- Tematica
Este xoves, día 10 de abril, o Centro Cultural Mahía acollerá, ás 19.30 horas, a terceira sesión do programa “Abril, mes da saúde en Bugallido”. Desta volta, Paula Lijó Marcote, farmacéutica experta en pel e menopausia, impartirá o relatorio “Máis alá da pel e as mucosas”. A entrada será libre ata completar aforo e pode achegarse calquera persoa interesada en participar.
A Asociación Veciñal de Bugallido, en colaboración co Centro Cultural Mahía e a Sociedade Agraria de Bugallido, Ortoño e Biduído, sigue a celebrar as sesións da segunda edición do seu ciclo de xornadas sobre saúde, nas que a finalidade é achegar a toda a veciñanza aspectos fundamentais e básicos relacionados co ámbito sanitario e o noso benestar físico do día a día.
Desta volta, será a quenda do relatorio “Máis alá da pel e as mucosas”, impartido pola farmacéutica experta en pel e menopausia, Paula Lijó Marcote. Esta terceira xornada de divulgación estará centrada nos coidados que precisa a nosa pel xunto con diferentes cuestións relacionadas coa menopausia, unha etapa que, a pesar de que afecta a todas as mulleres, segue estando rodeada de múltiples tabús dos que non se fala.
O ciclo de xornadas sobre saúde pecharase o vindeiro xoves 24 de abril coa celebración do coloquio “Coñecendo a medicina de precisión. Que é a Medicina Nuclear?”, a cargo da xefa do Servizo de Medicina Nuclear do CHUS, Virginia Pubul Núñez.
A importancia das vacinas na nosa saúde
Por outra banda, o pasado xoves 3 de abril, celebrouse a segunda sesión do Ciclo de Xornadas sobre Saúde, na que Pablo Varela García, médico internista da Unidade de Enfermidades Infecciosas do CHUS, conduciu o coloquio “Vacinas. Salvando vidas”, no que puxo o foco na importancia do uso das vacinas para protexernos e salvar vidas, así como na súa firme defensa da sanidade pública.
O encontro comezou cun percorrido histórico sobre a orixe das vacinas e a maneira na que, ao longo de todas estas décadas, foron un elemento clave e esencial para que a poboación fora aumentando a súa inmunidade, e en consecuencia a súa calidade e esperanza de vida, a diferentes infeccións e bacterias.
Ademais de explicar os motivos máis esenciais da necesidade das vacinas no sistema sanitario, houbo oco para incidir na importancia que seguen a ter a día de hoxe as campañas de vacinación sobre a COVID e a gripe.
Deste xeito, a xornada rematou cunha reflexión e defensa sobre o sistema sanitario público. Pablo Varela fixo fincapé nalgunhas cuestións como a necesidade de que a poboación estea ben informada e facer pedagoxía cos asuntos relacionados co ámbito sanitario.
Novas relacionadas:
Diario de Santiago: "Continúan as xornadas do programa “Abril, mes da saúde en Bugallido” cunha nova sesión de divulgación este xoves"