- Tematica
A Biblioteca municipal de Ames, con moitvo do Día Mundial do Teatro que se conmemora o vindeiro 27 de marzo, presenta o obradoiro “Cinemakis”, dirixido para a rapazada a partir de 3º de primaria. A actividade desenvolverase o venres 21 de marzo no Milladoiro e o sábado 22 en Bertamiráns. O prazo de inscrición para participar estará aberto desde mañá, 10 de marzo, ata o vindeiro martes día 18. Para participar, é previso enviar un correo electrónico ao enderezo biblioteca@concellodeames.gal indicando nome, apelidos, curso e idade das crianzas participantes xunto cun número de teléfono de contacto.
O servizo de bibliotecas continúa coa súa programación de actividades para este 2025. Desta volta, organizan o obradoiro “Cinemakis”, que se vai impartir o venres 21 de marzo no Milladoiro e o sábado 22 en Bertamiráns.
Os rapaces e rapazas que participen nesta actividade poderán aprender de maneira lúdica e divertida as partes estruturais dun Emaki clásico, unha modalidade de teatro lumínico tradicional xaponés que se fai a partir de pergamiños ilustrados. Ademais, poderán transformar o Emaki nun xoguete e, a través del, crear e contar historias xa coñecidas ou inventadas por eles mesmos.
Deste xeito, os nenos e nenas poderán traballar a súa creatividade e coñecer diferentes obras literarias, ao tempo que gozan dunha xornada diferente de lecer. O obradoiro, dirixido para a rapazada que cursa 3º de primaria en diante, desenvolverase o día 21 de marzo, ás 17.00 horas, a biblioteca do Milladoiro. Por outra banda, en Bertamiráns realizarase o sábado 22 ás 11.30 na biblioteca municipal.
O prazo para inscribirse estará aberto desde mañá, luns día 10, ata o vindeiro martes 18 de marzo. A inscrición pode facerse chamando ao 981 884 829 (biblioteca de Bertamiráns) ou 981 530 807 (biblioteca do Milladoiro) ou enviando un correo electrónico ao enderezo biblioteca@concellodeames.gal indicando o nome, apelidos, curso e idade, así como un número de teléfono de contacto.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "Taller Cinemakis en la biblioteca de Ames"