Pestanas principais

Ames Radio abre unha nova convocatoria de Radio Cidadá

Martes, 10 de setembro de 2024

Ames Radio pon un ano máis os seus micrófonos a disposición da cidadanía para a elaboración de programas de radio. Calquera persoa, asociación ou entidade pode presentar os seus proxectos desde hoxe e ata o día 30 de setembro enviando o impreso de solicitude ao correo electrónico radio@concellodeames.gal. Aceptaranse proxectos presentados por entidades, asociacións ou persoas non empadroadas no concello, sempre que as súas propostas resulten de interese para o municipio amesán ou estean protagonizadas por persoas residentes, nadas ou que traballen en Ames. Cada proxecto deberá ser presentado por unha persoa coordinadora que deberá ter un mínimo de 18 anos de idade. Pódense consultar todos os detalles nas bases que regulan a Radio Cidadá premendo nesta ligazón.

Poderán presentar propostas para a grella de Radio Cidadá asociacións e entidades do concello e calquera persoa maior de 18 anos ou de 16, neste último caso baixo a responsabilidade de algún dos seus proxenitores ou titores. Os interesados e interesadas deberán cubrir o impreso de solicitude indicando o título, obxectivos e descrición do programa, temas e público ao que vai dirixido, periodicidade, duración e día e hora de emisión suxerido.

Ames Radio pon a disposición da veciñanza o seu espazo físico, o equipamento e o persoal técnico necesario para a gravación dos programas seleccionados nos días e horas que se determinen. A emisión dos mesmos farase en función da grella de programación que aprobe a Comisión asesora de Comunicación do Concello de Ames, aínda que se procurará respectar no posible as propostas de emisión das persoas ou entidades propoñentes.

O proxecto de Radio Cidadá comezou a súa andaina no ano 2017. Desde entón materializáronse a través desta convocatoria máis de corenta propostas de distintas temáticas, dirixidas a variados segmentos de poboación. Programas sobre literatura, historia local, distintos xéneros de música, relixión, humor, ecoloxía ou educación compuxeron a grella de Radio Cidadá ao tempo que enriqueceron a programación global da emisora. Programas como “Tangos de la esquina Sur”, “Vivirnos nun mundo finito”, “De Museo” ou “Miradas” levan emitíndose desde o principio do proxecto.

Para calquera dúbida os/as interesados/as poden poñerse en contacto con Ames Radio a través do correo electrónico radio@concellodeames.gal ou o nos teléfonos 981 890 452 e 662 377 413.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Llamamiento desde Radio Ames para que los vecinos y colectivos aporten y conduzcan programas"

Ames Radio abre unha nova convocatoria de Radio Cidadá