- Tematica
Dende ás 11.00 horas de hoxe, 6 de novembro, e ata as 11:00 horas do venres, 8 de novembro, está aberto o prazo para votar a través de Instagram polos vídeos presentados ao concurso Galetiktokers, unha iniciativa dos departamentos de Xuventude e Normalización Lingüística do Concello de Ames, que pretende estimular a creatividade da rapazada animando á creación audiovisual en galego. Nesta quinta edición presentáronse 39 vídeos, realizados por arredor de 80 mozos/as de Ames e doutras localidades de Galicia. Nesta edición participou alumnado de centros de ensino de Bertamiráns, Lugo e Vilagarcía de Arousa, entre outras localidades. Premendo nesta ligazón pódense consultar as bases ao completo do V Certame Galetiktokers.
Un ano máis, os departamentos de Xuventude e Normalización Lingüística de Ames puxeron en marcha o certame Galetiktokers. Trátase dunha oportunidade para que a mocidade estimule a súa creación empregando os novos formatos e poñendo en valor a lingua galega.
As 39 pezas audiovisuais presentadas por arredor de 80 mozos/as participantes de Ames e doutras localidades de Galicia, optan unha vez máis a un total de 1.800 euros, repartidos en seis premios de 300 euros. Na primeira categoría (mozas e mozos de 13 a 17 anos) presentáronse 10 vídeos, mentres na segunda categoría (mozas e mozos de 18 a 35 anos) hai 29 vídeos admitidos. Nesta edición participou alumnado de centros de ensino de Bertamiráns, Lugo e Vilagarcía de Arousa, entre outras localidades.
Catro dos premios (os dous vídeos mellor valorados en cada unha das categorías) decidiraos un xurado formado por persoas recoñecidas no ámbito audiovisual e nas redes sociais. Os outros dous serán escollidos polo público a través do Instagram de Xuventude Ames. Deste xeito, cada categoría recibirá tres galardóns: dous do xurado e un do público.
O prazo para presentar vídeos rematou o 4 de novembro. Agora abre un prazo de dous días (dende as 11.00h de hoxe, 6 de novembro, ata as 11.00h do venres, 8 de novembro) para votar a través de Instagram polos vídeos presentados ao concurso Galetiktokers. Todas as pezas admitidas xa están subidas ao Instagram de Xuventude Ames XA! (@xuventudeames) co cancelo #galetiktokers.
Deste xeito, dous dos premios serán os escollidos polo público, que dispón de 48 horas para facerse seguidor/a do perfil de Instagram de Xuventude Ames XA! (@xuventudeames) e votar polos seus vídeos favoritos. A votación do premio do público realizarase a través dos reels publicados no perfil @xuventudeames. As publicacións que acumulen maior número de “gústame” serán as que se fagan co galardón.
Premios do xurado
Ademais, nos vindeiros días reunirase o xurado, para valorar as pezas presentadas e determinar os premios do xurado (catro premios). O xurado está formado por persoas recoñecidas no ámbito audiovisual e nas redes sociais, que valorarán o atractivo das pezas no seu conxunto, tanto na forma como no contido, tendo en conta aspectos como a orixinalidade, a creatividade, a claridade e a calidade lingüística.
Nesta quinta edición o xurado está composto polos creadores de contido en redes: Nuria Grandío López, @konachadas, e Rodrigo Míguez Novoa, @rodrimiguez97. Tamén forma parte do xurado Noelia Francisco Lens, especialista en comunicación audiovisual.
Todos os galardóns serán entregados nunha gala que se celebrará o sábado, 23 de novembro, no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro. O evento estará presentado e dirixido polas/os creadoras/es de contido en galego, Nuria Grandío López, @konachadas, e Rodrigo Míguez Novoa, @rodrimiguez97. Proximamente daranse máis detalles da gala de entrega de premios do V certame Galetiktokers.