Pestanas principais

Ames participa na xornada “Compra pública responsable nas administracións locais”

Mércores, 12 de marzo de 2025

Este mércores, 12 de marzo, a Asociación Empresarial Galega de Centros Especiais de Emprego (CESAGAL) e a Asociación de Empresas de Inserción de Galicia (AEIGA) organizaron a xornada “Compra pública responsable nas administracións locais”, un encontro dirixido a responsables municipais, profesionais do sector público e entidades de economía social interesadas en promover unha contratación pública con impacto social e ambiental. O alcalde de Ames e vogal da Comisión Executiva da FEGAMP, Blas García, participou na Mesa redonda “Desafíos e oportunidades na contratación responsable nos concellos galegos”.

A compra pública responsable representa unha grande oportunidade para que as administracións locais impulsen a inclusión laboral de persoas con discapacidade e en risco de exclusión. A xornada foi un espazo de aprendizaxe e intercambio de experiencias, no que se abordaron cuestións fundamentais como a integración de criterios sociais na contratación pública, os retos normativos e administrativos que deben afrontar os concellos galegos e as boas prácticas xa implantadas en diferentes municipios.

O evento celebrouse no Edificio CINC da Cidade da Cultura de Santiago de Compostela en horario de mañá, desde as 9:45 horas ata as 14:00 horas. A xornada estruturouse arredor de relatorios e mesas redondas onde se analizaron diversas estratexias para aplicar a contratación responsable no contexto municipal, así como os desafíos e oportunidades que presentan estas políticas nos concellos. Tamén se compartiron experiencias de órganos de contratación que xa implantaron con éxito este modelo e presentouse unha selección de casos reais de empresas que demostran a viabilidade e os beneficios da compra pública responsable.

O alcalde de Ames e vogal da Comisión Executiva da FEGAMP, Blas García, participou na Mesa redonda “Desafíos e oportunidades na contratación responsable nos concellos galegos”, xunto con Simón Rego, conselleiro da Área de Corporacións Locais do Consello de Contas de Galicia; José Manuel López, alcalde do Concello da Laracha; e Manuel Ángel Jove, director da Área de Administración Xeral do Concello da Coruña.

O Concello de Ames participou por segunda vez nas xornadas organizadas por CEGASAL e AEIGA para abordar a contratación responsable nos concellos galegos. O ano pasado Ames foi expoñer as prácticas que leva a cabo en canto a contratación reservada, poñendo de exemplo o contrato de mantemento de zonas verdes adxudicado á empresa Coregal Parques e Xardíns.

A importancia da contratación responsable
Durante a súa intervención o alcalde de Ames e vogal da Comisión Executiva da FEGAMP, Blas García, expuxo a importancia de formar e mentalizar aos Concellos, a políticos e técnicos municipais, de levar levar a cabo unha contratación responsable e mergullarse na contratación reservada para favorecer a inclusión de persoas con discapacidade no mercado laboral: “Nos Concellos non están mentalizados aínda cos beneficios que reportan este tipo de contratos. É necesario facer unha labor pedagóxica para que as administracións locais entendan a importancia da contratación reservada. Debemos acabar co estigma mal fundado de que as empresas que traballan con persoas con discapacidade no son capaces de facer o traballo coa mesma calidade que as que non o fan”. O alcalde rematou expoñendo que ”os Concellos somos á administración máis próxima á veciñanza e temos que velar por que se fagan políticas para as persoas”.

Blas García, en relación ao debate actual de replantexamento do modelo de financiamento autonómico e da quita de débeda ás autonomías, puxo de manifesto tamén a necesidade de reformular o modelo financiamento local para que os Concellos poidan responder e paliar o déficit de recursos económicos e humanos que están a sufrir: “Agora mesmo os Concellos estamos gravemente infrafinanciados, feito que nos limita á hora de contratar persoal e sacar adiante os servizos. Ao mesmo tempo cada vez impóñennos máis e máis competencias que non veñen acompañadas dos recursos necesarios para sacalas adiante”.

Contrato de mantemento de zonas verdes de Ames
O Concello de Ames leva traballando con contratos reservados dende o ano 2005. No mes de xullo do ano 2023 a Xunta de Goberno Local adxudicou o contrato de mantemento de zonas verdes do concello de Ames á empresa Coregal Parques e Xardíns SL, por un importe de 1.531.860 euros (IVE incluído). Este contrato está dirixido a centro especiais de emprego de iniciativa social e ten unha duración de catro anos. A prestación do servizo iniciouse o pasado 1 de setembro de 2023.

Entre as zonas de actuación destacan a área fluvial de Tapia, a contorna das piscinas e da Casa da Cultura do Milladoiro, a área de estacionamento de autocaravanas, a praza de Manuel Murguía, a da Madalena, a de Correos, o parque empresarial do Milladoiro ou o campo fútbol. En Bertamiráns entre os elementos a conservar están a contorna da piscina da Telleira, o parque do Ameneiral, a praza de Chavián, a Casa da Cultura, a praza do Concello ou o Pazo da Peregrina.

A xornada pechouse coa intervención de Marta Mariño, directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social; do presidente de Cegasal, Mino Martínez; e da presidenta de Aeiga, Isabel Fraga. Esta actividade forma parte do programa de actuación 2024-2025 da Rede Eusumo.

Novas relacionadas:

AMSGO!: "Ames participa na xornada “Compra pública responsable nas administracións locais”"

Ames participa na xornada “Compra pública responsable nas administracións locais”

Multimedia

  • Ames participa na xornada “Compra pública responsable nas administracións locais”
  • Ames participa na xornada “Compra pública responsable nas administracións locais”
  • Ames participa na xornada “Compra pública responsable nas administracións locais”
  • Ames participa na xornada “Compra pública responsable nas administracións locais”