Pestanas principais

Volven as andainas saudables cunha ruta pola oitava etapa do Camiño de Santiago desde o Barbanza

Venres, 20 de setembro de 2024

A Concellaría de Deportes e Promoción da Saúde, dentro do programa municipal de Andainas Saudables, organiza un percorrido pola oitava etapa do Camiño de Santiago dende o Barbanza, “A orixe”. A ruta realizarase o sábado 28 de setembro. Os participantes camiñarán arredor de 15 quilómetros, partindo desde  o Lugar de Tallós, en Dodro, e chegando ata A Picaraña. Os interesados en participar poden inscribirse cubrindo este formulario ata o xoves 26 de setembro. Haberá servizo de autobuses con saída dende a praza do Concello, en Bertamiráns, ás 9:00 horas; e dende a Casa da Cultura do Milladoiro ás 9:15 horas.

Despois dun breve parón durante os meses de xullo e agosto, neste mes de setembro volven as andainas saudables, que promove a Concellaría de Deportes e Promoción da Saúde. Desta volta, trátase da oitava etapa do Camiño de Santiago dende o Barbanza, un recorrido de 120 quilómetros que parte dende o Faro de Corrubedo e pasa por diversos lugares da ría de Arousa, atravesando cidades e pobos costeiros como Ribeira, A Pobra do Caramiñal, Boiro e Rianxo ata enlazar co Camiño Portugués ao chegar a Padrón.

Deste xeito, volven as andainas saudables polo Camiño de Santiago dende o Barbanza, “A orixe”. No pasado mes de xuño realizouse a sexta sétima do Camiño de Santiago dende o Barbanza, que discorreu desde a igrexa de Santa María de Leiro, en Rianxo, ata o Lugar de Tallós, en Dodro. Agora, organízase a oitava etapa que discorre dende Dodro ata A Picaraña.

Os participantes comezarán a ruta no Lugar de Tallós, en Dodro, e percorrerán quince quilómetros ata chegar á Picaraña. Recoméndase levar roupa e calzado axeitados. Hai 70 prazas dispoñibles, e as persoas interesadas en anotarse poden facelo ata o xoves 26 de setembro, ás 14:00 horas, cubrindo o formulario dispoñible nesta ligazón ou mediante o código QR do cartaz.

Haberá servizo de autobús dende a praza do Concello de Bertamiráns (ás 9:00 horas) e dende a Casa da Cultura do Milladoiro (ás 9:15 horas). Debido á alta demanda en anteriores andainas, terán prioridade as persoas empadroadas en Ames.

Volven as andainas saudables cunha ruta pola oitava etapa do Camiño de Santiago desde o Barbanza

Multimedia

  • Volven as andainas saudables cunha ruta pola oitava etapa do Camiño de Santiago desde o Barbanza