- Tematica
A Xunta de Goberno Local vén de aprobar o pasado 5 de setembro o expediente de licitación das obras de mellora da seguridade viaria dende O Mercuto ata O Vilar, ambos lugares pertencentes á parroquia da Ameixenda. O proxecto, que conta cun orzamento base de licitación de 205.673 euros (IVE incluído), esta incluído no POS+2024. Este proxecto súmase a outros de mellora da seguridade viaria como os que se están executando en Covas e Biduído ou a senda que se vai executar en Coira.
O Concello de Ames, a través da Concellería de Obras e Servizos, continúa coa execución de obras no rural destinadas á mellora da seguridade viaria. Así, a Xunta de Goberno Local aprobou o expediente de licitación das obras de mellora da seguridade viaria dende O Mercuto ata O Vilar, ambos lugares pertencentes á parroquia da Ameixenda.
A través desta actuación vaise a pavimentar dous treitos de cuneta entre ditos núcleos da Ameixenda. O proxecto, que conta cun orzamento base de licitación de 205.673,32 euros (IVE incluído), está incluído no plan provincial POS+2024.
O concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto, sinala que “a execución das obras desta senda garantirán que a veciñanza da Ameixenda conte cunha alternativa segura de desprazamento a pé entre O Mercuto e O Vilar. Este proxecto súmase a outros de mellora da seguridade viaria como os que se están executando en Covas e Biduído ou a senda que se vai executar en Coira. Trátase dunha aposta do Concello pola seguridade peonil”.
Características do proxecto
No proxecto contémplase a execución de dous treitos de cuneta transitable de 530 metros e 310 metros de lonxitude, respectivamente, e 1,80 metros de ancho medio. Previo ao inicio das obras será preciso demoler os pavimentos que non sexan compatibles coa solución proxectada e o retranqueo de 10 postes.
A cuneta transitable executarase mediante 15 centímetros de pavimento de formigón HM – 20 con mallazo sobre 10 centímetros de zahorra. No exterior da cuneta disporase un bordo de formigón prefabricado. Contémplase o cruzamento do rego mediante pasarela pilotada de 20 metros de lonxitude total e 2 metros de ancho.
Así mesmo, a rede de drenaxe estará composta por tubaxe de polipropileno de 400 milímetros de diámetro, pozos de rexistro e arquetas con sumidoiro. Tamén será preciso prolongar unha obra de drenaxe.
Finalmente, para a rede de alumeado público empregarase tubo de polipropileno de 90 milímetros de diámetro e arquetas prefabricadas. As actuacións complétanse coa colocación dunha varanda de madeira tratada na pasarela.