páxina web da Oficina de Transformación Comunitaria do Concello de Ames .

As actuacións proxectadas concrétanse en accións formativas e participativas dinámicas, para sensibilizar, formar e informar os axentes intervenientes en canto ao modelo e comunidades enerxéticas, ademais do acompañamento destes axentes durante o proceso de creación e consolidación destas. Deste xeito, estanse realizando actividades de asesoramento, acompañamento, aplicación de recursos transversais e planificación.

O Concello de Ames avanza na creación de comunidades enerxéticas

Multimedia

  • O Concello de Ames avanza na creación de comunidades enerxéticas