- Tematica
O alcalde de Ames, Blas García, a concelleira de Deportes e Promoción da Saúde, Susana Señorís, e outros/as concelleiros e concelleiras do grupo de goberno e dos grupos municipais do Partido Popular e do BNG, realizáronlle este pasado venres pola tarde unha recepción institucional a Verónica Fernández, que se proclamou campioa de España de boxeo elite no pasado mes de xullo. Fernández, que actualmente adestra no Club Antelo Team do Milladoiro, proclamouse campioa desta categoría tras derrotar na final á cántabra Paola Benavides. A deportista amesá estivo acompañada de familiares e amigas.
A boxeadora amesá, Verónica Fernández, participou do 15 ao 21 de xullo no Campionato de España de boxeo elite que se celebrou en León. A deportista amesá tivo a oportunidade de participar nesta competición por primeira vez da man da Selección Galega. Esta boxeadora, natural do lugar amesán de Oca, pasou directa á final, na que se enfrontou a Paola Benavides, a quen derrotou en tres asaltos cunha puntuación de 4-1,4-1 e 5-1.
Fernández leva boxeando pouco máis de dous anos e, aínda que debutou en novembro do ano pasado, xa participou noutras competicións como o Campionato Galego celebrado en Sanxenxo, no Open Vila de Marín ou nos campionatos galegos de Noia. Tras os bos resultados obtidos no campionato de España, a boxeadora amosa o seu agradecemento ao club AnteloTeam e á Federación Galega de Boxeo.
O alcalde, Blas García, dixo que “é un orgullo para Ames ter deportistas como Verónica. É unha pioneira xa que practicou fútbol, cando moi poucas rapazas o facían, e agora práctica boxeo, que non é un deporte que practiquen moitas persoas, e en menor número as mulleres. Sei que es unha persoa loitadora na vida e que compaxinas o traballo coas prácticas dos estudos que fixeches. Creo que es un exemplo e referente a nivel deportivo, pero tamén a nivel persoal, porque Verónica traballa nunha empresa de ventas de aluminio, co que eu quero poñer en valor as actividades que facedes as mulleres sobre todo en oficios que son menos habituais. Persoas como Verónica son pioneiras e rompen barreiras para outras mulleres que veñen detrás”.
A concelleira de Deportes, Susana Señorís, explica que “dende o Concello de Ames apostamos polo deporte de base, pero tamén nós gusta recoñecer o traballo e mailos éxitos de deportistas amesás como neste caso o de Verónica. Ela levaba moitos anos practicando fútbol, pero unha recomendación fixo que apostase pola práctica dun deporte de contacto. O boxeo é o deporte que na actualidade a motiva e gracias a súa constancia conseguiu ser campioa de España. Para nós é un orgullo que os nosos veciños e veciñas consigan estes éxitos”.
Verónica Fernández deu as gracias pola recepción. “Nunca pensei que puidera con 34 anos gañar un campionato de España. Xoguei ao fútbol durante anos, pero recomendáronme practicar boxeo por problemas de insomnio. Un amigo que practicaba boxeo animoume a probar e así o fixen. É un deporte que me axuda a relaxarme por iso o recomendo para persoas de todas as idades e de todos os sexos”.
Os concelleiros e concelleiras dos grupos municipais do PSdeG-PSOE, Partido Popular e BNG déronlle os parabéns polo éxito logrado e tamén lle dixeron que persoas como Veronica son un exemplo e un referente para outras mulleres e para que outras rapazas se atrevan a practicar boxeo.
Por último, o alcalde e maila concelleira de Deportes e Promoción da Saúde entregáronlle a Verónica Fernández un libro con fotografías do concello de Ames e unha pequena réplica da Ponte Maceira.