- Tematica
Este domingo, 20 de outubro, celebrarase de novo a Carreira Pedestre Popular do Concello de Ames, que alcanza a súa vixésimo terceira edición. A proba contará cun circuíto urbano de 10 quilómetros homologado pola Real Federación Española de Atletismo, con saída e chegada en Bertamiráns, na rúa Alcalde Lorenzo. Nesta edición hai inscritas máis de 1.196 persoas: arredor de 500 nas categorías absoluta e sub-18, mentres que nas categorías escolares hai 700 rapaces e rapazas inscritos. Non se admiten inscricións fóra de prazo nin o día da carreira. Premendo nesta ligazón pódese consultar o regulamento ao completo e os horarios da XXIII Carreira Pedestre Popular do Concello de Ames.
A proba pertence ao X Circuíto provincial de carreiras populares da Deputación da Coruña. Contará cun circuíto urbano de 10 quilómetros, que está homologado pola Real Federación Española de Atletismo, con saída e chegada en Bertamiráns, na rúa Alcalde Lorenzo, nas inmediacións da Casa do Concello. O percorrido estará debidamente sinalizado e haberá indicacións en cada quilómetro. Na organización desta proba colaboran os clubs de atletismo de Ames: club de atletismo Sar, club de atletismo MillaRaio, e club Ames Atletismo; así como o club ciclista Os Esfola Arrós.
Os participantes poden retirar os seus dorsais na secretaría da organización, situada na Casa do Concello (praza do Concello número 2, Bertamiráns) o día anterior á carreira (o sábado 19 de outubro), das 17:00 ás 20:00 horas, ou na mesma xornada, o domingo 22, ata media hora antes do inicio da proba correspondente. Para non gardar cola recoméndase acudir ao Concello o día anterior no horario establecido. Premendo nesta ligazón pódese descargar o mapa de servizos da carreira.
Participantes e premios
Este ano anotáronse un total de 1.196 participantes. Deles, máis de 680 pertencen ás categorías escolares femininas e masculinas (pitufos, prebenxamín, sub10, sub 12, sub14 e sub16), mentres que entre os corredores da categoría absoluta e sub18 suman case medio milleiro de persoas.
Serán galardoados cun trofeo os tres primeiros clasificados de cada categoría, masculina e feminina. Haberá tamén catro premios en metálico: 250 euros para o gañador, 200 para o subcampión, 100 para o terceiro clasificado e 50 para o cuarto. Na proba absoluta, ademais, tamén recibirán un trofeo os tres primeiros corredores locais empadroados no concello de Ames que cheguen á meta. Pola súa banda, os máis pequenos serán premiados cunha medalla.
Como vén sendo habitual durante as últimas edicións, tamén se entregará un trofeo aos tres primeiros clubs da carreira absoluta, e premios en metálico aos catro primeiros (250 euros para o gañador, 175 para o segundo clasificado, 100 para o terceiro e 75 para o cuarto).
Horarios e distancias
A saída e a chegada da proba absoluta e sub 18 farase dende a rúa Alcalde Lorenzo, situada no núcleo central de Bertamiráns, de maneira que poida ser partícipe toda a veciñanza de Ames. Os corredores da categoría absoluta comezarán ás 10:00 horas, e deberán dar dúas voltas ao circuíto, completando un total de dez quilómetros. Pola súa banda, os participantes da proba sub18 darán unha única volta, facendo un recorrido de 5,25 quilómetros.
Posteriormente, ás 12:00 horas, está previsto que comecen as probas das categorías escolares. Ás 12.00 horas correran os nenos e nenas da categoría pitufo, integrada por crianzas nadas no ano 2020 e posteriores, que correrán 200 metros. Xa a partir das 12:10 horas comezarán a carreira os prebenxamíns, nados no 2017, 2018 e 2019, que recorrerán 350 metros.
Entre as 12:30 e as 12:40 competirán os rapaces e rapazas das probas sub10, que farán 1.00 metros. Ás 12.50 será a quenda dos sub 12, que tamén correrán 1.000 metros, e ás 13:00 correrán os rapaces e rapazas das categorías sub14 e sub16, que correrán 2.000 metros.
Cortes e prohibicións de tráfico
O día do evento, domingo 20 de outubro, quedará prohibido estacionar na rúa Alcalde Lorenzo desde as 00:00 horas ata as 15:00 horas. Ademais, haberá cortes de tráfico en diversas rúas e aldeas polas que transcorre a carreira de 08:00 horas a 15:00 horas. Os lugares afectados son a rúa Alcalde Lorenzo, A Condomiña (estrada DP-0205 ata rotonda do Agro do Muíño), Agro do Muíño, Sisalde, rúa Entrerríos, rúa Agrelo, rúa Xunqueira, A Condomiña e As Punxeiras. Recoméndase evitar esas vías e acceder a través da AG-46 ou a AC-300 (Os Ánxeles-Picaraña) cara a Padrón. Premendo nesta ligazón pódese descargar dito aviso.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "Cerca de 1.200 corredores participarán en la carrera pedestre popular de Ames"