- Tematica
Ames presentou esta mañá no salón de Plenos da Casa do Concello a súa programación para as festas de Nadal deste ano. O programa, organizado por varios departamentos municipais, inclúe múltiples actividades dirixidas para todo tipo de públicos que se desenvolverán ao longo de todo o mes de decembro e comezos de xaneiro e que teñen como obxectivo dinamizar as rúas de Ames nestas datas tan sinaladas. No acto participaron o alcalde de Ames e concelleiro de Cultura, Blas García; a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz e a concelleira de Deportes e Promoción da Saúde, Susana Señorís. A programación pódese consultar ao completo premendo nesta ligazón.
A programación de Nadal do Concello de Ames dará comezo esta primeira semana de decembro e ofertará durante un mes, ata o Día de Reis, diferentes tipos de actividades no municipio e para todo tipo de públicos. A maioría de actividades están orientadas cara os máis cativos coma os contacontos, as visitas do Apalpador ou Papá Noel ou a tradicional Cabalgata de Reis. Con todo, o Concello non quixo esquecerse da xuventude ou das persoas maiores neste Nadal con ofertas de ocio adaptadas a eles, coma as prebadaladas e a Xincana Xove ou o Amessán coa excursión a “La Luna”.
O programa completo revelouse esta mesma mañá nun acto no que participaron o alcalde de Ames, Blas García; a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz; e a concelleira de Deportes e Promoción da Saúde, Susana Señorís.
Durante a presentación, o alcalde de Ames, Blas García destacou a celebración do Mercado de Nadal por primeira vez como unha aposta do concello para “seguir traballando co comercio local e artesanal do concello”.
Así mesmo, a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, desenvolveu o Programa Nadal en Ames, subliñando que comezará co tradicional acendido de Nadal este vindeiro sábado 7 de decembro ás 18.00 na praza do Concello que, desta vez, contará coas actuacións do alumnado da Escola Municipal de Música de Ames. Deste xeito, Ana Belén Paz subliñou que “a programación de Reis presentarase proximamente” e que hai outras actividades que se anunciarán nos vindeiros días como “o concurso de escaparate veciñal ou o concurso de ilumina o teu sorriso”.
Pola súa banda, a concelleira de Deportes e Promoción da Saúde, Susana Señorís, explicou a realización da primeira Gladiator Kids, “é unha actividade familiar para pasar unha tarde diferente con actividades que poñerán a proba a estes pequenos”. Ademais, a concelleira tamén puntualizou que está pendente de confirmar a data da segunda etapa da andaina do camiño a Fisterra pero que “dependerá das condicións climatolóxicas”.
Actividades previas ao acendido de Nadal
A pesar de que o tradicional acendido de Nadal, que adoita marcar o inicio das festas, non será ata este sábado 7 de decembro, Ames preparará o inicio das festas días previos coa primeira xornada de Contacontos de Nadal na Biblioteca Municipal de Bertamiráns este martes 3 de decembro, ás 17.30 horas, que tamén se realizarán tanto o mércores coma o xoves.
O programa continuará co desenvolvemento da Mostra de Teatro Afeccionado dende o mércores 4 ata o vindeiro domingo 8 de decembro, e que acollerá ao longo deses vindeiros días as representacións teatrais de grupos non profesionais dos municipios de Ames, Teo, Brión, Outes e Ribeira.
Por outra banda, a concellaría de Deportes de Ames organiza as andainas “SaúdeAndo”, unha actividade que ten como obxectivo promover a vida activa nestas datas de festas. Unha destas xornadas desenvolverase este xoves 5, ás 17.30 horas, e sairá dende o centro de saúde de Bertamiráns. Ao longo deste mes de decembro hai outras dúas andainas programadas; unha o xoves 12, ás 17.30 horas, que sairá dende o centro de saúde do Milladoiro, e outra o xoves 19 tamén ás 17.30 e que volverá a saír desde o centro sanitario de Bertamiráns.
Acendido das luces de Nadal e novidades do programa
Este ano o acendido de Nadal realizarase o sábado 7 de decembro, ás 18.00h, na praza do Concello. Como vén sendo habitual, os asistentes ao acto poderán degustar chocolate con churros e gozar da actuación do alumnado da Escola Municipal de Música de Ames (EMMA).
