- Tipo
- Tematica
O Concello de Ames presenta a programación infantil con Apego para o primeiro semestre do 2025 na que colaboran os departamentos de Bibliotecas, Cultura e Normalización Lingüística. O programa inclúe arredor de 40 actividades dirixidas a familias con crianzas que se desenvolverán entre os meses de xaneiro e xuño. Na ampla variedade de propostas, coas que tamén se festexará o ano das cantareiras, podemos atopar actividades que van desde arrolos, música de diferentes estilos, obradoiros, teatro, contos, picadiscos, novo circo, unha foliada, fotografía, xogos, unha viaxe, maxia e unha festaza con moito Apego, todas elas co obxectivo de achegarlles ás familias recursos lúdicos e culturais que estimulen o coñecemento e o apego pola lingua.
O día 9 de maio, na Casa da Cultura do Milladoiro, Guadi Galego e Guillerme Fernández impartirán o obradoiro de cantos de berce "Arrolos de salitre", unha actividade coa que as familias con crianzas de 0 a 3 anos poderán aprender diferentes melodías e cancións para arrolar aos pequenos con música na nosa lingua.
A inscrición desta actividade está aberta do 30 de abril ao 8 de maio. Para participar, só hai que mandar un correo ao enderezo electónico normalizacion@concellodeames.gal. Para máis información, podes poñerte en contacto co servizo de Normalización Lingüística chamando ao número de teléfono 662 377 215.
![](https://www.concellodeames.gal/sites/default/files/eventos/imagenes/2025/01/portada_programcion_apego_ames_primavera_2025_8.jpg)