Pestanas principais

Cinema Miúdo, unha viaxe ás orixes do cinema para a rapazada de Ames

Mércores, 06 de novembro de 2024

Esta mañá presentouse a sétima edición do festival internacional de cinema infantil de Ames. Na presentación estiveron presentes o alcalde de Ames, Blas García; a deputada da área de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González; a concelleira de Planificación e Xestión Educativa e Mocidade, Carmen Porto; o director do festival Cinema Miúdo, Juan de Castro; e maila técnica municipal do departamento de Cultura, María Vázquez. Ademais, acudiron á presentación 60 alumnos/as de terceiro curso de Educación Primaria do CEIP Agro do Muíño, que puideron ver en primicia tres curtametraxes que recollen os valores do festival. As entradas e abonos xa están dispoñibles na Billeteira electrónica do Concello de Ames. O abono para todo o festival ten un prezo de 3 euros.

Dende o 14 ata o 17 de novembro, as Casas da Cultura do Milladoiro e Bertamiráns transformaranse no epicentro do cinema infantil coa celebración do Festival Internacional de Cinema Miúdo. Durante catro días, nenos e nenas de todas as idades poderán gozar dunha programación moi coidada de curtametraxes, talleres, e actividades especiais.

Esta edición, alcumada As orixes do Cinema, convida á cativada a unha viaxe pola historia da sétima arte, desde os clásicos do cinema mudo ata as animacións máis contemporáneas. Nas sesións Pioneiros da Animación e Pioneiros da Comedia, novidade deste ano, poderemos gozar dos enxeñosos gags de Chaplin, Lloyd e Keaton, e marabillarnos coas técnicas de animación máis rudimentarias e innovadoras.

Como novidade nesta edición daranse dous novos premios: un premio escolar, que levará a curta máis aplaudida durante as proxeccións que se fagan nas sesións escolares, e mailo premio Miguel López, O Hematocrítico, que será para aquela curta que teña unha relación directa coa literatura infantil. Miguel López foi membro do xurado na edición anterior de Cinema Miúdo.

Presentación do festival
O alcalde, Blas García, destacou que “este festival ten o obxectivo de traballar cos nenos e nenas uns valores, que tamén traballades no colexio, e que son moi importantes que adquirades. Tamén quero facer unha mención para Miguel López, O Hematocrítico, xa que se vai entregar un premio a aquela curta que teña relación coa literatura infantil. Aproveito a ocasión para recomendarvos os libros que deixou escritos Miguel López, porque son moi axeitados para a vosa idade, co cal ademais de renderlle unha homenaxe nós aquí neste festival, convídovos a ler no colexio e na casa os libros do Hematocrítico”.

Por outra banda, a deputada da área de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González, explicou que “dende a Deputación da Coruña colaboramos con este festival porque nos parece moi importante achegar o audiovisual aos máis pequenos. Xa imos pola sétima edición e Cinema Miúdo converteuse nun festival referente. Está creado para os nenos e nenas de Ames e de toda Galicia, co obxectivo de vos acheguedes ao mundo do cine e para coñecer un montón de historias que se contan a través das curtas que se proxectan neste festival”.

A concelleira de Planificación e Xestión Educativa e Mocidade, Carmen Porto, deu as grazas á Deputación da Coruña, á Concellaría de Cultura do Concello de Ames e a Abella Producións “porque a través deste festival promóvese a creatividade, a educación e outros valores que vos transmiten cada día nas aulas, pero que tamén é importante velos reflectidos nas películas e curtametraxes. Anímovos a que convidedes as vosas familias a acudir a este festival”.  

O director do festival Cinema Miúdo, Juan de Castro, dirixiuse aos nenos e nenas e díxolles “recoméndovos vir a Cinema Miúdo porque nesta edición imos a poñer máis de 70 curtametraxes. Este festival é dos máis importantes de España, porque temos moitas curtametraxes que se van estrearse aquí en Ames. Ides ser dos primeiros nenos e nenas que van ver moitas das curtametraxes que se van proxectar aquí. Ademais, imos a ter uns obradoiros nos que ides poder construír unha cámara de fotos e tamén poderedes revelar as vosas fotos. Tamén haberá actuacións e a proxección dunha película. Ides aprender moito a través das curtas que ides poder ver”.

A técnica municipal do departamento de Cultura, María Vázquez, explicou “queremos que Cinema Miúdo sexa, como sempre, unha ferramenta de aprendizaxe, por iso convidamos aos colexios ás sesións escolares. Durante catro días os auditorio de Bertamiráns e do Milladoiro van acoller diversas sesión de cine. A temática deste ano está centrada nos pioneiros do cinema. Unha das novidades deste ano é que o alumnado que acuda ás sesións escolares vai poder outorgar un dos premios do festival, a través dun aplausómetro que vai a medir que curta recibe máis aplausos”.

Selección oficial e xurado
O centro da programación é a Selección Oficial, formada por 52 abraiantes curtametraxes das cales 7 serán proxectadas por primeira vez en España e outras 14 son primicia en Galicia. A selección de curtametraxes procedentes de diversos países permitirá a cativada descubrir realidades culturais distintas e ampliar a súa visión do mundo. As curtametraxes da Selección Oficial están divididas en dous bloques: Axóuxeres, para nenas e nenos de entre 2 e 7 anos; e Buxainas, para maiores de 7. Tamén haberá sesións especiais para escolares o xoves e venres pola mañá.

