- Tematica
O Concello de Ames conmemorou na mañá deste luns, 10 de marzo, o Día Internacional da Muller, que ten lugar cada 8 de marzo, cun acto institucional na Casa do Concello en Bertamiráns. No acto procedeuse á lectura do manifesto institucional do Concello de Ames por parte dos membros da Corporación municipal e que, este ano, puxo o foco no avance das mensaxes negacionistas e contra as políticas de igualdade acadadas ata o momento.
A Casa do Concello acolleu esta mañá a lectura do manifesto institucional do Concello de Ames con motivo do 8M. O acto estaba previsto para realizarse o propio Día Internacional da Muller, mais as condicións meteorolóxicas da xornada do sábado motivaron o seu aprazamento. Deste xeito, o manifesto foi lido polo alcalde, Blas García; a concelleira de Igualdade, Uxía García; a voceira do Partido Popular de Ames, Oliva Agra; a voceira do Bloque Nacionalista Galego de Ames, Escarlata Pampín, e a voceira de Espazo Común de Ames, Luísa Feijóo. Ao acto asistiron todos os membros da Corporación municipal.
No manifesto deste ano tratáronse problemáticas moi vixentes aínda a día de hoxe polas mulleres, como a fenda de xénero a nivel profesional e social, a violencia machista, a loita pola conciliación e corresponsabilidade, a visibilización das mulleres en ámbitos como o da ciencia ou a cultura, a liberdade de decisión sobre os dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres, a participación das mulleres na vida política e en espazos sociais ou a importancia de fomentar unha educación en igualdade.
Ademais, desta volta fíxose especial fincapé nos discursos negacionistas contra as políticas de igualdade que están en auxe na actualidade, “hoxe en día discursos negacionistas e inmobilistas ameazan con deter o avance e propiciar un retroceso, feito que dende as administracións públicas se debe combater e rexeitar de forma frontal. As políticas públicas de igualdade son o instrumento que temos para facer avanzar á sociedade. Mentres a igualdade non se acade e a violencia e discriminación non cesen, a loita feminista tampouco o fará”.
Actividades polo Día Internacional da Muller
As actividades polo 8M continuarán a desenvolverse ao longo das vindeiras semanas. Proximamente anunciarase a nova data na que se vai celebrar a carreira da muller “Moitos camiños, mesma meta”, que estaba prevista para este pasado sábado 8 de marzo e que tivo que adiarse debido ás condicións meteorolóxicas da xornada.
Así mesmo, dentro da programación do 8M, volveuse a poñer en marcha o programa “Mulleres en rede”, que está dirixido especialmente a mulleres que se atopan nun estado de vulnerabilidade. Con fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, impartirase un curso durante os meses de marzo, abril e maio. No obradoiro, profesionais da psicoloxía e do ámbito laboral, tratan de empoderar e recuperar a autoestima das mulleres participantes, así como de buscarlles oportunidades laborais.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "El 8M de Ames Reivindica «políticas públicas de igualdade»"
El Correo Gallego: "Ames chama a combater os discursos negacionistas e en contra da igualdade"