Pestanas principais

Retómanse as xuntanzas da Mesa Local de Coordinación contra a Violencia de Xénero

Martes, 11 de febreiro de 2025

No pasado mes de xaneiro realizáronse dúas sesións de formación para a dinamización da Mesa Local de Coordinación Interinstitucional contra a Violencia de Xénero baixo a coordinación da Consellería de Política Social e Igualdade. Desta maneira, prosegue o funcionamento deste grupo de traballo que se creou no ano 2016 e no que están representados todos os ámbitos implicados directa ou indirectamente na loita contra a violencia de xénero.

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Benestar Social, retomou no pasado mes de xaneiro os obradoiros de dinamización da Mesa Local de Coordinación Interinstitucional contra a Violencia de Xénero. En ditas sesións de formación participou persoal dos centros de saúde, centros de ensino, corpos de seguridade, e servizos sociais do Concello de Ames. Ditos obradoiros enmárcanse dentro da formación que fai a Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero para activar e dinamizar as Mesas Locais de Coordinación interinstitucional contra a Violencia de Xénero.

A concelleira de Benestar Social, Uxía García, destaca “a necesidade de manter unha coordinación interinstitucional permanente contra a violencia de xénero. A Mesa Local de Coordinación contra a Violencia de Xénero debe ser un espazo de encontro entre os CIM, persoal técnico e político dos concellos responsables das áreas de igualdade, e mailos corpos de seguridade, dirixido a fortalecer o traballo que se realiza neste eido”.

Os obxectivos de dita formación foron analizar as posibilidades da Mesa como espazo de traballo e dinamizar a participación dos e das axentes que forman parte da Mesa Local de coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero; dar pautas para a eficiencia do espazo: toma de decisións, acordos, asembleas e reunións. Neste sentido, facilitouse este manual de dinamización, con pautas prácticas que poden orientar a moderación da Mesa.

Outros obxectivos foron planificar e poñer en valor as lóxicas de traballo, así como os elementos ou obstáculos que poderían dificultar a operatividade da Mesa; identificar condicións e habilidades que faciliten a posta en marcha da Mesa; e identificar axentes e entidades do territorio que teñen cabida na Mesa, coas que procurar alianzas e deseñar conxuntamente estratexias de prevención e intervención contra a violencia de xénero.

As sesións formativas tiveron un carácter práctico e participativo, nas que se compartiu que é o que se espera da Mesa, e fíxose unha análise conxunta do territorio no que se intervén, procurando un marco compartido sobre o modelo de Mesa que se desexa poñer en marcha.  Na primeira sesión fíxose  unha posta en común das dinámicas de traballo e principais obstáculos á hora de abordar a atender casos de violencia de xénero e o modelo de Mesa sobre o que traballar.

Por outra banda, na segunda sesión abordouse o proceso de activación da Mesa Local, a celebración  de xuntanzas da Mesa plenaria e da Mesa técnica de intervención, así como a organización de charlas/talleres cos centros de ensino do concello. Por último, realizáronse diversas achegas para o bo funcionamento de reunións e xuntanzas.

Retómanse as xuntanzas da Mesa Local de Coordinación contra a Violencia de Xénero