A programación do Nadal en Ames inclúe algunhas novas actividades con respecto a anos anteriores. Unha das principais novidades é a realización dun Mercado de Nadal, que estará situado na praza da Maía, en Bertamiráns, durante os días 20, 21 e 22 de decembro. O prazo para que todas as persoas interesadas en participar no mercado (artesáns e comerciantes) abrirase nos vindeiros días.
Así mesmo, outra das incorporacións no programa é a carreira de obstáculos “Gladiator Kids” o sábado 28 na Área deportiva do Milladoiro, unha actividade dirixida aos pequenos de entre 3 e 12 anos na que poñerán a proba a súa resistencia e forza con retos adaptados a eles. Con todo, os pais tamén poden inscribirse para participar e pasar así unha xornada familiar diferente.
Por outra banda, celebrarase a segunda edición da Gala da Diversidade, un evento que se realizou por primeira vez no 2022 con motivo do Día Internacional das Persoas con Diversidade Funcional, que se conmemora cada ano o 3 de decembro. Desta volta, a gala terá lugar o domingo 8 de decembro, ás 17.30 horas, no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns.
Continuando coas galas de premios, o xoves 12 celebrarase a sétima edición dos Premios Lingua e Empresa, unha iniciativa que pon en valor o uso da lingua galega dentro do ámbito empresarial local e que premiará ás entidades amesás que empreguen o galego na súa comunicación diaria.
Actividades para todos os públicos
Unha parte importante da programación do Nadal está dirixida cara os máis cativos que, precisamente, son os que viven estas datas con máis ilusión. Ademais dos contacontos de Nadal, a cativada amesá poderá gozar das visitas de personaxes tradicionais do Nadal como o Apalpador, o venres 13 ás 18.00h no auditorio de Bertamiráns; a visita de Papá Noel, primeiro en Bertamiráns o sábado 21, de 11.00 a 13.30 horas e de 17.00 a 19.00 horas, na Casa dos Maiores, e despois no Milladoiro o luns 23, de 11.00 a 13.30 horas e de 17.00 a 19.30 horas, no Centro social; e, por último, visitarán Ames os Reis Magos nos primeiros días do 2025.
Na mesma liña, a rapazada tamén poderá divertirse coa visita de diferentes personaxes do mundo “Disney”; primeiro no Milladoiro o venres 27 e despois en Bertamiráns o sábado 28.
Así mesmo, a programación inclúe concertos e obradoiros para todos os públicos ao longo do mes de decembro, unha nova edición dos encontros literarios ou a XVII edición da tradicional Carreira do Pavo.
Por outra banda, a xuventude de Ames poderá gozar na mañá do 31 de decembro as xa tradicionais das prebadaladas, un evento que contará coas actuacións dos gañadores do Canta con Ames e, ademais, realizarase a Xincana Xove na que se repartirán diferentes premios.
Non só hai actividades para os máis cativos, de feito, o 15 de decembro, terá lugar o Amessán que, desta volta, levará aos nosos maiores de excursión á discoteca “La Luna”. Esta iniciativa está enmarcada no programa municipal de envellecemento activo, co que se persegue o benestar dos maiores do Concello de Ames.
Actividades da Aula da Natureza
A Aula da Natureza volverá a ofertar a súa propia programación de Nadal. Por un lado, desenvolverán un obradoiro de bonecos de madeira o vindeiro sábado 7 de decembro, en horario de 11.00 a 18.00 horas, dirixido a todos os públicos. Ademais, realizarán outro obradoiro para aprender a realizar candeas aromáticas o sábado 14 de decembro, en horario de 11.00 horas a 18.00 horas.
A programación pódese consultar ao completo premendo nesta ligazón. Para solucionar calquera dúbida ou inscribirse nas actividades, tamén se pode contactar coa concellería de Promoción Económica, no enderezo electrónico promocioneconomica@concellodeames.gal, coa de Deportes, no correo deportes@concellodeames.gal e a Aula da Natureza ao enderezo auladanatureza@concellodeames.gal.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "«Prebadaladas», mercado de artesanía y teatro, apuestas lúdicas del Nadal de Ames"
El Correo Gallego: "Ames estreará un Mercado de Nadal como parte da programación das festas"