- Tematica
O Concello de Ames, a través da Concellaría de Turismo, colabora coa Asociación de Concellos do Camiño Fisterra-Muxía, na organización do curso formativo “Axenda 2030 e Turismo: oportunidade de negocio para un turismo sustentable”, que foi inaugurada esta mañá no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns. Ao longo de toda xornada, contarase coa participación de expertas e expertos que compartirán os seus coñecementos e experiencias sobre a calidade e sustentabilidade no sector turístico, os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) e as súas implicacións sobre o turismo. Igualmente falarase das estratexias para a incorporación dos ODS nos plans de turismo, así como as oportunidades de financiamento para proxectos de turismo sustentable tanto a nivel autonómico, como nacional e europeo, que rematará cun taller práctico sobre como presentar axudas de turismo ás diferentes convocatorias. Este evento, no que están a participar 25 persoas, conta coa colaboración da Deputación da Coruña.
Esta mañá abriuse a xornada no Pazo da Peregrina de Bertamiráns. O encargado de presentar o curso durante a apertura foi o alcalde de Ames e concelleiro de Turismo, Blas García, que estivo acompañado da secretaria técnica da Asociación de Concellos do Camiño Fisterra-Muxía, Lanzada Calatayud.
Durante o acto de apertura, García sinalou que “este curso, ademais do beneficios que vai ter para as persoas participantes, sérvenos para amosar o patrimonio do concello de Ames, que é un municipio con moita historia e que conta cun rural cun amplo patrimonio natural”. A este respecto explicou que ”os concellos de interior temos moito que aportar ao sector turístico, promovendo o ecoturismo, o turismo rural e o turismo de desconexión, entre outros. E neste sentido, a colaboración entre concellos e administracións é un aspecto moi importante á hora de impulsar estas alternativas ao turismo tradicional”.
Sobre o curso
A Asociación de Concellos do Camiño Fisterra – Muxía organiza, en colaboración co Concello de Ames e coa Deputación da Coruña, o curso formativo “Axenda 2030 e Turismo: oportunidades de negocio para un turismo sustentable”, co que se pretende acadar os seguintes obxectivos:
- Mellorar a calidade do servizo, co fin de mellorar o sector turístico nos concellos do Camiño de Santiago, entre eles, o Camiño de Fisterra.
- Aliñar os ODS co sector turístico.
- Fomentar a sostibilidade.
- Aumentar as habilidades para a presentación de proxectos ás convocatorias de axudas.
- Emprendemento e implantación de boas prácticas sustentables en negocios xa existentes.
Programación
A xornada comezou coa recepción ás persoas participantes de 9.30 a 9.45 horas. Ás 9.45 comezou o primeiro bloque de contidos no que se abordou a calidade e a sustentabilidade no sector turístico. Neste primeiro bloque falouse sobre como se estrutura o turismo, dos 5 elementos da industria turística, dos destinos turísticos e dos seus factores de cambio, e do turismo rexenerativo como un paso máis cara a sustentabilidade. De 12:15 a 13:15 horas falouse de que é unha experiencia turística sostible e sobre a calidade turística.
O segundo bloque xirou arredor da Axenda 2030 e o turismo. Deste xeito, de 13:15 a 14:30 horas presentáronse os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS), as súas implicacións sobre o turismo e das estratexias para a súa incorporación.
Trala pausa para o xantar, de 15.30 a 19.30 horas, abordarase o terceiro bloque do curso que tratará sobre as oportunidades de financiamento de proxectos turísticos sustentables. Abordaranse os programas e instrumentos existentes tanto a nivel rexional como nacional e europeo en materia de turismo; e haberá un taller práctico sobre como presentar axudas para proxectos turísticos. Para máis información podes consultar o folleto informativo do curso.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Curso sobre la sostenibilidad turística en Ames"