- Tematica
O Concello de Ames, en colaboración con La Voz de Galicia, vai celebrar o vindeiro mércores, 4 de decembro, no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro, un foro sobre benestar emocional e saúde mental. Ás 11.00 horas abrirase o foro cunha mesa de apertura institucional, para dar paso a unha mesa política e outra de deportistas. O peche institucional e clausura será ás 13.15 horas. Este foro súmase a outras iniciativas postas en marcha polo Concello de Ames sobre saúde mental como son o plan municipal de benestar emocional e saúde mental do Concello de Ames, que é pioneiro a nivel galego, e mailas Xornadas de Saúde Mental que xa van pola terceira edición e se celebraron no pasado mes de maio.
Segundo diversos estudos, aproximadamente un 15% da poboación sofre ou sufrirá algún trastorno mental ao longo da súa vida. Por iso é necesaria unha estratexia global que proporcione un marco de acción común para previr, promover e atender ás necesidades de poboación sobre esta cuestión.
O Concello de Ames, a través da Concellaría da Promoción da Saúde, é consciente da importancia que ten coidar o benestar emocional e maila saúde mental da súa veciñanza, por iso vai celebrar o próximo mércores, 4 de decembro, un foro sobre saúde mental no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro.
Programación do foro
Dito foro está organizado polo Concello de Ames, en colaboración con La Voz de Galicia. O evento será emitido en directo por streaming, a través da canle de YouTube, Facebook e da páxina web de La Voz de Galicia.
A apertura do foro será ás 11.00 horas a cargo do alcalde de Ames, Blas García; da concelleira de Promoción da Saúde, Susana Señorís, e de Belén Montesa e Juan Carlos Permuy, psicóloga/o e coordinadores de programas de CoidadosAmente.
De seguido, ás 11.20 horas haberá unha mesa política na que participarán as alcaldesas de Silleda, Paula Fernández; de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín; e da Coruña, Inés Rey. Ás 12.00 horas está previsto que haxa unha pausa.
Posteriormente, ás 12.35 horas realizarase unha mesa redonda na que participarán diversos deportistas: Moncho Fernández, ex-adestrador do Obradoiro CAB; Borja Golán, que está considerado o mellor xogador da historia do squash español; e Esther Pedrosa, atleta importante do atletismo galego. O peche institucional e clausura do evento será ás 13.15 horas. No acto de peche participará o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco.
Este foro súmase a outras iniciativas postas en marcha polo Concello de Ames sobre saúde mental como son o plan municipal de benestar emocional e saúde mental do Concello de Ames, que é pioneiro a nivel galego, e mailas Xornadas de Saúde Mental que xa van pola terceira edición e se celebraron no pasado mes de maio.
Primeiro plan municipal de benestar emocional e saúde mental
O Concello de Ames, a través da Concellaría de Promoción da Saúde, puxo en marcha o primeiro plan municipal de benestar emocional e saúde mental. É un plan global que recolle liñas de acción concretas, prestando especial atención a nenos/as, adolescentes e persoas maiores, co obxectivo de previr e atender as súas necesidades para mellorar o benestar psicolóxico e a calidade de vida dos veciños e veciñas de Ames.
Trátase do primeiro plan de promoción de benestar emocional do Concello, que busca dar unha resposta estruturada ás necesidades reais que se detecten entre a poboación do municipio. Para participar nas actividades/programas ofertados ou para solicitar máis información pódese enviar un correo electrónico ao enderezo uneames@gmail.com ou chamar ao número de teléfono 641 993 858.
Xornadas de Saúde Mental
O venres 3 e mailo sábado 4 de maio celebráronse as III Xornadas de Saúde Mental, que nesta terceira edición trataron sobre a saúde mental infantoxuvenil no ámbito educativo. As xornadas estiveron dirixidas ás persoas interesadas no benestar psicolóxico e a profesionais de todos os sectores e contaron cunha mesa redonda, dúas conferencias e dous talleres prácticos.
Ditas xornadas espertaron o interese dun gran número de persoas. Este ano duplicouse a inscrición de forma presencial respecto da edición de 2022. Este ano inscribíronse arredor de 170 persoas, mentres que na edición do ano pasado participaron 80 persoas de forma presencia e outras 76 por streaming.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "El plan municipal de salud mental de Ames incluye un foro sobre bienestar emocional"