Pestanas principais

O alumnado do obradoiro de emprego Renova VII instalará paneis solares fotovoltaicos nas escolas infantís municipais de Ames e na Escola municipal de música de Brión

Mércores, 12 de febreiro de 2025

Os Concellos de Ames e Brión están a desenvolver a sétima edición do obradoiro dual de emprego Renova, no que participan 20 alumnos/as traballadores/as (15 de Ames e 5 de Brión). Nesta edición impártense 9 meses de formación sobre o certificado de profesionalidade oficial de montaxe e mantemento de instalacións solares fotovoltaicas. Ademais, impártense un módulo de instalacións eléctricas en edificios de vivendas e actividades complementarias de informática, prevención de riscos laborais e orientación laboral. Dita formación compleméntase con formación homologada de Prevención de Riscos Laborais; manexo de carretillas elevadoras; operador/a de plataformas elevadoras móbiles de persoal; e prevención de riscos laborais en alturas; como complemento á formación no certificado de profesionalidade.

Esta mañá, a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e o director territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, Juan José Couce, acompañaron aos alcaldes de Ames, Blas García, e de Brión, Pablo Lago, na visita que lle fixeron ao alumnado do obradoiro dual de emprego Renova VII. En dita visita tamén participaron a concelleira de Promoción Económica e Emprego de Ames, Ana Belén Paz; a concelleira de Promoción Económica e Emprego de Brión; Guarina Rey; e concelleiros/as do Partido Popular de Ames; Oliva Agra, Pablo Beiroa e José Ramón Oulego.

Primeiro fixeron unha visita polas instalacións do Centro de formación de Aldea Nova, onde o alumnado de dito obradoiro está desenvolvendo a súa formación teórica e práctica. A continuación, participaron na entrega dos diplomas que acreditan o correcto aproveitamento dos cursos de Prevención de Riscos Laborais; manexo de carretillas elevadoras; operador/a de plataformas elevadoras móbiles de persoal; e prevención de riscos laborais en alturas. Ditos cursos complementan a formación que se está impartindo no obradoiro dual de emprego Renova no que participan 20 alumnos/as traballadores/as.

A delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, destacou que “os obradoiros de emprego permiten dotar a nosa poboación activa de formación de calidade ao tempo que desenvolven un traballo produtivo de utilidade pública ou interese social, coa posibilidade de acreditalo a través dos certificados de profesionalidade”. “O obxectivo –incidiu– é seguir mellorando o emprego nos concellos galegos, especialmente nos do rural, adaptando a oferta formativa ás súas demandas e necesidades de contratación”. Neste senso, animou a todos os participantes a aproveitar a formación que van a recibir para buscar traballo e incluso para iniciar o seu propio negocio “porque cando rematedes estes 9 meses estaredes preparados para traballar nun sector que precisa, nestes momentos, de profesionais cualificados”, subliñou.

O alcalde de Ames, Blas García, explicou que “este obradoiro serve de exemplo sobre como debe de ser a colaboración entre as administracións, neste caso dos Concellos de Ames e Brión coa Xunta de Galicia. As administración debemos de colaborar neste tipo de iniciativas que serven para axudar á veciñanza que ten certas dificultades para acceder ao mercado laboral. A nosa obriga é axudalos a formarse para que adquiran novos coñecementos e poidan dispor dun emprego, porque iso permite ter independencia e dignidade. Aproveitade o tempo que ides a estar neste obradoiro porque estades formándovos nun certificado de profesionalidade en enerxías renovables, un sector que require de man de obra cualificada na actualidade, polo que vos vai abrir novas portas no futuro”.

