- Tematica
O Concello de Ames, a través da Concellaría de Cultura, desenvolveu ao longo da semana pasada a Mostra de Teatro Afeccionado, unha actividade que se retomou tras a súa última edición no 2019. O ciclo de teatro acolleu finalmente catro representacións teatrais a cargo dos grupos de teatro de Teo, Brión, Outes e Ribeira, tras a cancelación da representación do grupo de teatro de Ames. En total, máis de 400 persoas asistiron ás obras interpretadas nestas xornadas teatrais. Desde a organización amósanse moi satisfeitos coa gran acollida que tivo a volta desta actividade á programación cultural de Ames.
O Concello de Ames, desde a Concellaría de Cultura xunto coa Escola Municipal de Teatro de Ames, retomou a Mostra de Teatro Afeccionado, unha actividade que levaba sen realizarse desde o 2019 e que ofreceu as exhibicións teatrais de diferentes grupos de teatro. Desta volta, as obras representáronse ao longo da semana pasada (4, 5, 6 e 7 de decembro) no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro, cun aforo completo en practicamente a todas as representacións, sumando en total 411 persoas asistentes ao ciclo teatral. Desde a organización maniféstanse satisfeitos coa boa acollida que tivo a volta desta actividade dentro da programación cultural do concello.
O alcalde de Ames e concelleiro de Cultura, Blas García, destacara na presentación da Mostra de Teatro o compromiso do Concello en apoiar a cultura feita en galego con actividades destas características, “a difusión e exhibición do teatro afeccionado é un xeito de apostar pola nosa cultura e a lingua galega”.
O público asistente nestas xornadas puido gozar da obra Anacos, de Anacos Teatro (Aula de teatro de Teo); Ibañez Cabaré, de Teatro das Maniotas (IES de Brión); Comedia Bífida, do Grupo de Teatro da Asociación Terras de Outes, e o Rei Telesforo busca noiva (e quere noivo), do Grupo Municipal de Teatro de Ribeira. Todas as representacións, feitas en galego, puxeron en valor a cultura galega e o traballo realizado dende os grupos teatrais non profesionais.
Cancelación da obra A Visita, do Grupo Municipal de Teatro de Ames
Dentro deste ciclo de teatro estaba prevista a representación da A Visita, do Grupo Municipal de Teatro de Ames, obra que pecharía a mostra teatral o pasado 8 de decembro no Local Social de Bugallido, descentralizando así as exhibicións e fomentando a cultura no rural amesán. A cancelación, debido a motivos de saúde dunha das actrices do grupo, supuxo adiantar a finalización da actividade.
Coa Mostra de Teatro Afeccionado, Ames pechou así a súa programación de artes escénicas do 2024, consolidando a importancia e transcendencia deste ámbito dentro das actividades culturais organizadas polo concello, ademais de axudar a promover e difundir a cultura feita en galego.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "Éxito de público en la Mostra de Teatro Afeccionado de Ames"