- Tematica
A Xunta de Goberno Local aprobou este pasado xoves, 30 de xaneiro, a concesión dos premios ás persoas gañadoras do XIX concurso de escaparates de Nadal e do III concurso de decoración de Nadal veciñal. En total repartiranse 6.000 euros entre os gañadores/as. No concurso de escaparates entregaranse catro premios dotados cun total de 4.000 euros (1.500 euros para o primeiro, 1.100 para o segundo, 800 para o terceiro e 600 para o cuarto), mentres que no concurso de decoración veciñal repartiranse outros catro premios de 500 euros cada un.
O Concello de Ames, a través da Concellaría de Promoción Económica, organizou unha nova edición dos concursos de decoración de Nadal. Este pasado xoves, 30 de xaneiro, en Xunta de Goberno Local aprobouse a concesión dos premios ás persoas gañadoras do XIX concurso de escaparates de Nadal e do III concurso de decoración de Nadal veciñal. En total repartiranse 6.000 euros entre os gañadores/as.
A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, destaca que “a finalidade destas iniciativas é dinamizar o comercio local e tamén darlle maior colorido e animación ás rúas dos núcleos urbanos e ao rural durante as festa de Nadal. Son dous concursos que funcionan moi ben e de cara ao vindeiro ano trataremos de introducir algunha modificación no concurso de decoración veciñal, para fomentar a participación dos veciños e veciñas das nosas aldeas”.
Certame de escaparates de Nadal
No certame de escaparates de Nadal, o primeiro premio, dotado con 1.500 euros, foi para Floristas Carmiña SL. Na segunda posición, galardoada con 1.100 euros, quedou Papelería Chavián, mentres que o terceiro premio, dotado con 800 euros, levouno Tecidos Tolemia. Para rematar, o cuarto posto foi para 3X en Cemento que obtivo un premio de 600 euros. O xurado utilizou diversos criterios para escoller aos gañadores: orixinalidade e composición, utilización dos produtos propios dos comercios e emprego de elementos reciclados.
Concurso de decoración veciñal
No caso do certame de decoración veciñal, as catro persoas gañadoras serán galardoadas cun talón de 500 euros para cada unha. O primeiro premio foi para Patricia Gasamáns Pereira, de Biduído de Arriba; seguida por Tania Díaz Fernández, do Pedregal; Ana María Ces Gómez, de Augapesada; e María Villanueva Turnes, de Framil. Nesta ocasión, o xurado valorou a creatividade, a orixinalidade e a utilización da iluminación como foco de atracción, así como o uso de materiais de refugallo.