- Tematica
Este luns, 2 de setembro, comezou unha nova edición do Setembro Lúdico con 140 participantes. A través deste programa trátase de facilitar a conciliación das familias amesáns antes do inicio do curso escolar. Este programa estase desenvolvendo no CEIP da Maía, EEI do Milladoiro e CEP de Ventín en horario de 7:30 a 16:00 horas, e inclúe os servizos de comedores e Bos Días.
O Setembro Lúdico conta este ano coa participación de 140 nenas e nenos, dos que 66 acoden ao CEIP da Maía; 33 a EEI do Milladoiro e 21 ao CEP de Ventín. Ata o 10 de setembro, os/as nenos/as inscritos/as están a realizar unha gran variedade de actividades e xogos en horario de 9.00 a 14.00 horas, excepto aqueles para os que se lle solicitou o servizo Bos Días, que comeza ás 7.30 horas, ou o servizo de comedor, que remata ás 16.00 horas.
Descubrir os ODS coas aventureiras Maruxa e Berenguela
Este lúdico centrarase en coñecer diferentes aspectos dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) a través dunha viaxe por distintos países do mundo. Cada día, as crianzas explorarán un novo país e descubrirán como estes están a traballar para acadar estes obxectivos. Desde iniciativas de conservación en África, pasando por programas de recuperación de sementes en Asia e esforzos de igualdade de xénero en América Latina, aprenderán sobre as diversas formas en que as comunidades están a contribuír a un futuro mellor.
Ademais, incentivarase aos nenos e nenas de Ames a participar en diferentes actividades e xogos que lles axudarán a comprender mellor os desafíos e as solucións que se están a implementar en todo o mundo. Será unha oportunidade para abrir as súas mentes, ampliar os seus horizontes e inspiralos a ser axentes de cambio nas súas comunidades.
Para esta nova aventura, estarán acompañados de novas personaxes inventadas. Neste caso coñecerán a historia de Maruxa, unha nena galega de 10 anos que adora viaxar polo mundo coa súa mascota Berenguela. Maruxa sempre leva a súa mochila máxica, que ten a capacidade de levar todo o que necesita para as súas aventuras, desde libros ata ferramentas do máis estranas para facer diferentes tipos de manualidades. Maruxa é curiosa, valente e sempre está disposta a aprender cousas novas. Encántalle facer amizades en cada país que visita e compartir as súas experiencias. Nesta ocasión está desexosa de compartilas cos nenos e nenas participantes do Setembro Lúdico.
Balance da Escola de Verán
Por outra banda, cómpre salientar que este pasado 30 de agosto rematou a Escola de Verán, que este ano se desenvolveu no CEIP da Maía, no CEP de Ventín e na EEI do Milladoiro. Nesta edición houbo unha gran participación. O número total de usuarios/as foi de 1.082, aínda que hai que ter en conta que moitos dos nenos e nenas repetiron participación en varias quincenas do programa. A participación divídese por quincenas.
Deste xeito durante a primeira quincena do mes de xullo participaron 386 usuarios/as: 236 no CEIP A Maía, 68 na EEI Milladoiro, e 82 no CEP de Ventín. Na segunda quincena de xullo houbo unha participación de 328 usuarios/as: 194 no CEIP A Maía, 64 na EEI Milladoiro, e 70 no CEP de Ventín. En total en xullo houbo 714 inscricións feitas tendo en conta as dúas quincenas.
No que se refire ao mes de agosto, formalizáronse 368 inscricións, tendo en conta tamén as dúas quincenas. Durante a primeira quincena do mes de agosto participaron 197 usuarios/as: 100 no CEIP A Maía, 43 na EEI Milladoiro, e 54 no CEP de Ventín. Na segunda quincena de agosto houbo unha participación de 171 usuarios/as: 85 no CEIP A Maía, 35 na EEI Milladoiro, e 51 no CEP de Ventín.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "Setembro Lúdico en Ames"