Pestanas principais

Comezan as obras de pavimentación das rúas Pardiñeiros, Seidón e Panasqueira do Milladoiro nas que se van investir preto de 100.000 euros

Luns, 17 de marzo de 2025

Esta mañá comezaron os traballos previos para executar as obras de pavimentación nas rúas de Pardiñeiros, Seidón e Panasqueira, situadas no Milladoiro. O proxecto, que forma parte do POS+ 2024 da Deputación da Coruña, foi adxudicado á empresa Excavaciones y Obras Candal SL por un importe de 98.714,18 euros (IVE incluído). A través destas obras mellorarase a capa de rodaxe nunha superficie de 5.350 metros cadrados de ditas rúas. Esta actuación súmase a xa executada nas rúas do Muíño Vello; Agro do Medio; do Rego; e de Abaixo, nas que se investiron 301.580,65 euros para mellorar a súa capa de rodaxe.

O Concello de Ames continúa o seu investimento nas infraestruturas tanto das parroquias do rural coma dos núcleos urbanos. Deste xeito, esta mañá comezaron os traballos previos para executar as obras de pavimentación nas rúas de Pardiñeiros, Seidón e Panasqueira, situadas no Milladoiro. Ditos traballos comezaron a executarse na rúa das Panasqueiras. Este proxecto, que está incluído no POS+ 2024 da Deputación da Coruña, foi adxudicado á empresa Excavaciones y Obras Candal SL por un importe de 98.714,18 euros (IVE incluído).

O concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto, explica “recentemente xa se mellorou a pavimentación de varias rúas do Milladoiro: Muíño Vello; Agro do Medio; do Rego; e de Abaixo. Estas rúas son moi transitadas e necesitaban unha mellora da capa de rodaxe. Agora vanse a mellorar outras tres rúas máis desta localidade: Pardiñeiros, Seidón e Panasqueira. En total, nas obras destas sete rúas do Milladoiro vanse a investir máis de 400.000 euros”.

Por outra banda, o alcalde de Ames, Blas García, destaca que “trátase dunha importante actuación, incluída no POS+ 2024, porque vai completar a mellora das rúas interiores do núcleo urbano do Milladoiro, iniciada xa a través do POS+ 2022”.

Pavimentación das rúas Pardiñeiros, Seidón e Panasqueira
As actuacións contempladas na rúa Pardiñeiros teñen por obxecto a mellora da capa de rodaxe dunha superficie de 3.885 metros cadrados. Con este fin proxéctase a execución dunha capa de 5 centímetros de mestura bituminosa en quente tipo AC 16 surf 50/70 a toda a plataforma, previo fresado de 5 centímetros da superficie actual. A actuación completase coa reposición completa da sinalización horizontal da vía.

Na rúa Seidón vaise renovar o pavimento nunha superficie total de 495 metros cadrados. Para elo, prevese a execución dun novo pavimento de formigón de 15 centímetros de espesor na superficie de 325 metros cadrados e de 10 centímetros na superficie de 170 metros cadrados, sobre zahorra para a súa correcta nivelación, previa demolición de 355 metros cadrados de firme existente.

Por último, na rúa Panasqueira vaise mellorar a capa de rodaxe dunha superficie de 970 metros cadrados. Con este fin proxéctase a execución dunha capa de 5 centímetros de mestura bituminosa en quente tipo AC 16 surf 50/70 a toda a plataforma, previo fresado de 5 centímetros da superficie actual. A actuación completase coa reposición completa da sinalización horizontal da vía.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "El Concello amiense destina cien mil euros a obras en tres calles de O Milladoiro"

AMSGO!: "O Concello de Ames continúa mellorando as rúas do Milladoiro cun novo investimento de 400.000 euros"

Comezan as obras de pavimentación das rúas Pardiñeiros, Seidón e Panasqueira do Milladoiro nas que se van investir preto de 100.000 euros

Multimedia

  • Comezan as obras de pavimentación das rúas Pardiñeiros, Seidón e Panasqueira do Milladoiro nas que se van investir preto de 100.000 euros
  • Comezan as obras de pavimentación das rúas Pardiñeiros, Seidón e Panasqueira do Milladoiro nas que se van investir preto de 100.000 euros