- Tematica
O alcalde, Blas García, e o concelleiro de Obras e Servizos Básicos veñen de manter unha xuntanza co director de Augas de Galicia, Roi Fernández Añón, para seguir avanzando nos compromisos adquiridos por parte da Xunta de Galicia na reunión mantida o pasado mes de setembro entre o rexedor e o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda. O tema a tratar foi a ampliación da EDAR de Sisalde.
O director de Augas de Galicia, Roi Fernández confirmou que Augas de Galicia xa está a traballar nestes intres no prego de licitación do proxecto da nova depuradora de Sisalde, que está apiado por un estudo integral, un plan de saneamento local que analice en detalle as necesidades municipais e permita un deseño máis eficiente na depuradora a proxectar. Pola súa parte, o alcalde avanzou que dende o Concello de Ames iniciaría o proceso de negociación para que o Goberno de España declare de interese xeral do Estado esta actuación, anunciando que elevará ao pleno municipal unha moción que inste á administración estatal a elo.
Dende o Concello tamén se trasladou a necesidade de abordar a posta en marcha dunha rede de saneamento nos dous únicos núcleos amesáns que aínda carecen del, Piñeiro e Tapia. Dende Augas trasladouse a existencia dunha liña de axudas existente na Xunta de Galicia para a autodepuración que sairá proximamente e mobilizará 1,3 millóns de euros para pequenos núcleos e familias, opción que Ames estudará.
Por outra banda Ames abriu a porta a colaborar nun futuro con Augas coa posta en marcha de Ames Digital Water, proxecto dotado cun PERTE de 1.131.309€ polo Ministerio de Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico para a mellora da eficiencia do ciclo urbano da auga. A dixitalización das infraestruturas hidráulicas do municipio proporcionará unha gran cantidade de información que dende o Concello de Ames se poñerá a disposición da administración que o requira.
Xuntanza co presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda
Durante esta reunión de traballo rexedor e presidente acordaron que a Xunta financiará cun millón de euros o estudo de saneamento e a redacción do proxecto de ampliación da EDAR Sisalde, que leva anos sobrepasada e require dunha importante actuación para poder dar servizo a toda a poboación que está atendendo na actualidade. Esta obra, que se inclúe no Plan Hidrolóxico de Galicia Costa, ten un nivel de investimento de máis de 20 millóns de euros, contando os dez millóns de euros necesarios para a ampliación da EDAR, aos que habería que sumar outros dez millóns para mellorar a rede de colectores, máis outro millón para a realización do proxecto construtivo.
O Concello pola súa parte comprometeuse a negociar co Goberno central para que esta actuación sexa de interese xeral e entre no financiamento do Estado. A primeira xestión para cumprir co compromiso adquirido será a de elevar ao pleno unha moción para instar ao Goberno de España a declarar o proxecto da ampliación da EDAR de Sisalde como de interese estatal para que, deste xeito, asuman parte do custo de ampliar a infraestrutura.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Ames pedirá ao Estado que declare de interese xeral a EDAR de Sisalde"
Lindeiros: "Depurar Ames"