Pestanas principais

Aberto ata o 31 de xullo o segundo prazo para participar na convocatoria de axudas en especies para festas populares

Luns, 22 de xullo de 2024

O Concello de Ames, a través da Concellería de Cultura, mantén aberto ata o 31 de xullo o prazo para participar na convocatoria de subvencións en especies para as festas populares celebradas no 2024 por asociación e comisións de festas municipais. O prazo está aberto para as festas que se celebren nos meses de setembro a decembro de 2024. Con estas axudas búscase fomentar a celebración das festas e colaborar na súa organización, facendo máis doada a labor que está a desenvolver o tecido asociativo e as comisións de festas do concello no eido da dinamización sociocultural. A contía total desta liña de axudas ascende a 24.000 euros. Ata o de agora xa se consumiron 15.890 euros, isto representa o 66,20% da contía total. Premendo nesta ligazón pódense obter as bases da convocatoria.

O Concello de Ames puxo en marcha por primeira vez este ano unha convocatoria de axudas en especies para as festas populares celebradas no 2024 por asociación e comisións de festas municipais. Deste xeito preténdese fomentar a celebración das festas e colaborar na súa organización, facendo máis doada a labor desenvolvida polo tecido asociativo e as comisións de festas. Unha das liñas de colaboración é a concesión de actuacións de grupos de música e baile tradicional e agrupacións corais.

Para participar nesta convocatoria de subvencións establecéronse dous prazos. Para optar a axudas para organizar festas e eventos que se celebren nos meses de xaneiro ata agosto, houbo que presentar a solicitude por rexistro ata o 15 de maio. Na actualidade está aberto ata o 31 de xullo o prazo para presentar solicitudes para realizar festas e eventos que se celebren nos meses de setembro a decembro.

As solicitudes deberán presentarse a través do rexistro telemático na Sede electrónica do Concello ou no rexistro de calquera administración pública adherida á plataforma de intercambio rexistral (SIR), en cumprimento do artigo 14.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. As subvencións que se outorguen serán compatibles con outras axudas, ingresos ou recursos que para a mesma finalidade poidan conceder outras entidades públicas ou privadas.

Concesión de axudas para festas que se celebran de xaneiro ata agosto
Ata o de agora xa se concederon 15.890 euros en axudas para festas que se celebran de xaneiro ata agosto. Isto representa o 66,20% da contía total. As entidades beneficiarias son a Asociación recreativa, deportiva e cultural Lojo Batalla de Tapia con 1.000 euros para actuacións de Airiños do Paseo de Colón e Requinta da Amaía; Manos Unidas ONG con 400 euros para a actuación de As Maianas; Asociación recreativa e cultural da festa gastronómica do chourizo ao viño con 600 euros para as actuación de Os Castros; Cofradía da nosa señora A Divina Peregrina con 150 euros para a actuación da coral Lojo Batalla; Asociación sociocultural mulleres de San Xoán de Ortoño con 1.550 euros para as actuacións de Requinta da Amaía, Coro Lojo Batalla e Os Castros; e a Asociación veciñal, cultural, social e deportiva O Corpiño con 500 euros para a actuación de Os Retranqueiros.

Por outra banda, a Asociación Centro cultural Mahía, a Asociación veciñal San Pedro de Bugallido e maila asociación veciñal Agraria de Bugallido dispoñen de 2.505 euros para tres actuacións da coral de Bugallido, unha actuación da Requinta da Amaía e unha actuación de Os Retranqueiros.

Tamén son beneficiarias desta liña de axudas a Asociación recreativa e cultural da Ameixenda con 900 euros para a actuación de Os Retranqueiros; a Asociación veciñal de Covas con 535 euros para a actuación da Coral de Bugallido; a Cofradía da Magdalena do Milladoiro con 1.800 euros para as actuacións de Os Castros e da banda de música de Brión; Asociación e comisión de festas San Lourenzo de Agrón con 650 euros para actuacións da coral Lojo Batalla e de As Maianas; a Concellaría de Medio Ambiente con 500 euros para a actuación da Requinta da Amaía na Feira do Pan e do Cereal; a Asociación cultural de Ames con 1.800 euros para dúas actuacións de Os Retranqueiros; Asociación cultural e de festexos Virxe da Peregrina con 1.000 euros para as actuacións da Requinta da Amaía e de Airiños do Paseo do Colón; a comisión de festas “Magdalena en Festas” con 1.000 euros para a actuacións da Requinta da Amaía e de Airiños do Paseo do Colón; e Asociación veciñal Tres Pés para un Banco con 1.000 euros para as actuacións da Requinta da Amaía e de Airiños do Paseo do Colón.

Asignacións económicas máximas por parroquias
Co fin de optimizar os recursos e para garantir a estabilidade e viabilidade dos orzamentos, na convocatoria establécense asignacións económicas máximas por parroquias. As asociacións culturais ou veciñais e comisións de festas que organizan os festexos dentro dunha mesma parroquia, terán que coordinarse entre si e realizar a súa solicitude de programación cumprindo os seguintes requisitos e normas:
    • Parroquias de menos de 500 habitantes: Máximo 2 actuacións. Límite orzamentario 1.000 euros.
    • Parroquias de 500 - 3000 habitantes: Máximo 5 actuacións. Límite orzamentario 3.000 euros.
    • Parroquias de máis de 3000 habitantes: Máximo 8 actuacións. Límite orzamentario 4.000 euros.
    • Entidades organizadoras de eventos de interese sociocultural ao marxe dos festexos populares: 1 actuación. Límite orzamentario 500 euros.

A concesión destas axudas realízase directamente as agrupacións de música tradicional ou corais do concello de Ames que estean inscritas no Programa de agrupacións de música tradicional ou Corais do Concello de Ames e conten con un contrato tramitado ao efecto.

Así, os beneficiarios non percibirán cantidade económica. Isto implica que unha vez sexa concedida a axuda porase a disposición dos beneficiarios os servizos previamente autorizados, sendo o Concello quen efectuará directamente o pago á empresa adxudicataria contra a presentación da correspondente factura unha vez comprobada a efectiva prestación do servizo ás entidades beneficiarias para a finalidade que fundamentou a concesión da subvención.

Imaxe de arquivo da festa do chourizo ao viño