Pestanas principais

Aberto o prazo para a participación das agrupacións musicais non profesionais de Ames nas festas populares ou actividades de dinamización sociocultural de 2025

Venres, 21 de febreiro de 2025

O Concello de Ames, a través da Concellería de Cultura, informa de que ata o 6 de marzo estará aberto o prazo para que as agrupacións musicais non profesionais do concello de Ames participen nas festas populares ou actividades orientadas á dinamización sociocultural de 2025. Posteriormente, os grupos de música tradicional e corais non profesionais inscritas poderán ser solicitadas por asociación e comisións de festas municipais dentro da convocatoria de subvencións en especies para as festas populares celebradas no 2025. A través desta iniciativa búscase fomentar a celebración das festas e colaborar na súa organización, facendo máis doada o labor que está a desenvolver o tecido asociativo e as comisións de festas do concello no eido da dinamización sociocultural. En 2025 a contía total desta liña de axudas ascenderá a 24.000 euros. Premendo nesta ligazón podes consultar as bases da convocatoria.

Entre os obxectivos da Concellaría de Cultura atópase o de poñer en valor o tecido asociativo municipal, por unha parte apoiando aos grupos de música tradicional propiciando actuacións ás entidades organizadoras das festas, e por outra parte fomentando a celebración das festas populares colaborando na súa organización.

Estas bases teñen por obxecto establecer os criterios e procedementos para que as asociacións inscritas no rexistro de asociacións do Concello de Ames poidan inscribir as súas agrupacións de música tradicional e corais e así as entidades que organizan festexos ou actividades orientadas á dinamización sociocultural municipal, poidan solicitar axudas en especie consistentes en actuacións das agrupacións de música tradicional ou corais do Concello de Ames durante o 2025 que estean inscritas neste programa.

Poderán inscribirse todos os grupos de música tradicional e corais non profesionais que estean constituídos como asociación e figuren inscritas no rexistro municipal de asociacións do concello de Ames. Comprobarase que os datos estean actualizados no momento da inscrición. O prazo para a inscrición das agrupación é de 15 días naturais dende o día seguinte á publicación das bases no BOP, que se pode consultar premendo na seguinte ligazón.

As agrupacións presentarán a solicitude de inscrición no programa, xunto co resto da documentación na Sede electrónica do Concello de Ames mediante o modelo normalizado que se inclúe como anexo nesta convocatoria. O prazo de inscrición estará aberto ata o 6 de marzo.

Inscrición nun máximo de dúas modalidades
Cada grupo poderá inscribirse nun máximo de dúas modalidades (número de compoñentes en cada actuación e se é música/baile ou música e baile). O importe dos cachés será fixado segundo o seguinte criterio:

-Actuación de ata 4 membros - Máximo 300 euros/actuación.
-Actuación de entre 5 e 10 membros - Máximo 500 euros/actuación.
-Actuación de entre 11 e 15 membros - Máximo 600 euros/actuación.
-Actuación de entre 16 e 20 membros- Máximo 900 euros/actuación.
-Actuación de máis de 20 membros- Máximo 1.000 euros/actuación.

Pagamento
O Concello de Ames, adxudicaralle un contrato con cada un dos os grupos de música tradicional e corais non profesionais inscritas no programa por cada actuación. Para o cobramento de cada actuación os grupos deberán presentar a factura polo importe da actuación e acreditación da realización mediante, certificado, declaración ou informe no que se especifique a data da actuación, lugar, evento ou festexo, e a asociación ou comisión de festas que solicitou a actuación.

Axudas en especies para festas populares
Posteriormente, os grupos de música tradicional e corais non profesionais inscritas poderán ser solicitadas por asociación e comisións de festas municipais dentro da convocatoria de subvencións en especies para as festas populares celebradas no 2025. A través desta iniciativa búscase fomentar a celebración das festas e colaborar na súa organización, facendo máis doada a labor que está a desenvolver o tecido asociativo e as comisións de festas do concello no eido da dinamización sociocultural. En 2025 a contía total desta liña de axudas ascenderá a 24.000 euros.

Aberto o prazo para a participación das agrupacións musicais non profesionais de Ames nas festas populares ou actividades de dinamización sociocultural de 2025