Pestanas principais

Continúan os Seráns de Ames en Tapia con xogos e un espectáculo de monicreques

Mércores, 31 de xullo de 2024

Este xoves, 1 de agosto, a área recreativa de Tapia acolle a cuarta xornada dos Seráns de Ames. Esta iniciativa, que se desenvolve durante os meses de xullo e agosto, acolle nesta ocasión dúas actividades. Ás 17.30 horas impartirase a sesión de xogos “Xogos do Paporrubio”; e ás 19:30 horas representarase o espectáculo de monicreques “Varietés do Animalario”. Premendo nesta ligazón podes consultar o cartel ao completo dos “Seráns de Ames”.

Ás 17.30 horas comezarán "Os xogos do Paporrubio", que é un compendio de xogos autónomos e animados de temática agraria, que nos dá a coñecer un dos paxaros máis pequenos, rebuldeiros e cantaruxeiros da nosa fauna. O paporrubio, calzado cuns zocos, guía a nenos e maiores por unha eira chea de xogos.

Os participantes nesta aventura terán que ir descubrindo como se xoga a algúns dos xogos, mentres que se sorprenderán noutros deles grazas ás pequenas historias contadas e cantadas polos animais e habitantes da granxa, elaborados con xoguetes, marionetas e xigantes. A pretensión é facerlle accesible aos pequenos, a través da diversión en familia, unha cultura agraria que de por si adoita fascinar e marabillar.

Espectáculo de monicreques
De seguido, a compañía Paporrubio porá en escena “Varietés do Animalario” a partir das 19:30 horas. Este espectáculo narra a historia dunha raposa e dun lobo que se ven envoltos nun conflito pola propiedade dunha pereira con sete peras, á que misteriosamente lle van desaparecendo as peras unha a unha.

Nesta historia vense cuestionados os roles habituais que teñen a raposa e o lobo nas cultura galega de tradición oral; os dous vólvense vexetarianos, son rexeitados polos seus grupos habituais de compañía e acaban sendo compañeiros a causa do amor pola Pereira coas sete peras. Todo isto, acompañados das características humorísticas clásicas da tradición de monicreques galega: os enredos lingüísticos, a cachaporra, a astucia do heroe e do antiheroe…

Iniciativa “Seráns de Ames 2024”
“Seráns de Ames” é unha programación de verán para todos os públicos que volve ao concello por cuarto ano consecutivo, despois de que no ano 2021 se estrease a iniciativa na praia fluvial de Tapia e no 2022 se ampliase á parroquia de Bugallido. Como novidade, este ano cóntase con Biduído e Agrón como sedes, repartindo así entre catro parroquias (Tapia, Bugallido, Biduído e Agrón) as sete xornadas do programa nas que haberá actividades para todos os públicos.

Ata o de agora realizáronse tres xornadas en Tapia, Bugallido e Biduído, cun pregón inaugural a cargo da xornalista e escritora amesá Paula Señarís, coas actuacións dos grupos Maianas e SR. Salvaje, e co espectáculo de danza e circo “A vida tola de Pajarito”.

Trala xornada deste xoves, 1 de agosto, quedarán outras tres xornadas. O xoves, 8 de agosto, ás 20:00 horas, o campo da festa de Agrón acollerá o espectáculo de versións musicais de “A banda de Nash”. Os Seráns de Ames volverán a Bugallido o xoves, 22 de agosto, cunha Foliada do programa Apego, que incluirá a actuación musical de Pablo Díaz e Olga Kirk, ás 19:00 horas. Por último, a programación remata o xoves, 29 de agosto, en Tapia, co monólogo de Manolo Boquete, ás 19:00 horas.

Continúan os Seráns de Ames en Tapia con xogos e un espectáculo de monicreques

Multimedia

  • Continúan os Seráns de Ames en Tapia con xogos e un espectáculo de monicreques