Pestanas principais

Mañá, 5 de marzo, finaliza o prazo para inscribirse na Carreira da Muller

Martes, 4 marzo, 2025
O prazo de inscrición para participar na carreira “Moitos camiños, mesma meta” finaliza mañá, mércores día 5, ás 14 horas. Trátase dunha cita deportiva lúdica e non competitiva, incluída dentro do programa elaborado polo Concello con motivo da conmemoración do Día Internacional da Muller.

Este ano celébrase a quinta edición da carreira “Moitos camiños, mesma meta”, que tivo unha gran acollida en anos anteriores e contou cunha gran participación. Trátase dunha proba deportiva na que as persoas participantes deberán enfrontarse a nove obstáculos ao longo de 600 metros, que se poden recorrer correndo ou andando, e con ou sen axuda de compañeiros/as. Non se trata dunha cita competitiva, senón dunha proba que busca reivindicar as dificultades ás que se enfrontan todas as mulleres no seu día a día. Cada atranco simbolizará un reto distinto.

O percorrido poderase realizar de maneira individual ou con compañía. Ademais, búscase fomentar a participación do público familiar e propiciar o debate social sobre aspectos como a conciliación ou a corresponsabilidade. Por este motivo, esta carreira está pensada para nenos/as de 5 anos en diante e persoas adultas. No caso dos menores, deberán acudir acompañados dun adulto.

Este ano a carreira farase na área deportiva do Milladoiro, a partir das das 11:30 horas. A recollida de dorsais farase a partir das 10:30 horas o mesmo día da carreira. Ao final da proba entregarase un agasallo a cada participante.

A inscrición, de balde, pode realizarse en liña premendo nesta ligazón, ou de forma presencial en Gabinete de Alcaldía, na Casa do Concello, ata o mércores 5 de marzo ás 14:00 horas. As inscricións tamén se poderán facer o propio sábado 8 de marzo, ata media hora antes de comezar a proba.

Tras a carreira haberá sorteo de agasallos grazas á colaboración de Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA), que colabora nesta iniciativa con diversos premios. Cada participante na carreira participará en dito sorteo co número do seu dorsal.