Pestanas principais

>Obradoiro de debuxo colaborativo

Venres, 21 marzo, 2025
Ás 18.00 horas

O Concello de Ames presenta a programación infantil con Apego para o primeiro semestre do 2025 na que colaboran os departamentos de Bibliotecas, Cultura e Normalización Lingüística. O programa inclúe arredor de 40 actividades dirixidas a familias con crianzas que se desenvolverán entre os meses de xaneiro e xuño. Na ampla variedade de propostas, coas que tamén se festexará o ano das cantareiras, podemos atopar actividades que van desde arrolos, música de diferentes estilos, obradoiros, teatro, contos, picadiscos, novo circo, unha foliada, fotografía, xogos, unha viaxe, maxia e unha festaza con moito Apego, todas elas co obxectivo de achegarlles ás familias recursos lúdicos e culturais que estimulen o coñecemento e o apego pola lingua.

O día 21, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, haberá un obradoiro de debuxo colaborativo, impartido por As Seibas Espazo Educativo. Con esta actividade, dirixida a crianzas a partir dos 3 anos, os pequenos poderán explorar e traballar a súa creatividade a través do mundo do debuxo e, para levalo a cabo, o uso da lingua será igual de importante que empregar correctamente as ferramentas de debuxo coma os pinceis ou cores.

A inscrición desta actividade está aberta dende o día 13 ata o 20 de marzo. Para participar, só hai que mandar un correo ao enderezo electónico normalizacion@concellodeames.gal. Para máis información, podes poñerte en contacto co servizo de Normalización Lingüística chamando ao número de teléfono 662 377 215.