Pestanas principais

​O Concello de Ames rendeulle homenaxe a Borja Golán con motivo do Día de Galicia

Martes, 23 de xullo de 2024

O Concello de Ames celebrou hoxe martes, 23 de xullo, o acto do Día de Galicia. O Pazo da Peregrina de Bertamiráns foi o escenario dun acto de celebración da galeguidade e, ao mesmo tempo, dun acto de recoñecemento ao deportista amesán Borja Golán que recibiu a medalla do Concello de Ames. Ao longo do acto interviron o alcalde e mailas voceiras e voceiros dos diferentes grupos políticos da Corporación municipal. A compañía martaalonsotejada e Mounqup amenizaron o acto coa interpretación de varias pezas de música e danza. O acto estivo presentado pola actriz e creadora Carlota Mosquera.

O Pazo da Peregrina acolleu hoxe pola tarde o acto institucional que celebrou o Concello de Ames con motivo do Día de Galicia. Acto ao que asistiron Santiago Amor, ex-alcalde do Concello de Ames; Blas García, actual alcalde; concelleiros e concelleiras da actual Corporación municipal; representantes de asociacións municipais; así como relevantes veciños/as e entidades de Ames que recibiron anteriormente a medalla do Concello de Ames como un representante da Coral Polifónica de Bugallido, María Victoria Otero Espinar, Ramón Lorenzo e Maximino Viaño.

A través de dito acto o Concello de Ames quixo, neste 2024, conmemoralo Día de Galicia, o día das galegas e dos galegos, e ao mesmo tempo, renderlle homenaxe ao deportista amesán Borja Golán en recoñecemento a súa carreira deportiva. O acto abriuno a compañía martaalonsotejada e Mounqup, que ao longo do acto interpretaron varias pezas de danza con música en directo. A continuación, a actriz e creadora Carlota Mosquera, deu paso a cada unha das voceiras e voceiros dos grupos municipais con representación na actual Corporación municipal.  

A primeira voceira en intervir foi Luísa Feijoo, de Espazo Común, comezou citando varios versos de Rosalía de Castro e Manuel María para facer referencia a Galicia emigrante ou á importancia que ten o noso idioma. Tamén puxo en valor a beleza da nosa terra. Rematou dicindo “Galicia, e neste caso tamén Ames, somos as súas xentes, persoas coma nós, como as que estamos hoxe aquí e sobre todo persoas que dende o mundo das letras, das matemáticas, do eido científico, da música, do deporte levan a Galicia ao mais alto, persoas como Borja Golán a quen hoxe lle outorgamos a medalla do Concello e que levou ao noso concello, a nosa lingua e a Galicia ao máis alto”.

A continuación interviu Escarlata Pampín, voceira do Bloque Nacionalista Galego, destacou “a importancia de gañar un futuro digno para o noso país no que non estea Altri, un futuro no que a riqueza e a produtividade do noso país se poña ó servizo dos galegos e das galegas, un futuro no que a mocidade poida desenvolver o seu proxecto de vida aquí e non teña que emigrar, un futuro no que a nosa cultura e a nosa lingua ocupen o lugar que lle corresponde, un futuro no que a sanidade e a educación públicas sexan unha prioridade, un futuro no que se garanta unha vellez digna para os nosos maiores, un futuro sen violencia machista”. Tamén agradeceu a Borja “polo pasado, polo presente e polo futuro no que segues desempeñando un papel fundamental no squash amesán. Que o teu compromiso nunca deixe de medrar”. Rematou cun recoñecemento a Luísa Villalta, homenaxeada este ano polas Letras Galegas, coa lectura do último fragmento dun dos seus poemas.

