Pestanas principais

O Concello de Ames presenta a programación do Entroido 2025

Luns, 10 de febreiro de 2025

A Casa do Concello, en Bertamiráns, acolleu esta mañá a presentación das actividades do “Entroido Ames 2025”, que se desenvolverán entre a última semana de febreiro e comezos do mes de marzo. O programa, organizado entre o Concello de Ames e a asociación Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA), contará con diferentes propostas para todas as idades, dende o entroido do programa Amessan, actuacións de baile e danza, o concurso e desfile de Entroido no Milladoiro e a festa e concurso infantil para os máis pequenos.Pódense consultar as bases para participar no concurso de disfraces do domingo día 2 na seguinte ligazón. Tamén se poden consultar as bases do concurso de disfraces infantil do día 3 na seguinte ligazón

Ames presentou esta mañá na Casa do Concello a súa programación para o Entroido do 2025, un programa realizado en colaboración coa asociación Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA) e que se desenvolverá entre a última semana de febreiro e comezos do mes de marzo. Ao acto acudiron o alcalde e concelleiro de Cultura, Blas García; a concelleira de Benestar Social, Uxía García; a técnica do departamento de Cultura, María Vázquez e os representantes da Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA), Beatriz López e Jorge López.

O Entroido de Ames desenvolverase entre o mércores 26 de febreiro ata o venres 7 de marzo, con actividades que buscan, un ano máis, a colaboración da veciñanza e asociacións do concello. Ademais, mantéñense as localizacións dos actos establecidas o ano pasado, polo que o desfile de disfraces será no Milladoiro e o desfile e concurso infantil será en Bertamiráns. Deste xeito, búscase establecer e manter nunha mesma localidade cada unha das actividades do Entroido.

O alcalde e concelleiro de Cultura, Blas García, destacou as actuacións musicais do programa “fainos especial satisfacción contar coa Charanga Mekánica, xa que son veciños de Negreira e algún de Ames e é unha charanga moi recoñecida no noso país e que axuda a dinamizar moito a festa” e tamén animou ás parroquias “a seguir o exemplo de Bugallido, que se unan e participen todos xuntos para poder facer nalgún momento un encontro de Entroido entre as parroquias do noso concello”.

Pola súa banda, o representante de XEA, Jorge López subliñou que con “facer un Entroido máis local, con participación veciñal e que conte coa colaboración das asociacións para facer un Entroido máis noso”.

A concelleira de Benestar Social, Uxía García, explicou que “é o terceiro ano que facemos o cocido dos nosos maiores o martes de Entroido, este ano en Bertamiráns e cunha temática de disfraces relacionados co cine”. Na mesma liña, adiantou “tamén terán a nosa festa de Entroido de Amessán para todos os maiores que participan no programa”.

Actividades do 26 de febreiro ao 7 de marzo
O Entroido en Ames dará comezo o vindeiro mércores 26 de febreiro, ás 19.00 horas, co “Concerto Miúdo” do alumnado da Escola de Música Municipal de Ames na Casa da Cultura de Bertamiráns. Ademais deste recital, a EMMA realizará o seu festival de Entroido o venres 28, tamén en Bertamiráns, ás 19.30 horas, onde interpretarán diferentes pezas ao longo de toda a velada.

Os maiores de Ames contarán o martes de Entroido, día 4, coa co cocido dos maiores, dirixido para as persoas maiores de 65 anos empadroados no municipio. Este ano, será no pavillón de Bertamiráns e a temática é o cine. Ademais, os asistentes contarán coa actuación musical do dúo Plan B e, como vén sendo habitual, haberá servizo de buses polas parroquias.

Xunto co cocido, os nosos maiores gozarán da súa propia festa de Entroido co “Entroido Amessán” o venres 7, no Centro Social do Milladoiro. Desde as 17.00 horas, os participantes poderán gozar de música en directo e dunha tarde chea de sorpresas e diversión.

O sábado 1 de marzo, realizarase a Festa de Entroido, na Praza da Maía de Bertamiráns. A partir das 17.00 horas, haberá unha exhibición de baile a cargo do Club deportivo de baile Danzaya xunto coa actuación musical de Dani Barreiro & Friends.

