- Tematica
O auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro acolleu este xoves pola tarde a Gala de entrega da sétima edición dos Premios Lingua e Empresa organizada polas Concellarías de Normalización Lingüística e de Promoción Económica. As empresas galardoadas foron Lago Louro Avogados, na categoría A de uso consolidado da lingua galega, e Tecidos Tolemia, na categoría B de nova incorporación á lingua, ambas situadas na localidade de Bertamiráns. Os dous representantes das empresas gañadoras recibiron unha figura conmemorativa e un diploma, que se engaden á dotación de 1500 euros e á campaña de difusión en Ames Radio.
Os integrantes do grupo Os da Ría, recoñecidos por promover e defender o uso da lingua galega desde a música e o humor, foron os encargados de conducir e amenizar a Gala Lingua e Empresa, que se celebrou este pasado xoves, 12 de decembro, pola tarde, no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro. Foi un evento moi participativo e ameno no que puido participar toda a veciñanza que quixo. A temática principal da Gala estivo ligada aos Selos REGA e o lema foi “A lingua rega ás empresas de Ames”, polo que houbo claras referencias á “rega” tanto na ambientación como durante o transcurso do evento.
No acto estiveron presentes arredor de 25 empresas participantes e, ademais, asistiu o alcalde e responsable do Servizo de Normalización Lingüística, Blas García, a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, así como varios concelleiros/as do goberno municipal e dos grupos municipais do Partido Popular e BNG.
O alcalde e responsable do Servizo de Normalización Lingüística, Blas García, destacou durante o transcurso da Gala que “hoxe é un día de celebración porque nos xuntamos nesta gala para honrar o máis importante que temos na nosa cultura que é a lingua galega. Hai que agradecer a todos os empresarios e empresarias de Ames que tedes o valor de usar a lingua galega nun momento que parece máis complicado que anos atrás. Usar o galego non é ningún obstáculo nin ningún retroceso, ao contrario, usar o galego aporta un valor engadido ás vosas empresas e negocios”.
Ademais, Blas García tivo palabras de lembranza para Maximino Viaño, que faleceu este pasado mércores, 11 de decembro, porque segundo dixo o rexedor municipal “foi unha persoa que estivo no mundo do cooperativismo e axudou a fundar dúas empresas que son referencia no noso país como son Ternera Galega e Feiraco. Ademais foi unha persoa que defendeu a nosa cultura e a nosa lingua. Maximino Viaño publicou tres libros en galego falando da nosa terra, falando de Ames e do Val da Maía”.
Por outra banda, a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, agradeceu o compromiso coa lingua galega de todas as empresas que se presentaron a esta edición do Premio Lingua e Empresa. “Anímovos a que a promovades a lingua galega cada día nas vosas empresas. Temos que poñer en valor a nosa lingua, na atención ao cliente, na relación comercial e no trato coa xente. Temos que poñer en valor tamén dende o Concello o uso do galego nas nosas empresas, cada vez sodes máis as empresas que vos presentades, e iso quere dicir que imos por bo camiño en Ames. Agradecer o traballo do xurado porque non é doado escoller tan só dúas empresas entre tantas. Tamén agradecer ás 34 empresas que elixistes Ames para emprender e facer medrar o noso tecido económico e a nosa lingua galega".
34 empresas participantes
Este ano presentáronse 34 empresas, unha máis que na edición do pasado 2023. A alta participación indica a consolidación desta convocatoria como un incentivo para promover o uso do galego no tecido empresarial de Ames. Este ano, na categoría A (uso consolidado da lingua) participaron 26 empresas, mentres que na categoría B (nova incorporación da lingua) presentáronse 8 empresas. A pesar de que o número total de entidades participantes é semellante ao da edición anterior, aumentou a participación de empresas que xa teñen un uso consolidado da lingua, desta volta 26, con respecto ao ano previo, que foron 20. Este feito reafirma así a aposta da utilización do galego entre os negocios de Ames.
Uso consolidado da lingua galega
Na categoría A, de uso consolidado da lingua, na que participaron empresas que realizan un uso estable e continuado da lingua galega dende hai máis de dous anos, a empresa escollida polo xurado foi Lago Louro Avogados, situada na avenida José Luis Azcarraga, en Bertamiráns, polo seu labor decidido, coherente e comprometido a prol da normalización lingüística no eido da xustiza, un ámbito no que o índice de Normalización Lingüística se sitúa por debaixo do 25%.
O xurado destaca tamén que Lago Louro, como membro da Irmandade Xurídica Galega, leva moitos anos pulando por desenvolver a súa actividade profesional “en galego, con todo o dereito”. Asemade, destaca o impacto positivo da súa actividade nun ámbito ateigado de rutinas desgaleguizadoras motivadas, moitas veces, pola escaseza de recursos e de ferramentas que faciliten o traballo do día a día. Ademais, a súa aposta pola lingua propia garante os dereitos lingüísticos das persoas que acoden á xustiza e que, en moitos casos, se atopan con dificultades para usar a lingua dun xeito normalizado.
Nova incorporación da lingua
Na categoría B, nova incorporación ou creación, participaron empresas que se crearon nos últimos dous anos ou que se incorporaron ao galego dentro dese mesmo período. A empresa premiada foi Tecidos Tolemia, situada na avenida da Maía, en Bertamiráns, pola súa actividade regular e implicada a prol da normalización lingüística nas relacións comerciais. Esta pequena empresa utiliza a lingua como elemento de marca e de imaxe desde o seu nacemento, tanto na sinalética como na comunicación interna e externa.
O xurado tamén salienta o impacto, a influencia e a visibilidade que a súa escolla comunicativa, moderna, coidada e desenfadada, pode ter na sociedade, dado que usan a lingua dun xeito totalmente normalizado e sen prexuízos tanto nas relacións comerciais do día a día como nas diferentes redes socias ou nas actividades formativas que realizan.
Os dous representantes das empresas gañadoras recibiron unha figura conmemorativa elaborada e deseñada pola firma amesá de artesanía galega Silvereira e un diploma acreditativo, que se engaden á dotación de 1500 euros e á campaña de difusión en Ames Radio cos que se premiaba cada categoría.
Composición do xurado
Nesta ocasión, o xurado estivo formado por Rosabel Candal Bouzas, de Nós Televisión, como representante das empresas gañadoras na pasada edición de 2023; Miguel López Crespo, da Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL), como representante de consumidores e consumidoras; Ramón José Cordido Ríos, da asociación de empresarios Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA), como representante do asociacionismo empresarial; e Raquel Barbeito Fariña, graduada en Lingua e Literatura Galega e especialista no proceso de Normalización Lingüística.
Os membros do xurado foron os encargados de valorar a utilización da lingua galega na comunicación diaria da empresa, tanto a nivel oral como por escrito e tamén de forma interna e externa. Ademais, tívose en conta o impacto que ten a propia actividade dos negocios en sectores especialmente relevantes para o proceso de normalización lingüística.
Os membros do xurado quixeron expresar conxuntamente o seu recoñecemento a todas as empresas participantes nesta edición e nas anteriores. Sexa a que for a súa dimensión e traxectoria, realizan un valioso labor en favor do uso da nosa lingua no ámbito socioeconómico, asociándoa á calidade dos seus produtos e servizos e creando espazos de relación en galego para garantir os dereitos das persoas consumidoras e usuarias.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "Lago Louro Avogados e Tecidos Tolemia, premiados en Ames"
El Correo Gallego: "Premian o uso da lingua dun despacho de avogados e dunha empresa de tecidos de Ames"