Pestanas principais

Os Premios Youtubeiras+ pechan este venres o prazo de inscrición para a primeira edición na que se admite a participación de vídeos en TikTok

Martes, 12 de novembro de 2024

Youtubeiras, proxecto organizado polos servizos de normalización lingüística de dez concellos (entre os que se atopa Ames), das tres universidades e da Deputación da Coruña co obxectivo de fomentar a creación de contidos dixitais en galego con temáticas e formatos diversos, pecha este venres 15 de novembro, ás 23.59 horas, o prazo de inscrición para a oitava edición dos seus premios. Premendo nesta ligazón podes consultar as bases do certame.

A inscrición cómpre realizala a través da web desta iniciativa, www.youtubeiras.gal, e está aberta a todas as persoas maiores de 14 anos con canles de YouTube e/ou TikTok autoproducidas. No caso de concorrer menores de idade, a inscrición incluirá a autorización da persoa titora legal. As canles que participen deberán ter a maioría dos vídeos en galego e cumprir cos seguintes requisitos: contar como mínimo cun vídeo subido a partir do 15 de novembro de 2023 co cancelo #youtubeiras; non ter restricións de privacidade; os títulos, as descricións e os subtítulos permanentes, no caso de habelos, estarán en galego e os vídeos poden contar con subtítulos de activación opcional no YouTube noutras linguas.

Nesta convocatoria, os Premios Youtubeiras+ permiten por vez primeira que se presenten creacións en galego en TikTok. O certame amplía, deste xeito, o seu campo de acción, modifica as súas bases e muda as categorías nas que se dividen os galardóns, que pasan a ser sete: canle de YouTube, canle de Tiktok, creación de contidos, revelación, calidade lingüística, rede e o Premio do público. Os dous primeiros premios estarán dotados con 1250 €, mentres que o resto recibirá 1000 €. En total, a organización repartirá entre as persoas gañadoras 7500 €.

Para o Premio do Público, calquera persoa poderá presentar suxestións a través do formulario habilitado na web www.youtubeiras.gal. O prazo para facer estas propostas estará aberto tamén até o 15 de novembro. Ninguén poderá propoñer como candidatos os seus propios vídeos. Con todas as candidaturas recibidas crearase un formulario de votación que se difundirá polas redes sociais de Youtubeiras+ e estará habilitado do 25 de novembro ao 5 de decembro.

O xurado dos Premios Youtubeiras+ comporano Andrea Villa, xornalista e produtora; Carlos Callón, escritor, profesor e presidente de honra da Mesa pola Normalización Lingüística; Iago Gordillo, realizador audiovisual e gañador do Premio Youtubeira 2023; Mónica Valencia, técnica de Normalización Lingüística do Concello de Ourense, e Sara Varela, guionista, realizadora e produtora audiovisual.

Os Premios Youtubeiras+ pechan este venres o prazo de inscrición para a primeira edición na que se admite a participación de vídeos en TikTok

Multimedia

  • Os Premios Youtubeiras+ pechan este venres o prazo de inscrición para a primeira edición na que se admite a participación de vídeos en TikTok