Concurso de disfraces
O domingo, 2 de marzo, organízase o concurso e desfile de Entroido do Concello de Ames, que se realizará no Milladoiro e no que poderán participar persoas de todas as idades tanto as persoas a nivel individual ou en grupo, asociacións legalmente constituídas, comunidades, etc. As persoas menores de idade terán que participar baixo a responsabilidade dunha persoa adulta, que actuará como representante para todos os efectos que se deriven do concurso. As asociacións serán representadas pola persoa que asuma o cargo da presidencia ou persoa en quen delegue.

As inscricións realizaranse  no correo electrónico entroidoames@gmail.com  ata o 26 de febreiro como data límite. Para realizar a inscrición deberanse achegar os seguintes datos; título do disfrace, nome e apelidos da/s persoa/s representante/s, DNI, teléfono de contacto, número de compoñentes, se levan música ou se levan carroza (e neste caso indicar as medidas).

Os/as participantes deberán presentarse na Casa da Cultura do Milladoiro o domingo 2 de marzo, entre as 15:30 e as 16:00 horas. O xurado estará composto por tres membros designados pola Xuntanza de Empresarios de Ames e valorará os diferentes disfraces conforme á creatividade, á caracterización e á orixinalidade.

A saída farase ás 17.00 horas dende o aparcadoiro da Casa da Cultura do Milladoiro. Os/as participante percorrerán as rúas do Milladoiro durante unha hora e media, polo que ás 18:30 horas terá lugar a entrega de premios no mesmo aparcadoiro da Casa da Cultura. O desfile estará amenizado polo grupo Charanga Mekánica.

Establécense  tres categorías segundo o número de participantes: individual (de 1 ou 2 persoas); grupos pequenos (de 3 a 10 persoas); e grupos grandes (máis de 10 persoas). Na categoría individual outorgaranse tres premios: 100 euros para o primeiro premio, 75 euros para o segundo; e 50 para o terceiro. Na categoría de grupos pequenos os premios serán de 300 euros para o primeiro, 200 para o segundo, e 100 euros para o terceiro. Na categoría de grupos grandes entregaranse tamén tres premios: 500 euros para o primeiro premio, 300 para o segundo e 150 euros para o terceiro.

Festa e concurso de disfraces infantil
Por último, o luns 3 de marzo farase a festa e concurso infantil de disfraces. Será na Praza da Maía a partir das 17.00 horas. Ademais, haberá música da man, un obradoiro de maquillaxes, e máis actividades para que a cativada goce dunha tarde do máis divertida.

O concurso está dirixido ao público infantil (poderán participar nenos e nenas de ata os 12 anos cumpridos e poderán participar  ben de forma individual ou en grupos). Os nenos/as para participar terán que estar  baixo a responsabilidade dunha persoa adulta, que actuará como representante para todos os efectos que se deriven deste concurso.

As inscricións realizaranse  no correo electrónico entroidoames@gmail.com ata o 26 de febreiro como data límite. Para realizar a inscrición deberanse achegar os seguintes datos, título do disfrace, nome e apelidos da/s persoa/s representante/s, DNI, teléfono de contacto, número de compoñentes e música se a precisan. A inscrición tamén se poderá facer de xeito presencial na praza da Maía o propio día 3, de 16:00 a 16:30 horas. Os/as participantes deberán presentarse na praza da Maía entre as 16:00 e as 16:30 horas.

O xurado estará composto por tres membros designados pola Xuntanza de Empresarios de Ames e valorará os diferentes disfraces conforme á creatividade, á caracterización á orixinalidade, o traballo requirido na  elaboración dos disfraces, é dicir se son elaborados total ou parcialmente polos participantes, a utilización de materiais  empregados respectuosos co medio ambiente.

Establécense  dúas categorías segundo o número de participantes: individual: de 1 ou 2 persoas  ata 12 anos cumpridos; e grupos: máis de 3 persoas ata 12 anos cumpridos. Na categoría individual haberá tres premios: 75 euros para o primeiro, 50 euros para o segundo e 25 euros para o terceiro. Na categoría de grupos os importes dos premios son 250 para o primeiro, 150 euros para o segundo e 75 para o terceiro.

Novas relacionadas

La Voz de Galicia: "O Milladoiro y Bertamiráns se reparten las principales propuestas del entroido de Ames

El Correo Gallego: "Ames propón un Entroido con dez días de eventos para todos os públicos"

O Concello de Ames presenta a programación do Entroido 2025

Multimedia

  • O Concello de Ames presenta a programación do Entroido 2025
  • O Concello de Ames presenta a programación do Entroido 2025
  • Cartel do Entroido en Ames 2025
  • Programación do Entroido en Ames 2025