Pestanas principais

A Casa da Cultura do Milladoiro acolle a Gala Lingua e Empresa na que se desvelarán as gañadoras da sétima edición dos premios

Martes, 10 de decembro de 2024

O Concello de Ames, a través do Servizo de Normalización Lingüística e do departamento de Promoción Económica, organizou un ano máis os Premios Lingua e Empresa. Desta volta, presentáronse 34 empresas, unha máis que na edición do pasado 2023. A alta participación indica a consolidación desta convocatoria como un incentivo para promover o uso do galego no tecido empresarial de Ames. As empresas gañadoras desta edición coñeceranse na Gala Lingua e Empresa que se celebrará na Casa da Cultura do Milladoiro este xoves, 12 de decembro, ás 20.30 horas. Os premios están dotados de 1500 euros e unha campaña publicitaria en Ames Radio, a emisora municipal.

Os integrantes do grupo Os da Ría, recoñecidos por promover e defender o uso da lingua galega desde a música e o humor, serán os encargados de conducir e amenizar a Gala Lingua e Empresa, que se vai a celebrar este xoves, 12 de decembro, a partir das 20.30 horas, no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro.

Será un evento aberto a toda a veciñanza que queira participar. No acto estarán presentes a maior parte das empresas participantes tanto nesta edición como nas anteriores e nel poderemos coñecer cales son as empresas que o xurado recoñeceu na presente convocatoria.

O alcalde e responsable do Servizo de Normalización Lingüística, Blas García, indica que “esta gala será un acto aberto ao público no que se pretende poñer en valor a lingua galega no marco empresarial local e servir como recoñecemento e como espazo de encontro e de intercambio de experiencias entre empresas amesás que teñen presente o galego na súa comunicación”.

O empresariado amesán aposta cada vez máis polo uso do galego na súa actividade
Este ano presentáronse 34 empresas, unha máis que na edición do pasado 2023. A alta participación indica a consolidación desta convocatoria como un incentivo para promover o uso do galego no tecido empresarial de Ames.

A convocatoria ten dúas categorías: na primeira delas presentáronse negocios que fan un uso consolidado e estable do galego (dende fai máis de dous anos) e, na segunda, participan empresas que naceron nestes dous últimos anos ou que incorporaron a lingua galega na súa comunicación nese mesmo período.

Este ano, na categoría A (uso consolidado da lingua) participan 26 empresas, mentres que na categoría B (nova incorporación da lingua) presentáronse 8 empresas. A contía que se repartirá nestes premios será de 3.000 euros en total, 1.500 para cada unha das categorías. Xunto coa dotación económica, o premio inclúe unha campaña publicitaria en Ames Radio, a emisora municipal.

A pesar de que o número total de entidades participantes é semellante ao da edición anterior, aumenta a participación de empresas que xa teñen un uso consolidado da lingua, desta volta 26, con respecto ao ano previo, que foron 20. Este feito reafirma así a aposta da utilización do galego entre os negocios de Ames.

Composición do xurado
Nesta ocasión, o xurado estivo formado por Rosabel Candal Bouzas, de Nós Televisión, como representante das empresas gañadoras na pasada edición de 2023; Miguel López Crespo, da Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL), como representante de consumidores e consumidoras; Ramón José Cordido Ríos, da asociación de empresarios Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA), como representante do asociacionismo empresarial; e Raquel Barbeito Fariña, graduada en Lingua e Literatura Galega e especialista no proceso de Normalización Lingüística.

Os membros do xurado foron os encargados de valorar a utilización da lingua galega na comunicación diaria da empresa, tanto a nivel oral como por escrito e tamén de forma interna e externa. Ademais, tívose en conta o impacto que ten a propia actividade dos negocios en sectores especialmente relevantes para o proceso de normalización lingüística.

Os integrantes do grupo Os da Ría serán os encargados de presentar e amenizar a gala