Pestanas principais

Aberto ata o 22 de decembro o prazo para inscribirse á Cabalgata de Reis

martes, 17 Decembro, 2024 a domingo, 22 Decembro, 2024
O Concello de Ames, desde o departamento de Promoción Económica e Educación, abre a convocatoria para participar na Cabalgata de Reis deste ano, para que as nenas e nenos do concello poidan acompañar aos Reis Magos nas carrozas o día da cabalgata. O período de inscrición estará aberto desde o luns 16 de decembro ata o vindeiro domingo día 22 de decembro. A capacidade de cada carroza é de 14 rapaces, sendo as prazas ofertadas un total de 84. Poderán participar menores en idades comprendidas entre 6 e 12 anos, empadroados en Ames e que non participaran en cabalgatas anteriores. No caso de que non haxa rapaces suficientes para algunha das cabalgatas, poderase propoñer a cobertura con nenos e nenas que non teñan as preferencias solicitadas.

O Concello de Ames, como vén sendo habitual, organiza nestas datas de Nadal a tradicional Cabalgata de Reis tanto no núcleo de Bertamiráns coma no do Milladoiro, para que todos os nenos e nenas do municipio poida acompañar ás súas maxestades na chegada a Ames. Deste xeito, os Reis Magos precisan de nenas e nenos que lles axuden a repartir as lambetadas desde o alto das carrozas ao longo do seu percorrido polas dúas vilas amesás.

Para participar, este ano, será preciso cubrir un formulario, que se pode descargar na seguinte ligazón. O prazo de inscrición para poder solicitar a participación dos nenos e nenas nos desfiles está aberto desde o luns 16 de decembro ata o domingo 22 de decembro. Poden apuntarse todos os nenos e nenas que, na data do 1 de xaneiro, teñan unha idade comprendida de 6 a 12 anos, figuren empadroados no concello de Ames e que non tiveran participado en edicións anteriores da cabalgata de Reis. En total, poderán participar 84 rapaces e rapazas.

Cada carroza ten unha capacidade para 14 menores e será a propia organización a que reparta aos nenos/as en cadansúa carroza. No formulario de solicitude haberá que indicar a cabalgata de preferencia, Milladoiro ou Bertamiráns. Así mesmo, intentaranse cumprir as preferencias das persoas solicitantes. Cómpre destacar que, no caso que se o número de solicitudes que cumpran os requisitos expostos sexa menor ao número de prazas ofertadas, poderase propoñer a cobertura das mesmas con  que non cumpran as preferencias solicitadas.

Prazo de inscrición
O período de inscrición comeza o luns 16 de decembro, ás 14.00 horas e estará aberto ata o vindeiro domingo día 22 de decembro ás 14.00 horas. De forma excepcional, poderá prolongarse o prazo ata esgotan as prazas dispoñibles. Para facer a solicitude, é preciso presentar cuberto na Sede electrónica o formulación de inscrición, que se pode descargar na seguinte ligazón, ou de xeito presencial nos rexistros municipais da Casa do Concello de Bertamiráns ou nas Oficinas Municipais do Milladoiro. Pódese consultar as bases de inscrición na seguinte ligazón.

No formulario, os solicitantes deberán facilitar os seguintes datos: nome, apelidos e data de nacemento do menor participante; nome, apelidos e DNI do pai, nai ou representante legal do menor; teléfonos de contacto; un enderezo de correo electrónico; lugar de empadroamento; autorización de uso da imaxe do menor e de comprobación dos datos de empadroamento; indicación de se o menor ten algún tipo de necesidade especial ou discapacidade e indicar a cabalgata de preferencia (Milladoiro ou Bertamiráns). No caso de non cumprir cos requisitos indicados nas bases da convocatoria, a solicitude será desestimada.

Selección dos participantes
No caso de recibir un número de solicitudes superior ao número de prazas solicitadas, está programado un sorteo público para determinar os nenos e nenas que participarán finalmente nas cabalgatas. Finalizado o prazo de inscrición, elaborarase unha lista de participantes, asignándolle a cada solicitude recibida un número de participación no sorteo. A listaxe será publicada na páxina web do concello antes do sorteo.

O sorteo realizarase o día 23 de decembro ás 10.00 horas no Salón de Plenos da Casa do Concello de Ames, en Bertamiráns, ante un funcionario municipal. Tras a realización d sorteo, elaborarase unha listaxe definitiva cos participantes e unha listaxe de garda para cubrir posibles baixas. Ámabalas dúas serán publicadas na web municipal.

Unha vez realizada a adxudicación definitiva dos 84 cativos que participarán nas carrozas, comunicaráselles ás familias por correo electrónico ou teléfono a información necesaria de cara o 5 de xaneiro (lugar e horario de presentación e de recollida dos menores). No caso de que algunha das persoas escollidas non puidera participar na cabalgata, debe comunicalo ao teléfono 981 883 002 ou enviando un correo electrónico ao enderezo promocioneconomica@concellodeames.gal, antes do 2 de xaneiro.

Información para os participantes
O día 26 de decembro de 2024 realizarase unha presentación da Cabalgata de Reis na Casa da Cultura do Milladoiro, á que é preciso que asistan os nenos e nenas participantes.

Os participantes comprométense a presentarse o día 5 de xaneiro no lugar e hora marcados como punto de encontro que se lles comunicará cando se lles confirme a súa selección para participar na cabalgata. A rapazada terá que asistir vestida preferiblemente de cor negra ou escura. O resto das prendas que conforman o vestiario serán facilitados polo Concello de Ames na modalidade de préstamo gratuíto no momento do desfile.