Pestanas principais

Tiago Blanco e Xián Blanco, da Escola Dokkodo, participaron o pasado 22 de febreiro na 2º Xornada da Liga Nacional de Karate

Mércores, 05 de marzo de 2025

O pasado 22 de febreiro celebrouse a 2º Xornada da Liga Nacional de Karate, que tivo lugar en Albacete e reuniu a máis de 1.200 deportistas procedentes de diferentes cidades de España. A Escola de Karate Dokkodo estivo representada por Xián e Tiago Blanco realizaron unha gran competición na que deixaron unhas sensacións moi positivas de cara o futuro.

A xornada comezou ás 08:30 da mañá coa modalidade de kata. Pola súa banda, Xián disputou tres combates a un alto nivel, amosando un gran nivel técnico e de execución. Con todo, caeu na terceira ronda de forma inxusta ante un rival que demostrou evidentes erros de posicións e técnicas. En canto a Tiago, a pesar de non atoparse nas mellores condicións físicas, gañou o seu primeiro combate e realizou un moi bo segundo encontro, loitando con determinación e carácter.

Na modalidade de kumite, Tiago perdeu o primeiro encontro por un axustado 2-1, no que estivo a piques de acadar un empate. Nos intres finais, realizou un golpe que podía darlle ese resultado a táboas, mais a acción chegou fóra de tempo, impedindo que subira o punto ao marcador e quedando o amesán sen opcións de repesca. A sorte tampouco estivo do lado de Xián, pois tampouco puido superar o seu primeiro combate e quedou xa na primeira rolda sen opcións de repesca.

A pesar de non conseguir subir ao podio, os representantes da Escola de Karate Dokkodo realizaron unha gran competición na que deixaron sensacións moi positivas a nivel competitivo. Deste xeito, ámbolos deportistas afrontan esta temporada, na que estrean categoría, como unha gran oportunidade de aprendizaxe e mellora.

Tiago Blanco e Xián Blanco, da Escola Dokkodo, participaron o pasado 22 de febreiro na 2º Xornada da Liga Nacional de Karate

Multimedia

  • Tiago Blanco e Xián Blanco, da Escola Dokkodo, participaron o pasado 22 de febreiro na 2º Xornada da Liga Nacional de Karate