Todas as curtametraxes aspiran a alzarse cos premios do público e do xurado. No primeiro caso serán os pequenos espectadores os que emitan o seu veredicto ao remate de cada sesión. Para o segundo cóntase con tres profesionais do sector: o ilustrador de cómics e director de animación, Martín Romero; a directora e animadora portuguesa de filmes de animación, Alexandra Ramires; e o director da editorial infantil OQO, Xoán Couto.

A película destacada deste ano, ¡Linda quiere pollo!, conmoveranos coa súa emotiva historia sobre o vínculo entre unha nai e a súa filla. Esta xoia da animación, co seu estilo visual único e a súa sensibilidade, promete cativar a grandes e pequenos.

A Máquina Fantástica, obradoiro de fotografía analóxica
O obradoiro A Máquina do Fantástica convida ás nenas e nenos de Ames a explorar as orixes da fotografía. O taller terá lugar o sábado 16 na Casa da Cultura de Bertamiráns e o domingo 17 na Casa da Cultura do Milladoiro, ambos a partir das 10:30 horas. As prazas son moi limitadas e é preciso formalizar a inscrición a través do correo electrónico actividades@abella.gal, indicando nome, ideade e teléfono de contacto.

O taller ofrece aos participantes a oportunidade de crear de maneira sinxela e artesanal a súa propia cámara fotográfica estenopeica. Unha estenopeica é unha cámara fotográfica sen lente, que consiste nunha caixa estanca á luz cun pequeno orificio por onde entra a luz, o estenopo, e un anaco de película no que se plasmará a imaxe. A través desta experiencia práctica, os nenos aprenderán como a luz pode transformarse en imaxes dentro dunha caixa escura e como fixar esas imaxes en papel fotográfico utilizando técnicas clásicas de revelado. Ao finalizar a actividade, cada participante poderá levar á casa a súa primeira fotografía revelada como recordo tanxible da súa aventura creativa.

Actuación de Rudi Dudi e concerto interactivo de Caspervek
Ademais de cine, contarase con dúas actuacións nas galas de inauguración e clausura do certame. A inauguración, o venres 15, a partir das 17:00 horas, estará amenizada por Rudi Dudi e o seu espectáculo de comedia xestual.

Na clausura, o domingo 17, ás 18:30 horas, contarase cun dúo musical moi cinéfilo: Caspervek, que nos levará nunha viaxe pola historia da música no cinema a través dun concerto didáctico e interactivo. Na primeira parte do espectáculo explicarán de xeito práctico a importancia das bandas sonoras, convidando aos asistentes a participar na creación dunha peza. A continuación musicalizarán en directo a mediometraxe, Unha semana, de Buster Keaton, o gran xenio da comedia física.

O Peliculón: ¡Linda quiere pollo!
O filme francés ¡Linda quiere pollo! está considerada unha das mellores películas de animación dos últimos anos e foi gañadora do Premio Césa a mellor Filme de Animación (o equivalente ao Goya no país veciño). Cun estilo e animación áxiles e animados, Chiara Malta e Sébastien Laudenbach son quen de debuxar un océano de sentimentos a partir dunhas poucas pinceladas de cor, conseguindo transmitir e crear un fermoso vínculo nai-fila.

Cinema Miúdo
Cinema Miúdo é un festival de cine infantil nado no concello de Ames en 2018 que cada ano crece en número de espectadores e repercusión. O festival, que ten carácter internacional,  quere proporcionar ao público miúdo galego a oportunidade de desfrutar de filmes inéditos, orixinais, sorprendentes e de descubrir olladas doutras partes do mundo. Deste xeito propíciase que a rapazada descubra o gusto polo cinema e fórmase un público futuro con sensibilidade artística, interese cultural e espírito crítico ante o consumo audiovisual. Isto ten especial relevancia para o Concello de Ames, que ten a maior ratio de nenos e nenas de toda Galicia.

Nas anteriores edicións de Cinema Miúdo, o público gozou de sesións con filmes de Galicia, Francia, Corea, India, Afganistán, Marrocos ou Estados Unidos ademais de sesións específicas para escolares, mesas redondas para a comunidade educativa, obradoiros, e sesións musicais.

Para os máis pequenos, o festival ofrece unha sección especial con curtametraxes pensadas para estimular a súa imaxinación e espertar a súa curiosidade. E para os escolares, programáronse pases especiais con contidos educativos e actividades interactivas que lles permitirán aprender sobre os procesos de creación cinematográfica.

Cinema Miúdo non só é un evento cultural, senón tamén un motor de desenvolvemento local. O festival contribúe a dinamizar a vida cultural de Ames e a fomentar o interese polo cinema entre os máis novos. Grazas a iniciativas como esta, o municipio consolídase como un referente na promoción do cinema infantil en Galicia.

Imaxe da presentación da sétima edición do festival internacional de cinema infantil de Ames

Multimedia

  • Imaxe da presentación da sétima edición do festival internacional de cinema infantil de Ames
  • Imaxe da presentación da sétima edición do festival internacional de cinema infantil de Ames
  • Imaxe da presentación da sétima edición do festival internacional de cinema infantil de Ames
  • Imaxe da presentación da sétima edición do festival internacional de cinema infantil de Ames
  • Imaxe da presentación da sétima edición do festival internacional de cinema infantil de Ames
  • Imaxe da presentación da sétima edición do festival internacional de cinema infantil de Ames
  • Imaxe da presentación da sétima edición do festival internacional de cinema infantil de Ames
  • Imaxe da presentación da sétima edición do festival internacional de cinema infantil de Ames
  • Imaxe da presentación da sétima edición do festival internacional de cinema infantil de Ames
  • Cartaz da sétima edición do festival internacional de cinema infantil de Ames
  • Horarios da sétima edición do festival internacional de cinema infantil de Ames