- Tematica
O alcalde de Ames, Blas García, e o concelleiro de Urbanismo, Administración Xeral e Mobilidade, Víctor Fernández, mantiveron este xoves, 10 de abril, unha xuntanza coa conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue. En dito encontro o rexedor municipal trasladoulle diversas necesidades do Concello en materia de vivenda, infraestruturas e seguridade viaria.
Nesta xuntanza, que tivo lugar en San Caetano, a conselleira e o rexedor municipal abordaron actuacións de interese para Ames, de xeito especial en materia de vivenda e infraestruturas, así como de seguridade viaria.
O alcalde trasladoulle a María Martínez Allegue a necesidade de realizar melloras na estrada AC-544. Os tráxicos accidente de tráfico acontecidos en febreiro e marzo deste ano son indicativos da necesidade da mellora da seguridade viaria nunha estrada de titularidade autonómica sobre a que se leva informado de graves problemas de seguridade dende o ano 2006 dende asociacións veciñais e Concello de Ames.
En materia de vivenda o Concello de Ames pretende poñer a disposición do Instituto Galego da Vivenda e Solo un total de seis parcelas que se atopan situadas na área residencial do plan parcial do sector S-16 Galdrachán, no Milladoiro. A intención do Goberno municipal é chegar a un acordo coa Xunta de Galicia para o desenvolvemento deste terreo urbano co obxectivo de crear novas vivendas suxeitas ao réxime de protección pública. En total cederíanse 5.338 metros cadrados de terreo, que se poden urbanizar, e na que se poden construír 213 vivendas.
María Martínez Allegue destacou a importancia da colaboración entre administracións co fin de impulsar intervencións que contribúan a mellorar a calidade de vida da veciñanza e reforzar a competitividade do municipio amesán.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "María Allegue y Blas García analizan actuaciones futuras en Ames"