Pestanas principais

O Concello de Ames presenta a “VI Semana Europea da Mobilidade”

Martes, 10 de setembro de 2024

O Concello de Ames vai celebrar por sexto ano consecutiva a Semana Europea da Mobilidade, que neste 2024 se desenvolverá no municipio do 20 ao 22 de setembro, cunha serie de actividades a prol da mobilidade activa, do transporte público e doutros medios limpos e intelixentes. Deste xeito, o programa inclúe unha andaina, xogos, música e unha marcha ciclista. A temática escollida pola Comisión Europea para este ano é “Espazo Público Compartido”, que convida a decidir colectivamente como compartir o espazo público e a movernos de forma segura e cómoda nun entorno agradable, especialmente peóns e ciclistas.

A Semana Europea da Mobilidade (SEM) é unha campaña que leva a cabo dende o ano 2002 a Comisión Europea, co fin de promover unha mobilidade urbana sostible, animando ao cambio de hábitos a prol da mobilidade activa, o transporte público e outras solucións de transporte limpas e intelixentes. Este ano, decenas de cidades e vilas sumáronse á campaña, entre elas o Concello de Ames, baixo o lema “Espazo Público Compartido”, que busca fomentar un cambio de comportamento a prol da mobilidade activa, o transporte público e outras solucións de transporte limpas e intelixentes.

Neste senso, o salón de plenos da Casa do Concello de Ames, en Bertamiráns, acolleu a presentación da programación da VI Semana Europea da Mobilidade de Ames. Ao acto asistiron o alcalde de Ames, Blas García; o concelleiro de Mobilidade, Víctor Fernández; e o oficial da Policía Local de Ames, Maximino García.

Abriu o acto Víctor Fernández, concelleiro de Mobilidade, quen destacou que “o lema escollido este ano está moi vencellado ás políticas impulsadas polo Concello de Ames nos últimos anos para poñer aos peóns no centro, como son a améndoa central de Bertamiráns ou a humanización da rúa Rosalía de Castro no Milladoiro”. Así mesmo, fixo fincapé na importancia de apostar por unha nova forma de entender as cidades: “Desde as administracións debemos traballar para ter cidades máis sostibles e seguras, que se convertan nun espazo máis amable para a veciñanza”.

Pola súa banda o alcalde de Ames, Blas García, incidiu na importancia de que “a aposta por unha mobilidade máis sostible e saudable non debe quedar nesta semana; hai que respaldala con un traballo continuo ao longo do ano, pois todas as accións impulsadas redundan na saúde das persoas”. Tamén destacou a necesidade de contar co ámbito rural na promoción dunha mobilidade máis respectuosa co medio ambiente: “Non só podemos centrarnos na humanización dos núcleos urbanos. No Concello levamos tempo implementando melloras no rural, como as sendas peonís executadas en Biduído, Covas, Eirapedriña ou Mourigade”. Rematou a súa intervención agradecendo a colaboración e o traballo da Policía Local e do persoal de Protección Civil de Ames.

Programación da VI Semana Europea da Mobilidade de Ames
As actividades comezarán o venres 20 de setembro, cunha marcha ciclista nocturna que partirá ás 22:00 horas da praza do Concello, en Bertamiráns. Ao igual que en edicións anteriores, tratarase dun percorrido sinxelo e ben iluminado, duns oito quilómetros, pensado para que toda a familia poida sumarse. Para participar cómpre inscribirse, enviando un correo ao enderezo electrónico mobilidade@concellodeames.gal, e levar chaleco reflector e casco durante a marcha.

O programa continuará o sábado 21, cunha serie de xogos e actividades orientados á rapazada de entre 4 e 12 anos. A partir das 17:00 horas, o aparcadoiro de Agriños, fronte a EEI do Milladoiro, acollerá un amplo abano de xogos populares en bicicleta. Ese mesmo día, a partir das 20:30 horas, DJ WANA ofrecerá unha sesión dj no aparcadoiro da Casa da Cultura do Milladoiro.

A semana rematará o domingo 22 cunha andaina pola senda verde, un percorrido de doce quilómetros de dificultade baixa que une O Milladoiro con Bertamiráns. Será ás 10:00 horas, partindo dende a igrexa de San Xosé, no Milladoiro. Para participar nesta saída cómpre inscribirse enviando un correo a mobilidade@concellodeames.gal indicando “Andaina senda verde”, e especificando se se precisa autobús. Haberá un autobús para levar aos participantes de Bertamiráns ao Milladoiro e, unha vez rematada a andaina, fará ese mesmo percorrido.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Ames celebra la Semana da Mobilidade con una caminata, música y una marcha ciclista"

Lindeiros: "VI Semana Europea da Mobilidade de Ames"

El Correo Gallego: "Semana de la movilidad desde Ames con rutas, juegos, bicis y hasta un DJ"

O Concello de Ames presenta a “VI Semana Europea da Mobilidade”

Multimedia

  • O Concello de Ames presenta a “VI Semana Europea da Mobilidade”
  • O Concello de Ames presenta a “VI Semana Europea da Mobilidade”
  • O Concello de Ames presenta a “VI Semana Europea da Mobilidade”