Pestanas principais

O 19 de xullo chega a Ames o Festival Internacional de Danza e Movemento “Abanea”

Martes, 16 de xullo de 2024

Este venres, 19 de xullo, o concello de Ames acollerá unha das xornadas do Festival Internacional de Danza e Movemento “Abanea”, organizado pola asociación ISMO Cultura. Así, ao longo desta xornada desenvolveranse no Pazo da Peregrina diversas actividades arredor da danza e do movemento, co obxectivo de impulsar esta disciplina entre a veciñanza. Haberá encontros para os profesionais da danza, os obradoiros “Danza en Familia” e “A danza como lugar de recreo”, e actuacións a cargo de Suevia Rojo, Paulina Espinosa, Mariana Oliveira, Angel Durán e Mounqup. A artista amesá vinculada ao apoio bienal, Suevia Rojo, estreará “Pensar a contratempo”.

Este ano, o concello de Ames é unha das sedes da terceira edición do Festival Internacional de Danza e Movemento “Abanea”, que se celebrará entre o 17 e o 21 de xullo en diversas localidades galegas. Creado no ano 2022, trátase dun programa de exhibición de danza en vivo que no 2023 ampliou a súa celebración en localidades das catro provincias galegas.

Nesta terceira edición, este venres 19 de xullo o festival chegará a Ames con obradoiros e actividades de dinamización participativas e colectivas, centradas no desenvolvemento dun foco particular para a creación e novos públicos e para o fomento do afecto da sociedade cara a danza e a expresión corporal.

O alcalde e concelleiro de Cultura, Blas García, destaca “a importancia de que Ames acolla unha das xornadas deste festival de danza. A celebración deste evento no noso concello é un xeito de espertar interese sobre esta disciplina artística por parte da veciñanza amesá, de crear novos públicos e fomentar o afecto da sociedade cara á danza”.

Encontros con profesionais da danza
Esta xornada chea de danza dará comezo con dous encontros entre profesionais do sector, que desenvolverá diversas actividades no Pazo da Peregrina de Bertamiráns ao redor da xornada de programación que terá lugar este día. Así, de 12:00 a 13.30 horas o artista “Miño” ofrecerá unha máster class. De seguido, de 14.00 a 16.00 horas impartirase un segundo encontro para profesionais que tratará sobre as artes do movemento.  

Obradoiros de danza para público infantil e adulto
Xa pola tarde, a partir das 18:00 horas, o Pazo da Peregrina de Bertamiráns acollerá dous obradoiros: “Danza en Familia” e “A danza como lugar de recreo”. As prazas son limitadas, polo que é preciso facer unha inscrición previa enviando un correo ao enderezo cultura@concellodeames.gal. Para dispor de máis información pódese chamar ao número de teléfono 662 377 444.

O obradoiro “Danza en familia” está impartido por Paula Quintas. Está dirixido a rapazada   que teña a partir de 4 anos que deberá estar acompañada dunha persoa adulta. Esta actividade impartirase de 18.00 a 19.00 horas, nos xardíns do Pazo da Peregrina. Se chove impartirase na sala de danza da Casa da Cultura de Bertamiráns.

Por outra banda, o obradoiro “A danza como lugar de recreo”, que imparte Alejandra Balboa, está dirixido a persoas mozas e adultas (dende os 16 anos). Realizarase de 18.00 a 19.00 horas, tamén nas instalacións do Pazo da Peregrina. Os obradoiros propoñen una experiencia amable, grupal e lúdica da danza.

Actuacións de Suevia Rojo, Paulina Espinosa, Mariana Oliveira, Angel Durán e Mounqup
A xornada contará coa estrea do espectáculo da artista amesá vinculada ao apoio bienal, Suevia Rojo, que presentará “Pensar a contratempo”, ás 20:30 horas. De seguido, presentarase “Drauma”, de Paulina Espinosa e Mariana Oliveira (Portugal – México), que conta coa colaboración de SóLODOS. Posteriormente, será a quenda de Ángel Durán, Performing Arts, de Cataluña, que representará o espectáculo CLINCH, que forma parte do circuíto Acieloabierto 2024.

A programación de actuacións péchase coa Pista de baile con DJ set, a cargo de Mounqup e animación á danza. Mounqup é o proxecto en solitario de Camille Hedouin, cantante e produtora musical francesa que reside nas montañas de Galicia. O seu traballo é unha música electrónica catártica mesturada, tan local como internacional, tan tribal como suave, tan íntima como universal. Con ela pasaremos bailando desde os temas máis recoñecidos e bailables ata a súa produción máis persoal.

Todas estas actuacións terán lugar nos xardíns do Pazo da Peregrina. En caso de choiva trasladaranse á Casa da Cultura de Bertamiráns.

O Concello de Ames aposta pola danza
Dentro da súa aposta por esta disciplina artística, o Concello de Ames integrou na súa programación cultural, ao longo desta semana, máis espectáculos relacionados coa danza e o movemento.

O mércores 17 de xullo, ás 21:00 horas, a bailarina Paula Quintás representará no parque do Ameneiral de Bertamiráns a súa proposta “Multiperspectivas#2”. Trátase unha proposta orixinal que parte da perspectiva do espectador como reflexión contemporánea. Combina improvisación teatral, danza e circo, deixando espazo para a interacción co público e experimentando así cos límites das artes escénicas para enfrontarse coa realidade do espazo que nos rodea. Este espectáculo abrirá a programación municipal de artes escénicas do segundo semestre, e está integrado no convenio de colaboración entre a Axencia Galega das industrias Culturais (AGADIC) e o Concello de Ames.

Ao día seguinte, o 18 de xullo, dentro dos Seráns de Ames, o campo da festa de Bugallido acollerá o espectáculo de danza-circo “A vida tola de Pajarito”, ás 20:00 horas.

O 19 de xullo chega a Ames o Festival Internacional de Danza e Movemento “Abanea”

Multimedia

  • O 19 de xullo chega a Ames o Festival Internacional de Danza e Movemento “Abanea”