- Tematica
O vindeiro 20 de outubro celebrarase a Carreira Pedestre Popular do Concello de Ames, que este ano alcanza a súa vixésimo terceira edición. A proba contará cun circuíto de 10 quilómetros homologado pola Real Federación Española de Atletismo, con saída e chegada en Bertamiráns, na rúa Alcalde Lorenzo. O prazo de inscrición está aberto ata o mércores 16 de outubro, ás 23:59 horas, e pode realizarse a través da web www.emesports.es cubrindo o formulario de inscrición. Non se admitirán inscricións fóra de prazo nin o día da carreira. Premendo nesta ligazón pódese consultar o regulamento ao completo e os horarios da XXIII Carreira Pedestre Popular do Concello de Ames.
O Concello de Ames e a Federación Galega de Atletismo organizan o domingo 20 de outubro a XXIII Carreira Pedestre Popular Concello de Ames, unha proba que pertence ao X Circuíto provincial de carreiras populares da Deputación da Coruña. Contará cun circuíto urbano homologado pola Real Federación Española de Atletismo, con saída e chegada en Bertamiráns, na rúa Alcalde Lorenzo, nas inmediacións da Casa do Concello. O percorrido estará debidamente sinalizado e haberá indicacións en cada quilómetro.
Inscricións na proba e retirada de dorsais
Na carreira popular poderán participar todas aquelas persoas que o desexen, con ou sen licenza federativa. O control da carreira estará a cargo do Comité de Xuíces da Federación Galega de Atletismo. As inscricións poderanse facer ata as 23:59 horas do mércores 16 de outubro, a través da páxina web www.emesports.es.
As persoas que desexen participar na proba absoluta (de sub20 en diante) terán que aboar unha cota de 7 euros. A inscrición para as categorías escolares (de pitufo a xuvenil) é de balde. Non se admitirán inscricións fóra do prazo establecido nin se admitirán inscricións o día da carreira.
A carreira estará controlada ao longo de todo o percorrido a través dun chip que se entregará a cada corredor/a xunto cun dorsal de competición. Os dorsais retiraranse na secretaría da organización situada na Casa do Concello (praza do Concello, nº 2, Bertamiráns) o día anterior á carreira (sábado 19 de outubro), en horario de 17:00 a 20:00 horas. Tamén se poderán recoller o propio día, ata media hora antes do inicio da proba.
Premios e trofeos
Os tres primeiros clasificados de cada categoría, así como os tres primeiros da proba absoluta, recibirán un trofeo. No caso da proba absoluta, o trofeo será entregado tamén ás tres primeiras persoas empadroadas no Concello de Ames que chegue á meta e os tres primeiros clubs clasificados.
Haberá tamén premios en metálico. Na proba absoluta o primeiro clasificado será galardoado con 250 euros, o segundo con 200 euros; o terceiro con 100 e o cuarto con 50 euros. Para os clubs federados o primeiro premio será de 250 euros, o segundo de 175 euros; o terceiro de 100 e o cuarto de 75 euros.