Pestanas principais

A escola de karate Dokkodo organizou esta fin de semana un curso de karate tradicional

Xoves, 30 de xaneiro de 2025

A Escola de Karate Dokkodo organizou este pasado 25 de xaneiro, en colaboración coa Federación Galega de Karate, un curso de kata tradicional impartido polo mestre Jesús Latorre. O evento reuniu a deportistas de todas as idades e niveis para gozar e aprender dun dos grandes profesionais desta disciplina.

Esta pasada fin de semana tivo lugar un curso de karate tradicional organizado pola escola de karate amesán Dokkodo e impartido por un dos nomes máis recoñecidos desta disciplina e que conta cun amplo palmarés ás súas costas, Jesús Latorre. O evento reuniu a karatekas de diferentes clubs galegos, de todas as idades e niveis, e que, ao longo dunha intensa dobre xornada de mañá e tarde, puideron afondar nos aspectos técnicos e históricos do deporte.

Ademais de ser unha xornada de aprendizaxe, os participantes puideron gozar dun gran ambiente e traballar con algúns dos principais valores nos que se fundamenta o karate, como o respecto, a superación ou a convivencia. Os karatekas máis pequenos afrontaron o curso cunha gran dose de ilusión, mentres que pola parte do alumnado máis veterano, amosaron en todo momento un firme compromiso e interese na xornada.

Desde a organización destacaron o gran éxito do evento, tanto coa boa acollida a nivel de participación como dunha oportunidade para aprender e mellorar nesta disciplina de kata. Pola súa parte, Kike Blanco, da Escola de Karate Dokkodo, destacou que "Foi unha experiencia inesquecible, tanto para os nosos alumnos como para nós como organizadores. Contar con Jesús Latorre en Galicia é un auténtico luxo, e agardamos poder repetir no futuro esta experiencia”.

O curso serviu como punto de encontro e unión para reforzar a relación entre clubes e deportistas da contorna, ademais de ser unha xornada única de aprendizaxe e mellora tanto no deportivo como a nivel persoal.

Participantes na sesión de mañá do curso de kata

Multimedia

  • Participantes na sesión de tarde do curso de kata
  • A escola de karate Dokkodo organizou esta fin de semana un curso de karate tradicional
  • A escola de karate Dokkodo organizou esta fin de semana un curso de karate tradicional
  • Jesús Latorre foi o mestre que impartiu o curso de kata tradicional
  • Jesús Latorre foi o mestre que impartiu o curso de kata tradicional