De seguido foi a quenda de Oliva Agra, voceira do Partido Popular, que dixo “xa alá polo ano 2018, nun acto polo día de Galicia como este xa puxen en valor as grandes xestas deportivas que conseguía Borja Golán en aquelas datas por proclamarse campión de Europa por segunda vez. Co seu traballo, esforzo e afouteza conseguiu que o squash pasase de ser un deporte minoritario, pouco recoñecido e descoñecido a ser todo o contrario e mesmo fundar a “Golán Squash Academy”, formando a todos os alumnos en valores como o esforzo, a constancia, o respecto aos contrincantes, o afán de superación. Valores todos eles que non son aplicables unicamente o deporte senón a todos os ámbitos da vida contribuíndo tamén a formar unha sociedade mais xusta, unha sociedade mellor. E valores tamén que nos representan a todos os galegos. Somos un pobo que se caracteriza polo seu esforzo, constancia e traballo. Se somos o que somos hoxe en día é gracias ao esforzo dos nosos país e avós e que fai que os galegos sexamos tan valorados en calquera parte do mundo”.

A quenda de intervención de voceiros pechouna o voceiro do PSdeG-PSOE, Víctor Fernández, que recordou que “non hai un só aspecto profesional, deportivo ou cultural no que un amesá ou amesán non destaque, sendo proba dilo todas as persoas homenaxeadas dende o ano 2018”, para posteriormente centrarse na figura de Borja Golán e agradecerlle “a súa labor espallando o nome de Ames e Galicia polo mundo enteiro”.

Entrega da medalla do Concello de Ames
O alcalde de Ames, Blas García destacou durante a súa intervención o significado que ten recibir esta medalla, que “significa algo máis que un acto simbólico ou festivo, ou simplemente un premio a unha traxectoria. Esta medalla do concello de Ames significa recoñecer valores tan importantes como a solidariedade, o emprendemento, o sacrificio, o traballo en equipo, a humildade, o respecto, a tolerancia, a honestidade ou a responsabilidade”.

“Valores que todas e todos nós deberíamos de ter presentes no noso día a día, pero aínda máis os e as que representamos a Ames. Por iso eu esta tarde quero pedir máis compromiso, máis responsabilidade, máis diálogo e máis consenso. Quero que Ames siga sendo un referente de concordia e de entendemento na política como o foi ata o de agora”.

Tamén se dirixiu a Borja para recoñecer que o seu maior triunfo “é o recoñecemento dos teus adversarios nas pistas, e o cariño do teu entorno. Cariño que nós esta tarde queremos amosarche aquí, no teu concello, no concello no que empezastes a xogar e no concello que escollestes para vivir coa túa familia. Por que ti Borja, representas todos os valores que citei antes: solidariedade, emprendemento, sacrificio, traballo en equipo, humildade, respecto, tolerancia, honestidade ou responsabilidade”.

Unha vez rematada a súa intervención, o alcalde entregoulle a Borja Golán, a medalla do Concello de Ames. Borja Golán está considerado o mellor xogador da historia do squash español. Conta no seu palmarés con 17 campionatos de España e dous campionatos de Europa. Ademais, sumou 21 europeos consecutivos xogados con España desde 1999. Foi o primeiro xogador de fala hispana en meterse dentro do top 10 mundial (setembro de 2009) e chegou a ser top 5 do mundo en abril de 2014. Estivo imbatido en España durante 17 anos consecutivos (maio 2002- febreiro 2019).

Tras recibir a medalla do Concello de Ames, Borja Golán, dixo “recibir esta medalla do meu Concello, onde levo tantos anos vivindo, e máis no acto de conmemoración do Día de Galicia, é algo moi especial. Faime moita ilusión este recoñecemento e quero agradecer ao Concello de Ames o apoio que me deu durante toda a miña carreira.  Tamén estou moi agradecido porque o Concello de Ames continúe apostando polo deporte, ofrecéndolle á veciñanza unha ampla oferta de actividades deportivas e podendo probar  diferentes deportes entre o que se atopa o meu, o squash”.

O acto pecharase co himno galego, que foi interpretado por Mounqup e cantado polos asistentes a dito acto.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Ames celebra o Día de Galicia coa entrega da súa medalla ao crack do squash Borja Golán"

La Voz de Galicia: "Ames adianta o Día de Galicia e homenaxea a Borja Golán"

​O Concello de Ames rendeulle homenaxe a Borja Golán con motivo do Día de Galicia

Multimedia

  • ​O Concello de Ames rendeulle homenaxe a Borja Golán con motivo do Día de Galicia