O alcalde de Brión, Pablo Lago, dixo “para o Concello de Brión é un pracer participar un ano máis, e van sete seguidos, neste obradoiro de emprego dual Renova VII. Uns programas que permiten un dobre obxectivo: por unha banda, formar aos nosos veciños e veciñas nun sector como o da enerxía fotovoltaica, que precisa de empresas e profesionais cualificados; e, por outra, mentres vos formades realizades actuacións de utilidade pública para o resto da veciñanza, como poden ser eses paneis que queremos colocar na Escola de Música Magariños ou eses novos puntos de recarga de vehículos eléctricos. Aproveitade estes nove meses de formación e recordade que estamos á vosa disposición para o que queirades, tanto nós como os técnicos dos departamentos de Emprego de Brión e de Ames. Tanto durante o curso, como despois del”.

Plan de formación
Dentro do plan de formación aprobado para este proxecto, a totalidade do alumnado recibe formación teórico-práctica do certificado de profesionalidade de montaxe e mantemento de instalacións solares fotovoltaicas (410 horas). Ademais, impártese un módulo de instalacións eléctricas en edificios de vivendas (170 horas); actividades complementarias de informática, prevención de riscos laborais e orientación laboral (189 horas); e traballos de obra (565 horas). En total impártense 1.440 horas de formación e traballo en obra.

Dita formación compleméntase con formación homologada de Prevención de Riscos Laborais; manexo de carretillas elevadoras; operador/a de plataformas elevadoras móbiles de persoal; e prevención de riscos laborais en alturas; como complemento á formación no certificado de profesionalidade. Ditas accións formativas teñen o obxecto de inculcar prácticas seguras de cara ao inicio dos traballos nas actuacións aprobadas (cultura preventiva) e mellorar a cualificación e empregabilidade do alumnado.

Obradoiro dual de emprego
Os obradoiros duais de emprego son programas públicos de formación e emprego en que os traballadores/as desempregados/as participantes reciben cualificación profesional ao mesmo tempo que desenvolven un traballo produtivo en actividades de utilidade pública ou interese social. Este obradoiro está sufragado a través dunha subvención de 412.000 euros, concedida aos Concellos de Ames e Brión por parte da Xunta de Galicia, para o financiamento dos custos de formación profesional para o emprego. Ademais, os Concellos de Ames e Brión achegan 164.000 euros.

No Renova VII fórmase durante 9 meses a 20 alumnos/as, quince alumnos do concello de Ames e cinco alumnos do concello de Brión. O obradoiro de emprego comezou o pasado 2 de decembro e rematará o vindeiro 1 de setembro.

Novas instalacións fotovoltaicas e de iluminación
Ademais da formación teórico práctica, o alumnado realizará traballos de interese municipal e aforro enerxético. Neste caso, van a realizar traballos de mantemento en 18 instalacións de paneis solares fotovoltaicos executadas nas seis edicións anteriores do obradoiro. Ademais, van a executar tres novas instalacións de paneis solares fotovoltaicos nas escolas infantís municipais de Ames (Escola infantil municipal A Madalena, no Milladoiro; e Escola infantil municipal O Bosque, en Bertamiráns) e na Escola municipal de música Magariños de Brión.

Por outra banda, na actualidade estanse realizando traballos de renovación da iluminación interior e mellora da eficiencia enerxética no Centro de formación de Aldea Nova e na Casa do Concello de Ames. Tamén se vai executar a instalación de dous puntos de recarga para vehículos eléctricos híbridos no concello de Brión. Estas actuacións enmárcase dentro da formación do módulo de instalacións eléctricas en edificios de vivendas.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "O obradoiro de emprego de Ames e Brión instalará paneis solares en escolas"

Lindeiros: "Paneis solares para a escola ide estes dous nfantil de Ames e de música de Brión"

O alumnado do obradoiro de emprego Renova VII instalará paneis solares fotovoltaicos nas escolas infantís municipais de Ames e na Escola municipal de música de Brión

Multimedia

  • O alumnado do obradoiro de emprego Renova VII instalará paneis solares fotovoltaicos nas escolas infantís municipais de Ames e na Escola municipal de música de Brión